Abrir o menú principal

O LexA ou o represor LexA é un represor transcricional (EC 3.4.21.88), que reprime os xenes da resposta SOS bacteriana, codificado principalmente para actuar sobre as ADN polimerases tendentes ao erro, encimas de reparación do ADN e inhibidores da división celular.[1] LexA forma un sistema regulador de dous compoñentes xunto con RecA, o cal detecta os danos no ADN en forcadas de replicación atascadas, formando monofilamentos e adquirindo unha conformación activa con capacidade de unirse a LexA e causar que LexA se clive a si mesma, nun proceso chamado autoproteólise.[2]

Dominio de unión ao ADN LexA
PDB 1jhh EBI.jpg
Mutante LexA s119a
Identificadores
Símbolo LexA_DNA_bind
Pfam PF01726
Pfam clan CL0123
InterPro IPR006199
SCOP 1leb
SUPERFAMILY 1leb

Os danos no ADN poden ser causados pola acción de antibióticos, bacteriófagos e luz UV.[1] A indución da resposta SOS por antibióticos é de potencial interese clínico, como a inducida por ciprofloxacina. A bacteria require topoisomerases como a ADN xirase ou a topoisomerase IV para a replicación do ADN. Os antibióticos como a ciprofloxacina poden impedir a acción destas moléculas ao unírense eles mesmos ao complexo xirase-ADN, o que fai que a forcada de replicación quede atascada e se produza a indución da resposta SOS. A expresión de polimeraes tendentes ao erro na resposta SOS incrementa a taxa de mutacións basais das bacterias. Aínda que as mutacións son a miúdo letais para a célula, poden tamén potenciar a supervivencia. No caso específico das topoisomerases, algunhas bacterias teñen mutado un dos seus aminoácidos para que a ciprofloxacina só poida crear un enlace feble coa topoisomerase. Este é un dos métodos que as bacterias usan para facerse resistentes a antibióticos. O tratamento con ciprofloxacina podería, por tanto, causar a xeración de mutacións que poden converter as bacterias en resistentes á ciprofloxacina. Ademais, a ciprofloxacina tamén induce por medio da resposta SOS a diseminación de factores de virulencia [3] e determinantes de resistencia a antibióticos,[4] así como a activación de integrases de integrón,[5] que poden incrementar a probabilidade de adquisición e diseminación de resistencia aos antibióticos nas bacterias.[1]

A alteración da proteólise de LexA interfire coa resistencia á ciprofloxacina.[6] Isto ofrece un posible uso en terapia de combinación, no que se combinan quinolonas con estratexias que tratan de interferir coa acción de LexA, xa sexa directamente ou por medio de RecA.

A LexA contén un dominio de unión ao ADN. O motivo hélice-xiro-hélice alado de LexA é unha variante do motivo hélice-xiro-hélice de unión ao ADN.[7] Está localizado normalmente no extremo N-terminal da proteína.[2]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Erill I, Campoy S, Barbe J (2007). "Aeons of distress: an evolutionary perspective on the bacterial SOS response". FEMS Microbiol Rev. 6: 637–656. PMID 17883408. doi:10.1111/j.1574-6976.2007.00082.x. 
  2. 2,0 2,1 Butala M, Zgur-Bertok D, Busby SJ (2009). "The bacterial LexA transcriptional repressor". Cell Mol Life Sci. 66: 82–93. PMID 18726173. doi:10.1007/s00018-008-8378-6. 
  3. Ubeda C, Maiques E, Knecht E, Lasa I, Novick RP, Penadés JR (2005). "Antibiotic-induced SOS response promotes horizontal dissemination of pathogenicity island-encoded virulence factors in staphylococci". Mol Microbiol. 56 (3): 836–844. PMID 15819636. doi:10.1111/j.1365-2958.2005.04584.x. 
  4. Beaber JW, Hochhut B, Waldor MK (2004). "SOS response promotes horizontal dissemination of antibiotic resistance genes". Nature 427 (6969): 72–74. PMID 14688795. doi:10.1038/nature02241. 
  5. Guerin E, Cambray G, Sanchez-Alberola N, Campoy S, Erill I, Da Re S, Gonzalez-Zorn B, Barbé J, Ploy MC, Mazel D (2009). "The SOS response controls integron recombination". Science 324 (5930): 1034. PMID 19460999. doi:10.1126/science.1172914. 
  6. Cirz RT, Chin JK, Andes DR, et al. (2005). "Inhibition of mutation and combating the evolution of antibiotic resistance". PLoS Biol. 3 (6): e176. PMC 1088971. PMID 15869329. doi:10.1371/journal.pbio.0030176. 
  7. Fogh RH, Ottleben G, Ruterjans H, Schnarr M, Boelens R, Kaptein R (September 1994). "Solution structure of the LexA repressor DNA binding domain determined by 1H NMR spectroscopy". EMBO J. 13 (17): 3936–44. PMC 395313. PMID 8076591. 

Este artigo incorpora textos en dominio público procedentes de Pfam e InterPro IPR006199