Manuscritos do Mar Morto

Os manuscritos do Mar Morto ou rolos de Qumrán, chamados así por atoparse en covas situadas en Qumrán, á beira do mar Morto, son unha colección de 972 manuscritos. A maioría datan de entre os anos 250 a. C. e 66 d. C., antes da destrución do segundo Templo de Xerusalén polos romanos no ano 70 d. C.

Parte do manuscrito de Isaías.

Descrición editar

A case totalidade dos manuscritos están redactados en hebreo e arameo, e só algúns exemplares en grego. Os primeiros sete manuscritos foron achados acidentalmente por pastores beduínos a finais de 1946, nunha cova nas proximidades das ruínas de Qumrán, na beira noroccidental do Mar Morto. Posteriormente, ata o ano 1956, atopáronse manuscritos nun total de 11 covas da mesma rexión.

Parte dos manuscritos atopados no mar Morto constitúen o testemuño máis antigo do texto bíblico encontrado ata a data. En Qumrán descubrironse aproximadamente 200 copias, a maioría moi fragmentadas, de tódolos libros da Biblia hebrea, con excepción do libro de Ester (aínda que tampouco se atoparon fragmentos de Nehemías, que na Biblia hebrea forma parte do libro de Esdras). Do libro de Isaías atopouse un exemplar completo.[1]

Outra parte dos manuscritos son libros non incluídos no canon da Tanak, comentarios, calendarios, oracions e normas dunha comunidade relixiosa xudía específica, que a maioría dos expertos identifica cos esenios.

A maioría dos manuscritos atópanse hoxe no Museo de Israel en Xerusalén, no Museo Rockefeller de Xerusalén, así coma no Museo Arqueolóxico Xordano en Amán (Xordania). Algúns manuscritos ou fragmentos atópanse tamén na Biblioteca Nacional de Francia en París ou en mans privadas, coma a Colección Schøyen en Noruega.

Descubrimento editar

 
Covas preto de Qumrán, onde se atoparon os manuscritos.

Coñécese que hai anos na rexión foron descubertas en diferentes circunstancias vaixelas de barro con manuscritos bíblicos e outros escritos en hebreo e grego. Un achado ocorreu nunha vaixela de barro preto de Xericó, no ano 217 e Oríxenes utilizóu manuscritos dos Salmos descubertos alí; logo no século IX informouse doutro achado realizado por xudeus, e informarono a unha igrexa cristián.[2]

Os primeiros sete rolos de pergamiño que con certeza proceden das covas de Qumran foron encontrados en 1947 por Jum'a e o seu curmán Mohammed ed-Dhib, dous pastores beduínos da tribo Ta'amireh nunha cova de Qumrán. Atopárono por casualidade mentres perseguían a unha das súas cabras.

Estes rolos foron vendidos (troceados, para aumentar o seu prezo), a dous anticuarios de Belén. Catro deles foron vendidos (por unha pequena cantidade) a archimandrita do mosteiro sirio-ortodoxo de San Marcos en Xerusalén, Atanasio Josué Samuel (máis coñecido como Mar Samuel). Os tres seguintes, ao final, foron a parar a mans do profesor xudeu Eleazar Sukenik, arqueólogo da Universidade Hebrea de Xerusalén que, dándose conta do valor dos mesmos comprounos en 1954.

Posteriormente publicáronse copias dos rolos, causando un masivo interese en arqueólogos bíblicos, cuxo froito sería o achado doutros seiscentos pergamiños, e centos de fragmentos.

O máis importante deste achado é a súa antigüidade, que permite estudar importantes fontes teolóxicas e organizativas do xudaísmo e do cristianismo. A maioría dos manuscritos datan de entre os anos 250 a. C. e 66 d. C., estando entre eles os textos mais antigos dos que se dispón en lingua hebrea do Tanak ou Antigo Testamento bíblico. Créese que foron ocultados polos esenios para preservalos da guerra dos romanos contra os rebeldes xudeus naqueles anos.

Como os manuscritos foron atopados en 11 covas, a denominación de cada fragmento realizouse indicando primeiro o número da cova na que foi atopado seguido pola letra Q (é dicir 1Q, 2Q e seguintes).

En febreiro de 2017, arqueólogos da Universidade Hebrea de Xerusalén anunciaron o descubrimento da cova 12 nuns outeiros ao oeste de Qumrán, cerca da beira noroeste do Mar Morto.[3] Aínda que non se atoparon manuscritos nesta cova, encontraronse frascos de almacenamento baleiros rotos e créese que o seu contido foi retirado anteriormente. Ademais, encontraronse machadas de ferro datadas arededor do ano 1950, dando a entender que a cova foi saqueada.

Notas editar

  1. P. Moeller, Fred (1999). "Fotografías e tradución literal completa ao inglés do rolo de Isaías encontrado en Qumrán." (en inglés). 
  2. Hodge, Stephen (2001). Os Manuscritos do Mar Morto. 
  3. "Hebrew University Archaeologists Find 12th Dead Sea Scrolls Cave". Universidade Hebrea de Xerusalén (en inglés). 8 de febreiro de 2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Wilson, Edmund (2009). Os manuscritos do Mar Morto (en portugués). Traducido por Hildegard Feist. São Paulo: Companhia das Letras. ISBN 978-857164-348-2. 

Outros artigos editar