Mixotricha paradoxa

Mixotricha paradoxa
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Excavata
Filo: Metamonada
Clase: Parabasalia
Orde: Trichomonadida
Familia: Devescovinidae
Xénero: Mixotricha
Especie: M. paradoxa
Nome binomial
'Mixotricha paradoxa'
Sutherland, 1933

Mixotricha paradoxa é unha especie de protozoos que vive dento do tubo dixestivo das térmites da especie Mastotermes darwiniensis[1] e contén moitas bacterias simbiontes.[2] O protozoo ten forma de pera e unhas dimensións de 500 μm x 150 μm. O nome deullo o biólogo australiano J.L. Sutherland, que foi o primeiro que describiu a Mixotricha en 1933,[3][4] que o consideraba “o ser paradoxal con pelos mesturados”, xa que daquela considerou que tiña á vez cilios e flaxelos.

Simbiose

editar

Mixotricha establece moitas relacións simbióticas. Igual que os protozoos emparentados, como Trichonympha, vive no intestino de térmites e colabora na dixestión da celulosa, un compoñente principal da madeira que estas comen. Sen Mixotricha, as súas térmites hóspedes non poderían sobrevivir, polo que hai unha simbiose entre o protozoo e a térmite.

Ademais, Mixotricha establece relacións mutualistas con bacterias que viven no seu interior ou na súa superficie. Ten un total de catro especies de simbiontes bacterianos.

Mixotricha ten catro flaxelos anteriores, pero non os usa para a locomoción, senón máis ben como un sistema de dirección ou temón. Para a locomoción, ten unhas 250.000 espiroquetas con forma de pelo, (unhas bacterias helicoidais), que están unidas á superficie celular e que funcionan como unha especie de cilios, que permiten que a Mixotricha se mova; estas espiroquetas están por toda a superficie excepto na parte posterior inxestiva. Mixotricha ten tamén bacterias bacilares dispostas dun modo moi ordenado sobre a superficie celular; que igual que os treponemas son ectosimbiontes. Ademais, ten bacterias esféricas que viven dentro da célula; estes endosimbiontes funcionan como as súas mitocondrias, xa que Mixotricha carece de mitocondrias, que perdeu ao longo da súa historia evolutiva.

Xenoma

editar

Segundo Margulis e Sagan (2001), Mixotricha ten cinco xenomas, xa que estableceu unha estreita relación simbiótica con catro tipos de bacterias.[5] Estes autores consideran que este organismo é un exemplo emblemático de simbioxénese.

  1. Radek R, Nitsch G (2007). "Ectobiotic spirochetes of flagellates from the termite Mastotermes darwiniensis: attachment and cyst formation". Eur. J. Protistol. 43 (4): 281–94. PMID 17764914. doi:10.1016/j.ejop.2007.06.004. 
  2. Brugerolle G (2004). "Devescovinid features, a remarkable surface cytoskeleton, and epibiotic bacteria revisited in Mixotricha paradoxa, a parabasalid flagellate". Protoplasma 224 (1–2): 49–59. PMID 15726809. 
  3. Jean L. Sutherland: Protozoa from Australian Termites. Quarterly Journal of Microscopical Science, Band s2-76, S. 145-173. (Abstract)
  4. L. R. Cleveland, A. V. Grimstone: The Fine Structure of the Flagellate Mixotricha paradoxa and Its Associated Micro-Organisms. Proceedings of the Royal Society of London. Series B, Biological Sciences, Band 159, 1964, S. 668-686. doi 10.1098/rspb.1964.0025
  5. Margulis, Lynn; Sagan, Dorion (2001). "The Beast with Five Genomes". Natural History. Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2007. Consultado o 2013-setembro-02. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  • Micrografías electrónicas: [1] [2]