María del Carmen García Lasgoity
María del Carmen García Lasgoity, nada en Madrid en 1911 e finada o 16 de decembro de 2002, foi unha actriz española, membro do grupo de teatro universitario La Barraca, creado por Federico García Lorca.[1] Vítima da represión franquista, viviu exiliada en Francia, a Arxentina, Chile e o Perú. Volveu a España no ano 1954, cando o goberno decretou unha amnistía.[2][3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1911 Madrid, España |
Morte | 16 de decembro de 2002 (90/91 anos) Madrid, España |
Educación | Instituto-Escuela Residencia de Señoritas |
Actividade | |
Ocupación | actriz de teatro |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Jesús Prados Arrarte |
Traxectoria
editarNada nunha familia de clase media, o pai era un home de negocios que casou no Uruguai, onde coñeceu á súa muller. Ao trasladárense a Madrid, María del Carmen estudou no Instituto-Escuela e posteriormente matriculouse en Filosofía e Letras.
En 1931, Federico García Lorca buscaba actores para organizar unha compañía de teatro universitario. Asistiu á representación de Estragos de amor y celos de Juan Valera, montada polo alumnado do Instituto-Escuela. Gustoulle a actuación de María del Carmen, que interpretaba o papel protagonista. Tras coñecela, axiña a escolleu para integrar La Barraca. A compañía, co apoio do ministro Fernando de los Ríos Urruti, tiña a misión de achegar o teatro ás vilas e cidades de España con criterios pedagóxicos e anovadores.[3]
A compañía debutou o 10 de xullo de 1932 na praza maior de El Burgo de Osma, coa peza La cueva de Salamanca, un entremés de Miguel de Cervantes[4] María del Carmen foi a primeira en aparecer no escenario cando se levantou o pano.
En 1934, trala tráxica Revolución de Asturias, Lorca, moi afectado, delegou a dirección de La Barraca en Eduardo Ugarte, e confioulle a María del Carmen un preciado teatro de monicreques que lle regalaran na súa estadía na Arxentina.[3]
A Guerra Civil e o fusilamento de Federico García Lorca supuxeron o fin de La Barraca. María del Carmen traballou para a Federación Española de Universidades (FEU) en campamentos de nenos refuxiados. Despois, debido aos bombardeos, trasladáronse a Cullera. Tamén traballou no traslado e rexistro da Pinacoteca do Duque de Alba en Valencia. Nesa cidade, o 3 de xullo de 1937, con motivo da clausura do II Congreso Internacional de Escritores Antifascistas, actuou nunha representación da peza Mariana Pineda, en homenaxe a Federico García Lorca.[3]
Por causa da guerra chegou a Barcelona. Alí casou con Jesús Prados Arrarte, profesor, economista e membro do Estado Maior do Exército Popular da República.
En setembro de 1938 trasladouse embarazada a Tolosa, onde naceu o seu primeiro fillo. En febreiro de 1939, Jesús Prados, cos restantes membros do Exército Republicano, cruzou a fronteira, mais foi internado nun campo de concentración francés. Ao ser liberado, Jesús e María del Carmen trasladáronse a París. Na capital gala puideron contactar con Pablo Neruda, embaixador de Chile en Francia. Este acolleunos na súa casa, xunto con Rafael Alberti e María Teresa León.[3]
En setembro de 1939, co comezo da Segunda guerra mundial, ao seren apátridas, o propio Neruda proporcionoulles Cédulas Consulares de Chile. Con elas, puideron viaxar e establecérense na Arxentina, onde viviron doce anos. Nese país naceu a súa segunda filla.
En 1954, aproveitou unha lei de amnistía para regresar a España co seu home.[3] Pouco a pouco foron chegando tamén vellos coñecidos seus, como José Bergamín, Gustavo Pittaluga González del Campillo ou Arturo Soria Mata, con quen mantivo relación periódica. Tamén mantivo comunicación epistolar con Rafael Alberti e Pablo Neruda.
En 1962, Prados participou no primeiro encontro de exiliados republicanos en Múnic, definido polo franquismo como o Contubernio de Múnic. Ante o perigo de ser encarcerado, exiliouse en París, até volver ser contratado pola ONU. María del Carmen viaxou con el, desta volta ao Perú.
García Lasgoity participou ao longo dos anos en diversos actos de divulgación histórica de La Barraca e en homenaxes a Federico García Lorca.[5] Faleceu o 16 de decembro de 2002.
Notas
editar- ↑ "Archivo - Centro Federico García Lorca - Granada" (en castelán). Consultado o 11 de novembro de 2021.
- ↑ "Persona - García Lasgoity, María del Carmen (1911-2002)". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2021. Consultado o 20 de xuño de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Rodrigo, Antonina (1999). Mujer y exilio 1939 (en castelán) (Edición ampliada, 2003 ed.). Madrid: Flor del viento ediciones. p. 342. ISBN 84-89644-88-8.
- ↑ "Miembros de la Barraca. 1932 – My CMS" (en castelán). Consultado o 23 de xuño de 2021.
- ↑ "La Barraca, el teatro del pueblo de Federico García Lorca". Consultado o 2 de xullo de 2021.