Manuel Amil Barcia
Manuel Amil Barcia, nado en Santiago de Compostela en 1906 e finado en Pontevedra en 1972, foi un sindicalista e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1906 Santiago de Compostela, España |
Morte | 1972 (65/66 anos) Pontevedra, España |
Secretario Xeral da CNT | |
Actividade | |
Ocupación | sindicalista, político |
Membro de |
Traxectoria
editarCarpinteiro de profesión, asesor dos sindicatos de Santiago de Compostela no primeiro bienio republicano. Destacou como un líder do ramo da construción da CNT na Coruña durante a preparación do movemento revolucionario do 8 de decembro de 1933. Foi detido pola Garda Civil nos primeiros días e, ao saír do cárcere, dedicouse á propaganda dos métodos faístas que propugnaban a revolución. Foi detido novamente en outubro de 1934 pasando un ano na cadea. En decembro de 1935 participou nun mitin no Teatro Rosalía de Castro da Coruña xunto a Claro José Sendón e Federica Montseny. En xullo de 1936 participou no Pleno Nacional como delegado do sindicato de transportes, e alí sorprendeuno o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.
Durante a Guerra Civil desempeñou o cargo de xefe de Exército do Centro e colaborou coa Agrupación de Gallegos Libertarios e co seu voceiro Galicia Libre. Cando se iniciaron as sondaxes coas organizacións obreiras e republicanas para formar a Comité de Defensa contra o Goberno de Negrín, o comité nacional da CNT elixiuno para constituír o comité de defensa da organización.
Unha vez acabada a guerra, foi detido no porto de Alacant e trasladado ao campo dos Almendros e despois a Madrid, onde foi xulgado e condenado. Saíu en liberdade en 1940. En 1944 volveu ser detido, cando se dirixía a Francia como informador das organizacións libertarias no exilio, e, de novo en Madrid, foi xulgado e condenado por un tribunal militar. Por unha xestión de Melchor Rodríguez, coñecido como o Ángel Rojo, foi trasladado aos destacamentos penais de Cuelgamuros para incorporarse á construción do Val dos Caídos, dos que fuxiu en 1948. Foi novamente detido e enviado ao penal de El Dueso, do que saíu en agosto de 1956. Dirixiuse á casa da súa irmá en Santiago de Compostela. Viviu máis tarde en Pontevedra, traballando como albanel, onde morreu en 1972.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio (2004). Positivas, ed. O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela. pp. 24–25. ISBN 84-87783-79-1.