Miguel Ángel González Suárez

futbolista español
(Redirección desde «Miguel Ángel»)

Miguel Ángel González Suárez, nado en Ourense o 24 de decembro de 1947 e finado en Madrid o 6 de febreiro de 2024,[1] foi un futbolista galego que xogaba de porteiro. Militou durante case dúas décadas no Real Madrid, club co que gañou numerosos títulos de equipo e o Trofeo Zamora na tempada 1975/76. Foi 18 veces internacional coa selección española, coa que disputou os Mundiais de 1978 e 1982.

Miguel Ángel
Información persoal
Nome Miguel Ángel González Suárez
Nacemento 24 de decembro de 1947
Lugar de nacemento Ourense
Falecemento 6 de febreiro de 2024
Lugar de falecemento Madrid
Altura 1,74 m.
Posición gardameta
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1965–1966 Couto
1966–1967 Atlético Ourense
1967–1986 Real Madrid 247 (0)
1967–1968 Castellón 26 (0)
Selección nacional
1975 España afeccionada 1 (0)
1975–1978 España 18 (0)
Na rede
FIFA: 50096 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

A primeira actividade deportiva de Miguel Ángel González foi o balonmán, onde competía como porteiro no equipo do seu colexio, o Cardeal Cisneros. Tamén practicou o baloncesto, pero finalmente debutou como porteiro no AD Couto, un modesto equipo da cidade das Burgas, que en 1966 se transformou no Atlético Ourense, o filial do CD Ourense.

Chegada ao Real Madrid editar

En maio de 1967 foi emprestado ao Celta de Vigo para disputar un partido amigable contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu,[2] pois o gardameta céltico Ibarreche estaba lesionado.[3] Unhas semanas despois foi fichado polo club branco,[4] que xa se interesara por el anteriormente.[3]

Na súa primeira tempada foi cedido ao Castellón, co que debutou na Segunda División o 15 de outubro de 1967, nun partido contra o Calvo Sotelo. Foi titular en tódolos restantes partidos da tempada, na que o equipo acabou descendendo.

Despois desta experiencia regresou ao Real Madrid, ao principio como terceiro porteiro ao carón de Junquera e Betancort como rivais na demarcación. O adestrador daquel tempo, Miguel Muñoz prefería o canario Betancort, de xeito que na campaña 1968/69 só interveu en seis encontros amigábeis, circunstancia que se foi repetindo durante as seguintes seis tempadas, nas que xogou só 41 partidos oficiais.

O brillo editar

Mediada a tempada 1973/74 Miguel Muñoz foi substituído por Luis Molowny e este deulle unha oportunidade ao ourensán, aliñándoo na final da Copa do Xeneralísimo no Estadio Vicente Calderón ante o FC Barcelona. A vitoria foi para o equipo madridista por un rotundo 4-0.

Na campaña seguinte, 1974/75, fíxoe cargo do equipo Miljan Miljanic, e Miguel Ángel pasou a ser titular indiscutible. O iugoslavo aliñouno en corenta encontros, e con el proclamouse campión de Liga e Copa. Esta vez a final gañáronlla ao Atlético de Madrid nos penaltis, logo de rematar o tempo regulamentario cun empate a ceros.

Co Real Madrid Miguel Ángel conseguiu seis Ligas máis e outras dúas Copas de España, ademais de dúas Copas da UEFA, pero ningún máximo título europeo, malia disputar nove Copas de Europa. Ademais, foi dúas veces semifinalista e unha vez finalista deste torneo. A primeira semifinal perdida foi contra o Bayern de Múnic (1977) e a segunda contra o Hamburgo SV (1978). A final disputouna en 1981 contra o Liverpool FC.

Internacionalidade editar

O porteiro ourensán foi internacional coa selección española en 19 ocasións (18 coa selección A e unha coa olímpica), coincidindo na época de José Ángel Iribar. O seu debut como internacional produciuse o 12 de outubro de 1975 no Estadio de Sarrià, ante Dinamarca, substituíndo o lesionado Iribar. Aos poucos foise facendo habitual nas convocatorias de László Kubala, técnico que o levou ao Mundial de 1978 na Arxentina. A súa maxistral actuación ante o Brasil non puido evitar que España non pasase da primeira eliminatoria.

Retirada editar

Retirouse o 30 de xuño de 1986, e pasou a desempeñar diversos cargos deportivos dentro do Real Madrid. Primeiro ocupou o posto de delegado do equipo, máis tarde encargouse da preparación dos porteiros do primeiro equipo durante distintas épocas e, desde finais dos noventa foi director das instalacións de adestramento e competición do club.

En decembro de 2022 anunciou que padecía esclerose lateral amiotrófica.[5] Finou en febreiro de 2024.

Palmarés editar

Real Madrid
Individual

Notas editar

  1. "Obituario - Fallece Miguel Ángel, legendario portero ourensano del Real Madrid". La Región (en castelán). 6 de febreiro de 2024. 
  2. "Real Madrid, 6-Celta, 0". La Noche (en castelán) (14203). 18 de maio de 1967. p. 10. Consultado o 27 de abril de 2022. 
  3. 3,0 3,1 "Miguel Ángel, portero del At. Orense, a Madrid". El Pueblo Gallego (en castelán). 17 de maio de 1967. p. 10. Consultado o 27 de abril de 2022. 
  4. "Si Miguel Angel no ficho en el Celta, es porque nadie se dirigio al club". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de xuño de 1967. p. 18. Consultado o 27 de abril de 2022. 
  5. "Miguel Ángel, ex portero del Real Madrid, anuncia que padece ELA". Marca (en castelán). 17 de decembro de 2022.