Abrir o menú principal

Manuel Piñeiro Losada

político e militar cubano

Manuel Piñeiro Losada, nado en Matanzas (Cuba) o 14 de marzo de 1933 e finado na Habana o 11 de marzo de 1998, máis coñecido como o comandante Barbarroja, foi un político e militar cubano, de orixe galega. Foi unha das principais figuras da Revolución Cubana como responsable da construción dos aparellos de seguridade cubanos e da expansión dos grupos radicais de esquerda en América Latina.

Manuel Piñeiro Losada
Nome completoManuel Piñeiro Losada
AlcumeComandante Barbarroja e El Gallego
Nacemento14 de marzo de 1933
 Matanzas
Falecemento11 de marzo de 1998
 A Habana
Causaaccidente de carro
SoterradoColon Cemetery, Havana
NacionalidadeCuba
Alma máterUniversidade de Columbia
Ocupaciónpolítico e oficial
CónxuxeMarta Harnecker
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo de dous emigrantes galegos, a lenda di que «naceu no medio dun furacán no mostrador do bar que tiñan os seus pais na cidade cubana de Matanzas».[1]

Participou nas protestas estudantís en rexeitamento do golpe de estado do 10 de marzo de 1952, que levou o poder ao ditador Fulgencio Batista. En setembro de 1953, o seu pai, un xerente de Bacardí, enviouno a estudar á Universidade de Columbia, en Nova York, para afastalo da política.[2] Mentres estudaba opúxose á discriminación política, racial e social que imperaba neses anos nos Estados Unidos; tamén casou cunha norteamericana, a bailarina Lorna Burdsall, da que despois se separaría.[2][3]

Regresou a Cuba, á súa cidade natal en 1955, onde se converteu nun dos fundadores do Movemento 26 de Xullo. Foi detido polos organismos de seguridade de Batista e fichado polas súas actividades subversivas. Continuou as súas actividades clandestinas na Habana ata que perseguido pola policía, decidiu subir a Sierra Maestra a incorporarse á columna mandada por Fidel Castro.

En marzo de 1958, foi recoñecido polos seus méritos e escollido persoalmente por Fidel como oficial para integrar a creación do II Fronte Oriental Frank País baixo o mando de Raúl Castro. Nesta fronte participou en varios encontros con efectivos do Exército cubano. Posteriormente foi nomeado xefe de persoal e inspección, que incluía o Servizo de Intelixencia e a Policía Rebelde.

Durante os combates pola toma de Santiago de Cuba, foi ascendido a comandante do Exército Rebelde. Logo do triunfo foi nomeado xefe da Praza Militar desa cidade. É nesta época cando foi captado por primeira vez polas cámaras onde se observaba a súa barba vermella, que explica o seu sobrenome.

Barbarroja foi sempre un incondicional de Fidel, quen o alcumaba El Gallego, o que quedou demostrado publicamente por primeira vez durante o caso dos aviadores: un tribunal revolucionario, presidido polo comandante Féliz Pena, xulgou o 2 de marzo de 1959, en Santiago de Cuba, a 43 membros da Forza Aérea de Batista, e absolveunos a todos. Esa mesma noite, Fidel anulou o fallo e nomeou un novo tribunal, presidido por Piñeiro, que si condenou aos aviadores. Pena suicidouse e o comandante Antonio Michel Yabor, outro dos membros do primeiro tribunal, terminou no exilio.[4]

Logo foi trasladado á Habana, onde cumpriu diversas funcións para a creación dos organismos de intelixencia e seguridade do réxime de Castro. O 6 de xuño de 1961, foi nomeado viceministro do Ministerio do Interior e xefe do denominado Viceministerio Técnico, órgano encargado de desenvolver a política de intelixencia e expandir o comunismo en América Latina.

Durante a Invasión de Baía de Cochinos, Piñeiro foi vice de Ramiro Valdés Menéndez, xefe do G-2, a Seguridade do Estado cubana.[5]

En 1965 foi elixido membro do comité central do Partido Comunista Cubano, cargo que desempeñou até 1997. Ese mesmo ano, recibe na Habana a Markus Wolf, director da Stasi, o órgano de intelixencia da República Democrática Alemá que asesorou a formación da Dirección Xeral de Intelixencia de Cuba.

Frederick Kempe, que foi correspondente diplomático de The Wall Street Journal, escribiu que Piñeiro sostiña que o problema das drogas é un problema de Estados Unidos, e que se o narcotráfico lle causa dano e consegue diñeiro para a revolución, ben está.[6]

A comezos de 1975 pasou a dirixir o Departamento Américas do Comité Central do PC. Piñeiro foi responsable de todas as operacións cubanas en Granada, Nicaragua e O Salvador, así como tamén noutros países de América, Estados Unidos incluído, xa que de feito era o coordinador xefe das operacións secretas no continente. A partir de 1997, retirouse de todos os cargos e dedicouse a escribir e corrixir libros e estudos sobre a Revolución Cubana.

O 11 de marzo de 1998, logo de recibir unha homenaxe polos 40 anos da creación da Fronte Oriental, sufriu un accidente mentres conducía á súa casa e estrelouse contra unha árbore, perdendo a vida. Foi soterrado no Cemiterio de Colón, na Habana.[7]

Mauricio Vicent, correspondente do diario español El País, resumía con estas palabras a personalidade de Piñeiro: «Heroe para os seus homes en Cuba, odiado a matar polos seus inimigos ideolóxicos en Miami, Estados Unidos e todo o continente, Piñeiro foi un estratego extremadamente hábil, dun humor e intelixencia fóra do común, calidades que recoñecían e temían até os seus peores adversarios».[1] Revolucionario fervente, «mantivo até o final que o pensamento de Guevara aínda tiña vixencia en América Latina e que a guerrilla de Bolivia puido triunfar».[1]

ObrasEditar

Luís Suárez Salazar reuniu textos de Piñeiro que publicou en Ocean Press en colaboración con Edicións Tricontinental en Che Guevara y la revolución latinoamericana.[8]

Vida persoalEditar

Estaba casado coa escritora chilena Marta Harnecker, a quen coñecera en 1972[9] e con quen tivo unha filla, Camila.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Vicent, Mauricio (13 de marzo de 1998). "Muere en accidente uno de los míticos comandantes de la revolución cubana". El País (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 Cino, Luis. "Vida y muerte de Manuel Piñeiro Losada (Barbaroja)". www.balancecubano.blogspot.com (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2019. 
  3. "Manuel "Barba Roja" (Red Beard) Piñeiro Losada [1934-1998]". www.thegrenadarevolutiononline.com (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2019. 
  4. Adán, José A. "El juicio de los aviadores". www.autentico.org (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2019. 
  5. Szulc 1986.
  6. Kempe 1990.
  7. Rohter, Larry (13 de marzo de 1998). "Manuel Pineiro, Spymaster For Castro, Is Dead at 63". The New York Times (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2019. 
  8. Piñeiro Losada, Manuel; Suárez Salazar, Luís. Che Guevara y la revolución latinoamericana (en castelán). Ocean Sur. ISBN 9781920888855. OCLC 123131187. 
  9. Timossi 1999, pp. 26-30.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar