Arola
Arola | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Arola amosando os sifóns. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Lutraria lutraria' (Linnaeus, 1758) [1] | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
A arola[2] ou mexarela[3] (Lutraria lutraria, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo pertencente á familia dos máctridos (Mactridae), de tamaño relativamente grande. Existe outra especie semellante, a Lutraria magna, que se caracteriza pola marxe dorsal curvada cara a dentro, e cuncha máis robusta e de cor parda sucia. Non adoita superar os 10 cm de lonxitude.
Descrición
editarA cuncha é de perfil elíptico, cuns 13 cm de lonxitude e unha anchura duns 5–6 cm. As valvas non pechan polos extremos, deixando certa separación. A cor habitual é branca ou amarelenta, pero o periostraco é dun castaño escuro. Polo interior é branca coa marca do seo paleal ben visible. Presenta unha liñas de crecemento concéntricas moi finas.
Na valva dereita hai dous dentes cardinais e outro lateral; a esquerda ten dous cardinais e dous laterais.
Os sifóns son notablemente longos e fortes.
Hábitat e bioloxía
editarVive sobre fondos de area, limo ou grava, ata uns 100 metros de profundidade. Distribúese pola costa leste do Atlántico, desde Noruega ata o sur de África.
Aproveitamento pesqueiro e comercial
editarA arola é un molusco comestible pero tan pouco apreciada que non se practica a captura desta especie. Cando se pesca, dedícase exclusivamente á conserva.
Rosa Ramonell achega o dato histórico de que os romanos incluían arolas nos seus banquetes.
A arola en Galicia
editarRíos Panisse recolleu para esta especie a seguinte sinonimia: ameixola da lama, navallón (porque lembra á navalla) e zapatela, ademais de mexarela, mexona, mixela ou mixota, nomes estes debidos ós fortes chorros de auga que expulsa polos sifóns.
Eladio Rodríguez recolle a locución Vaite á arola, fórmula de desentendemento que expulsa a alguén molesto.
Notas
editar- ↑ World Register of Marine Species
- ↑ Definición de Arola no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arola.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Arola |
Bibliografía
editar- RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.