Lisabö
Lisabö é un grupo vasco de rock formado en 1998 en Irún. A súa música recolle elementos de diferentes estilos, como poden ser o hardcore punk, o noise ou o post-rock, mais sempre desde unha perspectiva experimental e moi persoal que se traduce mesmo na súa formación que inclúe dúas baterías e que tamén incluíu, nalgún momento, outros instrumentos pouco habituais no rock como pode ser o violoncello. Algúns dos grupos cos que acostuman ser comparados son os norteamericanos Fugazi e Low, os vascos Lif e Dut ou os cataláns Standstill. Ao longo destes anos publicaron varios álbums e EPs que foron acollidos con éxito por parte de crítica e público.
Lisabö | |
---|---|
Orixe | Irún, País Vasco |
Período | 1998- |
Xénero(s) | rock |
Selo(s) discográfico(s) | Esan Ozenki, Metak, Bidehuts |
Membros | Karlos Osinaga, Iban, Eneko Aranzasti, Aida e Ionyu. |
Antigos membros | Imanol, Javi |
Na rede | |
web de Lisabö na produtora Metak | |
Historia
editarLisabö naceu en 1998 cando Ibán (batería), Imanol (guitarra e voz), Karlos (baixo e voz) e Javi (guitarra e voz) comezaron a xuntarse para tocar sen ningunha pretensión de chegar a gravar. Todos tiñan algunha experiencia en grupos: Ibán tocaba en Donut, Karlos entrou en Kashbad ese mesmo ano e tocaba en Zorrotz con Imanol.
A súa amizade co batería de Dut, Galder Izaguirre, permitiulles dar os seus primeiros concertos grazas á mediación deste, e a comezos de 1999 gravaron unha demo con seis cancións completamente autoproducida e autoeditada baixo o título Berak Ekoztua. Tamén foron eles mesmos os que se encargaron de vendela e distribuila.[1] Xusto despois deste feito Imanol deixa a banda.
O grupo continuou a dar concertos e a súa sona dentro da escena local comeza a ser cada vez maior, o que deu lugar a dous feitos importantes. En primeiro lugar, o selo Esan Ozenki púxose en contacto con eles e chegaron ao acordo de gravar un LP. En segundo lugar, foron escollidos para ser abreconcertos da banda norteamericana Fugazi no concerto que deron o 10 de outubro en Vergara.[2]
A comezos de 2000, xa cunha nova integrante, Aida á segunda batería, o grupo decide centrarse na gravación do seu primeiro álbum, Ezarian. A gravación comezou no mes de agosto e o grupo encargouse de todo o proceso: produción, gravación, mesturas e deseño da capa do disco. O resultado final foi un disco excepcional que foi aclamado pola prensa especializada do estado (Rockdelux, Ruta 66 e Mondosonoro[3]).). O son supuña unha evolución con respecto á maqueta, cun ambiente claustrofóbico en moitos intres e moito máis denso e duro.
Xa no verán de 2001 prepararon un espectáculo xunto con Martxel Mariscal (escritor vasco e membro dos extintos Beti Mugan) no Kursaal (pazo de congresos de Donostia), de onde saíron as tres cancións que compoñen o EP Egun bat nonahi, publicado por Acuarela en 2002[1]. Este traballo foi escollido pola revista Rockdelux como mellor sixelo estatal de 2002.
A partir de aí o grupo permanece durante bastante tempo á sombra. Só a finais de 2004 se puido saber que Javi abandonaba a banda para formar Amodio co músico belga Aurélien Rotoreau, o que forzou a unha reestruturación pola que Lisabö quedaría da seguinte maneira: entran Ionyu ao baixo e Eneko á batería, pasando Karlos e Iban á guitarra, permanecendo Aida á batería. O seu segundo disco Izkiriaturik Aurkitu Ditudan Gurak (2005) foi gravado nos estudos Bomberenea, en Tolosa, exercendo Karlos como técnico de son e produtor. A banda volveuse ocupar de todo o proceso de elaboración do disco, que foi editado por Metak. Este disco destacou polas numerosas colaboracións coas que contou a banda: xente de Experience, Anari, Xabier Erkizia, Akauzazte, Carlos Desastre (dos extintos 713avo Amor) ou Manta Ray. A pesar do irregular do disco, en parte atribuíbel ao variado das colaboracións, o disco volveu a recibir o aplauso da crítica: Todas las novedades[4], que o colocou entre os destacados do ano[5], Rockdelux ou Ruta 66[6] entre outros.
O seu último disco até a data foi Ezlekuak editado por Bidehuts en 2007.
Membros
editar- Karlos Osinaga: guitarra, voz.
- Iban: guitarra.
- Eneko Aranzasti: batería.
- Aida: batería.
- Ionyu: baixo.
Membros anteriores
editar- Imanol (1998-1999): guitarra e voz.
- Javi Manterola (1998-2004): guitarra e voz.
Discografía
editarÁlbums
editar- Berak Ekoztua (Autoeditado, 1999). Demo autoproducida polo grupo.
- Ezarian (Esan Ozenki, 2000).
- Izkiriaturik Aurkitu Ditudan Gurak (Metak, 2005).
- Ezlekuak (Bidehuts, 2007).
EP
editar- Egun bat nonahi (Acuarela, 2002).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Entrevista a Lisabö: sin darte cuenta" Arquivado 23 de maio de 2006 en Wayback Machine. La Factoría del Ritmo nº 13
- ↑ Páxina sobre o grupo en BOZA Ediziogunea
- ↑ Luna, Joan S. Reseña de Ezarian Arquivado 21 de novembro de 2006 en Wayback Machine.. Mondosonoro. 26 de xaneiro de 2001
- ↑ Reseña de Izkiriaturik Aurkitu Ditudan Gurak Arquivado 02 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.. Todas las Novedades. xullo de 2005
- ↑ "Los Mejores discos de Hardcore-Punk de 2005" Arquivado 19 de marzo de 2007 en Wayback Machine.. Todas las Novedades. decembro de 2005
- ↑ Gegúndez, Fernando. Reseña de Izkiriaturik Aurkitu Ditudan Gurak. Ruta 66, nº 219, setembro de 2005
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Entrevista en La Factoría del Ritmo
- Páxina web do selo Bidehuts
- Lisabö Biografía e críticas de discos en Lafonoteca
- Fotolog do grupo Arquivado 01 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine.
- Facebook do grupo