Muíños do Folón e do Picón
Os muíños do Folón e do Picón son un grupo de 60 muíños de auga en fervenza, declarados Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia[1] ao constituír parte do rico patrimonio etnográfico da comarca do Baixo Miño, xa mencionados en documentos do século XVII.
Situación
editarAtópanse situados dentro do concello do Rosal, entre os lugares de Martín e Fornelos, na ladeira do Monte Campo do Couto, desde o cal se pode contemplar todo o val do Rosal, a desembocadura do río Miño e o Monte onde se atopa o Castro de Santa Trega.
Descrición
editarOs 60 muíños atópanse divididos en dous tramos que reciben dous nomes diferenciados:
- Os muíños do Folón, 36 construcións na vertente do Folón, por onde discorre o regato tamén chamado Folón.
- Os muíños do Picón, 24 da vertente do río Picón.
Dentro dos diferentes tipos de muíños existentes clasifícanse como muíños de rodicio ou de roda motriz horizontal, e dentro destes, nos muíños do Folón e do Picón atópanse tanto muíños de canle (normalmente cuberta no tramo máis inclinado), nos que a auga desemboca xustamente no inferno onde está situado o rodicio; e muíños de cubo ou de pozo, que se poden observar nos tramos con máis pendente da ruta, onde se almacenaba a auga nos cubos dos muíños superiores e de aí unha vez que o muíño xa a usara, pasaba ao seguinte e así sucesivamente.
A maioría deles teñen unha estrutura de dúas plantas, na inferior chamada sarteio pódese ver aínda a maquinaria na que actúa a forza da auga; no termiñado ou planta superior é onde se atopan as moas de moer o gran comunmente feitas de pedra.
Os primeiros muíños conservados datan dos séculos XVIII e XIX, como se pode comprobar, por exemplo, no muíño número 11 que recolle a datación máis antiga: Ano 1702, ou o muíño número 16 que recolle o ano 1715.
Nos linteis, xambas, limiares e paredes (tanto interiores como exteriores) pódense observar signos de canteiro. Posteriormente os propietarios dos muíños tamén deixaron as súas propias marcas e sinais coma cruces, tendo neste caso unha posible función a un tempo protectora e ao mesmo tempo delimitadora da propiedade.
Como exemplo está a inscrición dunha cruz coa lenda Ave María que se observa no muíño número 4 ou dunha cruz cun cáliz no muíño número 21.
Son edificacións feitas de pedra construídas en pendente ao lado do río, para aproveitar a forza da auga co fin de moer o gran. Neles moíase tanto gran de millo, de centeo ou de trigo para facer fariña. No exterior algúns deles conservan pías usadas coma abrevadoiros e comedeiros dos animais, coma por exemplo, no muíño número 5 (que ten un alpendre para as cabalarías) ou no 23.
Existe unha ruta de sendeirismo sinalada coa posibilidade de facer visitas guiadas gratuítas coa fin de ver e entender o funcionamento dos muíños.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de muíños do Folón e do Picón.
-
Detalle Muíño do Folón
-
Muíño restaurado no Folón
-
Muíños do Picón
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Caamaño Suárez, M. (2006). As construccións da Arquitectura Popular. Patrimonio etnográfico de Galicia. Hércules de Ediciones. ISBN 84-96314-34-0.
- Martínez Barbosa, J. R. e Martínez Tamuxe, X. (2009). Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-311-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Muíños do Folón e do Picón |