Narcose de nitróxeno

A narcose de nitróxeno é unha alteración reversible do estado de conciencia dun individuo no mergullo profundo con botella de aire comprimido. Prodúcese un efecto similar á intoxicación alcohólica ou á inhalación de óxido de nitróxeno.

A narcose pode provocar visión de túnel dificultando a capacidade de lectura

O nitróxeno respirado a alta presión pode provocar unha sensación anormal de euforia e benestar e síntomas nerviosos e pode ralentizar ou entorpecer o funcionamento normal do cerebro. Os síntomas poden ser moi leves ao principio, aumentando a medida que o mergullador descende. Se un mergullador resulta afectado pola respiración de nitróxeno a alta presión, pode ter dificultades para realizar tarefas que normalmente serían sinxelas, como ler e interpretar os instrumentos, tomar decisións ou comunicarse cun compañeiro. A narcose de nitróxeno pode provocar vertixe ou desorientación, e mesmo perda do coñecemento se o mergullador segue descendendo.

Pode sobrevir a calquera profundidade, e vólvese máis evidente ao aumentar esta. Tampouco pode determinarse con precisión a profundidade á que aparecen os síntomas. A maioría de mergulladores non presentan ningún síntoma en profundidades inferiores aos 18 ou 24 m pero a partir dos 24 ou 30 m algúns poden resultar visiblemente afectados.

O tempo non é un factor que interveña na aparición ou alivio da narcose. Os síntomas poden aparecer no preciso momento de chegar a unha determinada profundidade e desaparecer en canto o mergullador ascende un pouco. Non se pode dicir que exista un período de recuperación. Isto facilita o remedio: sinxelamente ascenden lentamente a unha menor profundidade.

O mecanismo que desencadea a narcose de nitróxeno nos mergulladores non está completamente explicado, pero é un efecto directo das altas presións de nitróxeno sobre a transmisión nerviosa. Se ben o efecto narcótico foi observado inicialmente co nitróxeno, outros gases como o argon, o hidróxeno causan efectos similares baixo altas presións; o xenon mesmo pode ser usado como anestésico a presión atmosférica. Este efecto dos gases baixo presión sobre o sistema nervioso é coñecido de xeito xeral como a narcose de gases inertes.

Debido á alteración perceptual e cognitiva de quen padece unha narcose deste tipo, a súa aparición non é doada de recoñecer e a súa severidade é difícil de establecer. Ademais, pode resultar letal polo seu efecto tóxico intrínseco ou como resultado do comportamento ilóxico nun ambiente de risco como é o mergullo autónomo. Os efectos son, porén, doadamente reversibles por desapareceren ao diminuír a presión (ao ascender a menores profundidades ou a presión atmosférica).

Efectos editar

 
A narcose é un dos factores de risco máis importante no mergullo con aire comprimido

Xunto cos baro-traumatismos e os accidentes por descompresión (riscos típicos do ascenso), a narcose é un dos factores de risco máis importantes no mergullo con aire comprimido. O aspecto máis perigoso desta condición é a perda de obxectividade, a incapacidade de actuar racionalmente, a desorientación e a mala coordinación. Nas súas formas máis graves, o mergullador empeza a sentirse invulnerable e a descoidar as normas de seguridade básicas do mergullo. Déronse casos de mergulladores que quitan a máscara e aceleran o seu descenso a profundidades excesivas. Hai unha gran cantidade de anécdotas infames (aparentemente baseadas en historias verídicas) de mergulladores que intentan compartir o aire do regulador cos peixes ou que pretenden fumar un cigarro estando en inmersión. Xeralmente o mergullador que padece esta condición non é consciente desta, é incapaz de xulgar o risco do seu estado.

Outros efectos asociados á respiración de gases inertes a altas presións son a vertixe, os formigueos e/ou formigos nos labios e nos dedos, e un esgotamento acentuado. Algúns mergulladores poden verse vítimas do pánico, permanecendo no fondo por non se sentiren capaces de ascender. A síndrome tamén pode presentar efectos hilarantes, de ansiedade extrema, depresión ou paranoia.

Aínda que cada individuo poden ser máis ou menos vulnerable aos síntomas da narcose, as probas demostran que todo mergullador se ve invariablemente afectado pola narcose de nitróxeno. A diferenza entre os mergulladores no xeito e o grao en que a narcose lles afecta é debida en parte a factores de aclimatación, adestramento e técnicas respiratorias. Non obstante, é claro que os efectos sempre subxacen presentes.

Na seguinte táboa resúmense os signos e síntomas da narcose de nitróxeno tomados a diferentes profundidades (en metros e pés) en auga do mar:

Signos e Síntomas da Narcose de Nitróxeno (respirando aire)
Presión (bar) Profundidade (m) Profundidade (pés) Síntomas
1–2 0–10 0-33 Síntomas ausentes ou imperceptibles
2–4 10–30 33–100 Leve deterioración no desempeño de tarefas nas que non se ten habilidade.
Leve deterioración do razoamento.
Pode presentarse euforia leve.
4–6 30–50 100–165 Atraso na resposta a estímulos visuais e auditivos.
Alteración do razoamento e da memoria inmediata (máis que da coordinación motora).
Erros de cálculo e alteración na capacidade de toma de decisións.
Ideas fixas.
Exceso de confianza e do sentido de benestar.
Risa e locuacidade (en cámara hiperbárica) que se poden soportar mediante auto-control.
Ansiedade (máis común en augas frías e turbias)
6–8 50–70 165–230 Somnolencia, deterioración do xuízo, confusión.
Alucinacións.
Atraso severo na resposta a sinais, instrucións e outros estímulos.
Mareos ocasionais.
Risa descontrolada, histeria (en cámara hiperbárica).
Sensación de terror.
8–10 70–90 230–300 Falta de concentración e confusión mental.
Estupor con algún grao de deterioración de habilidades e xuízo.
Perda de memoria, aumento da excitabilidade.
10+ 90+ 300+ Alucinacións.
Aumento da intensidade da visión e a audición.
Sensación de apagamento inminente, euforia, mareos, estados maníacos ou depresivos, sensación de levitación, alteración da percepción do tempo, cambios na aparencia facial.
Perda do coñecemento.
Morte.

Factores de risco editar

Ao respirar aire, os efectos da narcose por nitróxeno aparecen a partir dos -30 m, equivalente a unha presión parcial de nitróxeno de 3,2 bar. Aos -90 m, equivalente a unha presión parcial de nitróxeno de 8 bar, a narcose produce serias alucinacións e eventualmente a perda do coñecemento.

Aínda que é unha condición que comunmente aparece por debaixo dos 30 m, é probable que o estado de conciencia do mergullador se vexa afectado antes deste límite, e simplemente os seus síntomas lle sexan imperceptibles. Aínda así non existe ningún método fiable para predicir a severidade dos efectos de narcose en cada individuo, estes poden variar en cada inmersión (incluso nun mesmo día).

Tal como acontece co mal das alturas, os seus efectos dependen de múltiples factores, con variacións importantes entre individuos. Unha excelente forma cardio-vascular non é protección, así como unha mala condición física non necesariamente predispón a padecelo. Os factores recoñecidos que incrementan o risco e a severidade da narcose por nitróxeno son o frío, o estrés, o esforzo, a fatiga e a retención de gas carbónico.

Mecanismo editar

Un dos principais factores que conducen á narcose parece ser a velocidade vertical do descenso. A presión aumenta coa profundidade, pero o nitróxeno disólvese máis lentamente que outros gases nos tecidos.

De xeito análogo aos efectos do alcohol, o cambio na presión parcial do nitróxeno nos tecidos altera as propiedades de permeabilidade das membranas celulares, sendo afectadas particularmente as células do tecido nervioso que dependen do devandito equilibrio para a transmisión dos sinais. A hipótese da concentración mínima alveolar[1] establece que a narcose aparece cando o gas penetra a capa lipídica das membranas das células nerviosas do cerebro interferindo coa transmisión dos sinais entre as neuronas.

O aumento da presión ten efectos instantáneos nas cavidades aéreas que se poden comprender grazas á lei de Boyle que explica a relación inversamente proporcional que existe entre volume e presión, é dicir, a maior presión menor é o volume que ocupan os gases nos pulmóns.[2] Pero nalgún momento a presión, actuando sobre o aire nos pulmóns, é tan grande que o volume ocupado por eles é mínimo, mesmo menor ao volume residual fisiolóxico, o cal produciría o colapso dos pulmóns. Para poder facer inmersións máis profundas e de máis longa duración, úsanse tanques de aire comprimido que permiten igualar a presión do aire dentro dos pulmóns coa presión externa, pero mantendo o volume máximo dos pulmóns (6 litros)Isto lógrase aumentando o número de moléculas que se respira e, polo tanto, incrementando o número de moles de nitróxeno nos alvéolos, explicado pola lei de Henry, pola cal a difusión de nitróxeno ao sangue é maior.

O devandito aumento é a causa da narcose, a cal se presenta en 2 fases. A primeira explicada pola lei dos Martinis (cada 15 m de profundidade é equivalente á intoxicación por 1 Martini) que produce: perda das funcións motoras, deterioración no razoamento, euforia e alucinacións. A segunda é un estado de somnolencia[2] A explicación molecular mediante reaccións bioquímicas e neurofisiolóxicas no sistema. As alteracións que se presentan pola interacción do nitróxeno con diferentes receptores nicotínicos alterando a liberación de neurotransmisores, de osíxeno mitocondrial e de alteración da bomba de sodio-potasio xerando como resultado a depresión do SNC[3]. Esta interacción é a principal explicación da sintomatoloxía da narcose.

A alteración da condución axonal e as transmisións sinápticas pola inhibición total ou parcial dos impulsos eléctricos e químicos mediante a interacción cos receptores, abrindo ou pechando canles como as canles de potasio que inhiben a restauración do potencial de acción, as canles de sodio interactuan inhibindo a xeración e propagación do potencial de acción[4]

En conclusión, a narcose de nitróxeno preséntase pola elevada difusión de nitróxeno ao sangue nos alvéolos debido á presión que se exerce cada vez que o mergullador realiza unha inmersión. A interacción deste nitróxeno difundido con diferentes receptores leva á activación ou inhibición de canles xerando as diferentes manifestacións clínicas da narcose. Ademais, factores como o número e o tempo das inmersións vense estreitamente ligadas ao desenvolvemento da narcose por nitróxeno.

A relación entre profundidade e narcose coñécese informalmente como a "Lei dos Martinis": algo así como un cocktel de Martini por cada 10 m de profundidade a partir dos -20 m. Pero trátase aquí só dun símil humorístico, que non debe ser considerado ou substituto das regras de seguridade reais do mergullo autónomo. No mergullo profesional non se fan este tipo de cálculos alegres, o mergullo profesional de profundidade require dun rigoroso adestramento onde se alcanzan profundidades importantes gradualmente e sempre respectando velocidades verticais de seguridade. Organismos como a Global Underwater Explorers sosteñen que un mergullador xamais debe adestrarse para os efectos da narcose, da mesma forma, que non é posible adestrarse para emborracharse tomando alcohol; a práctica profesional prohibe o uso de gases con alto risco de narcose e favorece o uso de mesturas como o trimix.

Atenuación editar

Algunhas organizacións de mergullo ensinan os seus membros a controlar con certa frecuencia a súa lucidez mental durante a inmersión usando o "test de dedos". Os dous compañeiros móstranse regularmente un número determinado de dedos. O primeiro fai acenos cun número de dedos (p.ex. 2), e o segundo mergullador debe responder mostrando un máis ou un menos (segundo o acordado previamente, p.ex. 3 ou 1). Se algún dos dous se equivoca ou dúbida na operación, pode sospeitarse unha narcose.

Medicamentos e substancias sedativas como o cánnabis e o alcohol non deben ser consumidas antes dunha inmersión debido á similitude do efecto aditivo destas. A deshidratación aumenta o risco dos problemas de descompresión, a resaca, xunto a unha baixa condición física incrementan o risco de narcose. Os expertos recomendan total abstinencia durante as 24 horas previas á inmersión, e aínda máis para os grandes bebedores.

Prevención editar

O único xeito fiable de evitar unha narcose de nitróxeno é respectar os límites de seguridade durante o mergullo. Se unha narcose sobrevén durante a inmersión, os seus efectos desaparecerán case inmediatamente simplemente ascendendo a unha menor profundidade. Ao ser unha condición que se agrava co incremento da profundidade, un mergullo programado cara a baixas profundidades diminúe o risco de narcose grave. A maioría dos organismos de mergullo recreativo certifican aos seus membros no mergullo autónomo básico, ata 18 m de profundidade, pois ata esta profundidade a narcose de nitróxeno non representa un risco importante.

Para alcanzar profundidades de ata -30 m cómpre un adestramento especial, que abranga unha cumprida información sobre a narcose de nitróxeno, os seus síntomas, efectos, prevención e cura. Só algunhas organizacións de mergullo recreativo recoñecidas poden ofrecer adestramentos especiais para mergullos de ata 40 m, que consisten en cursos teóricos e practicas adicionais.

Outros gases editar

 
A narcose pódese previr enchendo as botellas cunha mestura doutros gases

Gases respirables como o trimix e o heliox son usados no mergullo profesional para reducir os riscos de narcose por nitróxeno e de intoxicación por osíxeno. O risco de narcose por nitróxeno diminúe ao substituír parte do nitróxeno na mestura por outros gases.

A "profundidade de equivalencia ao aire" é unha forma común de expresar os efectos narcóticos dun gas respirable. Tamén existen táboas de conversión estándar e factores de conversión: por exemplo, o neon a unha presión determinada presenta un efecto narcótico equivalente ao do nitróxeno a 0,28 veces esa presión, así que, en principio, pode ser usado a profundidades catro veces maiores. Outros gases poden ter outros efectos perigosos se son inhalados a altas presións; por exemplo, o osíxeno a alta presión vólvese tóxico. O helio é o máis estable dos gases respirables, pero a altas presións causa a denominada "síndrome nerviosa de altas presións", unha condición aínda pouco estudada que se presenta no mergullo profesional de profundidades extremas.

Os efectos narcóticos dos gases son só un dos factores a ter en conta na selección do tipo de mestura a usar no mergullo profesional; os riscos ligados ás condicións de descompresión, a toxicidade do osíxeno, as temperaturas e densidades das mesturas, os custos e outros factores tamén son importantes.

Notas editar

  1. (Meyer-Overton)
  2. 2,0 2,1 Boron, W. F., & Boulpaep, E. L. (2009).Medical physiology.
  3. (Abraini, J. H., Kriem, B., & Rostain, J. C. (2003)Rostain, J. C., Lavoute, C., Risso, J. J., Vallée, N. & Weiss, M.)
  4. Møllerløkken, A., Gaustad, S. E., & Gutvik, C. R. (2011);Viqueira Caamaño, A. & Colodro Plaza, J. 2008, Setembro 25

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar