Nos pobos zapotecas do val central de Oaxaca, México, chámanse muxe' ou mushe ás persoas que aparentan ser predominantemente homes pero exhiben certas características femininas. Os muxe' desempeñan un rol sexual correspondente a un terceiro xénero, que estaría a medio camiño entre o rol masculino e o feminino e con características de cada un deles.[1] Nas actuais poboacións zapotecas pódense encontrar aínda vestixios da tolerancia e da aceptación que os muxes recibían antes da conquista, se ben agora a homosexualidade nesta rexión está tan estigmatizada como noutras partes do país.

Características editar

Crese que o termo muxe' ven da palabra española mujer, que significa muller, nunha derivación fonética que os zapotecas empezaron a usar no século XVI.

Cabe notar que o núcleo da cultura zapoteca era a unidade familiar organizada nun sistema similar ao matriarcado. Os homes facíanse cargo de cazar, cultivar a terra e tomar decisións políticas, mentres que as mulleres controlaban o comercio e as decisións económicas. Un muxe' podía participar en decisións que polo xeral se reservaban para as mulleres da familia.

Tradicionalmente algúns muxe' tamén tiñan o rol de iniciar sexualmente aos rapaces adolescentes, xa que non era socialmente aceptado que as mozas novas perderan a virxindade antes do matrimonio.[2] Noutras culturas desta rexión existiron grupos que cumprían funcións similares de terceiro sexo, como no caso dos biza’ah de Teotitlán. Aínda que a actitude dos muxe' é tradicionalmente andróxina, adoitan ter unha aparencia máis masculina que feminina, sobre todo no vestir. O status do muxe' é recoñecido durante a súa infancia. Dende a época precolombiana, os zapotecas consideraban aos muxe' parte dun terceiro sexo. Con frecuencia o muxe' adopta o papel pasivo-penetrado nas relacións sexuais con homes que cos que, ás veces, formaban unha parella monógama.[3] Outros vivían en grupos e outros casaban con mulleres e tiñan fillos.

Papel social editar

Un estudo antropolóxico encontrou que aproximadamente o 6 por cento da poboación masculina do Istmo de Tehuantepec estaba composta por persoas muxe'.[4] Hoxe en día os muxe' adoitan formar parellas temporais con outros homes, as relacións estables a longo prazo non son moi comúns e é extremadamente raro que formen parellas con mulleres.

Nunha familia tradicional, o muxe aínda adoita ser considerado pola súa nai como "o mellor dos seus fillos"[5], xa que o fillo muxe nunca abandona aos pais nos momentos difíciles da vida: a vellez e as enfermidades. A diferenza dos fillos heterosexuais que casan e van formar outro núcleo familiar que necesita coidados, o fillo muxe' queda na casa ou regresa cando é necesitado. Por iso os muxe' representan para as súas nais tanto unha seguridade económica como un apoio moral, sobre todo cando en idade madura quedan soas. Nalgúns casos, cando fan falta fillas e un fillo home non expresa a "natural" agresividade dos homes, a mesma nai cría ao cativo favorecendo unha serie de comportamentos atribuídos socialmente ás nenas. Por iso non é raro ver aos nenos muxe' menores de dez anos acompañando á nai a vender no mercado ou aprendendo dela a bordar.[5]

No 2003 a activista Amaranta Gómez Regalado,[6] unha muxe' de 25 anos de idade, chamou a atención dos medios de comunicación internacionais coa súa candidatura ao congreso unicameral do estado de Oaxaca.[7] Gómez Regalado continúa participando en varios proxectos en pro da comunidade LGTB e é membro do Comité Estatal Contra a Homofobia. No 2005 a directora mexicana Alejandra Islas filmou un documental en Juchitán de Zaragoza titulado "Muxes: Auténticas, intrépidas y buscadoras de peligro", que foi ben acollido en varios festivais internacionais. Tras a estrea do documental, a cadea de televisión de Juchitán emitiu debates sobre o dereito dos muxe' a vestir a indumentaria tradicional e se iso implica que se lles de be dar o mesmo trato que ás mulleres. Alén destes debates, a apertura da discusión de temas sexuais levou a que en Juchitán se leven a cabo continuamente campañas de información sobre sexualidade, prevención de doenzas de transmisión sexual e prevención de embarazos non desexados entre os novos.

Notas editar

  1. EMBER, C.R.;EMBER, M. (2003). Encyclopedia of sex and gender: men and women in the world's cultures, Volume 1. Springer. ISBN 030647770X. 
  2. SMALLMAN, S.C. (2007). The AIDS pandemic in Latin America. UNC Press. ISBN 0807857963. 
  3. NEILL, J. (2009). The origins and role of same-sex relations in human societies. McFarland. ISBN 0786435135. 
  4. SÁNCHEZ, G. Homosexualismo. Gerardo Sánchez. ISBN 0965258084. 
  5. 5,0 5,1 MIANO BORRUSO, M. (2002). Hombre, mujer y muxe': en el Istmo de Tehuantepec. Plaza y Valdes. ISBN 9701883209. 
  6. "Entrevista con Amaranta Gómez Regalado". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2019. Consultado o 27 de xuño de 2010. 
  7. Reportaxe acerca da candidata Amaranta Gómez Regalado

Véxase tamén editar

Outros artigos editar