División celular
A división celular é o proceso por medio do cal unha célula orixina dúas ou máis células fillas. A división celular nos seres pluricelulares é necesaria durante a embrioxénese, o crecemento, e para substituír as células que morren nos tecidos, e o ritmo de división varía moito dun tecido a outro[2]. Un ser humano ao longo da súa vida realiza miles de millóns de divisións celulares no seu corpo [3], pero as divisións dunha célula individual están limitadas debido ao acurtamento dos telómeros dos cromosomas, e no ser humano o número máximo de divisións é 52 (límite de Hayflick) [4][5]. As células canceríxenas crecen sen parar porque teñen grandes cantidades dun encima, a telomerase, que repara os telómeros [6]. Nos seres unicelulares a división celular completa equivale á reprodución do organismo.

Principais tipos de división celularEditar
Os principais tipos de división celular son tres: mitose, meiose e fisión binaria bacteriana.
- Artigos principais: mitose, meiose e fisión binaria.
- Mitose. A mitose é a forma máis común de división, típica das células somáticas do organismo. A célula nai divídese formando dúas células fillas xeneticamente iguais. Os cromosomas duplícanse antes de iniciarse a mitose (na interfase), polo que están formados por dúas cromátides, que se separarán durante a mitose, proporcionando unha dotación xenética completa a cada célula filla. Durante a mitose unha formación constituída por microtúbulos chamada fuso acromático arrastra as cromátides aos polos da célula, e despois esta divídese pola metade.
- Meiose. A meiose é a forma de división utilizada para a formación de células reprodutoras, tales como gametos, que realizarán a reprodución sexual, e certas esporas (meiosporas) asexuais. Pero hai casos en que os gametos se producen por mitose, como sucede, por exemplo, nos gametófitos de briófitas (carrizas) e pteridófitas (fentos), que son xa haploides e forman os gametos, tamén haploides, por mitose. A meiose consta de dúas divisións seguidas, 1ª e 2ª división meióticas, que acaban orixinando catro células fillas coa metade de cromosomas ca a célula inicial. Ademais, as células fillas da meiose non son todas iguais entre si nin iguais á célula inicial, porque se produce unha recombinación xenética entre cromosomas homólogos durante a 1ª división meiótica. Na meiose tamén actúa o fuso acromático. Xeralmente as células fillas son do mesmo tamaño, pero unha excepción é a ovoxénese na que se forman tres corpúsculos polares de pequenas dimensións e un óvulo, que queda con case todo o citoplasma e é moito maior.
- Fisión binaria bacteriana. A fisión binaria é o modo de división típico das bacterias. A bacteria duplica o seu ADN, este sepárase, e fórmase unha parede divisoria que orixinará as dúas células fillas, xeneticamente iguais. O mecanismo da fisión binaria é sinxelo e non se forma o fuso acromático de microtúbulos, típico da mitose e meiose.
Outros tipos de divisiónEditar
A forma de división máis común orixina dúas células fillas iguais, polo que se di que é unha bipartición ou división binaria. Pero existen variacións que afectan xeralmente ao modo de división do citoplasma (citocinese) ou ao modo de duplicación e repartición dos cromosomas (amitose). Danse, principalmente, en seres unicelulares, onde a reprodución celular equivale á reprodución do organismo. Salientaremos os seguintes tipos:
- Pluripartición ou división múltiple. A pluripartición dáse en células que dividen moitas veces o seu núcleo sen dividir inicialmente o seu citoplasma, polo que se orixinan células plurinucleadas. Máis tarde prodúcese a división citoplasmática ou citocinese, que orixina varias células fillas, cada unha co seu núcleo. É típica dalgúns protozoos.
- Xemación. Na xemación a célula filla orixínase a partir dun pequeno avultamento ou xema na superficie da célula nai á que se dirixe o núcleo, que se divide e se separa da célula nai por unha membrana que rodea o núcleo e o citoplasma da xema, á vez que a célula filla crece. É típico de lévedos como Saccharomyces cerevisiae, nos cales as células fillas quedan pegadas á célula nai durante un tempo, e poden formar cadeas se o proceso se repite (micelios de xemación). Cando a célula se desprende deixa unha marca ou cicatriz de xemación na célula nai, na cal se poden observar decenas de marcas.
- Tamén se denomina xemación á reprodución asexual de certos animais, como o cnidarios, esponxas e briozoos, nos que unha xema que aparece no corpo do individuo inicial, crece formando un individuo novo; pero isto é un modo de reprodución asexual do animal máis que un tipo de división celular.
- Esporulación. A esporulación dáse nalgúns protozoos, nos que en determinados momentos do seu ciclo vital a célula nai se rodea dunha cuberta resistente que a illa do exterior. Despois o núcleo divídese varias veces e orixina no interior da célula nai varias células fillas. Cando rompe a cuberta da célula nai saen as células fillas ou esporas, que, en condicións favorables, desenquístanse e orixinan células vexetativas normais.
- Tamén se denomina esporulación á formación de esporas das plantas pteridófitas, briófitas e dos fungos. Neste caso trátase dun tipo de reprodución asexual de todo o organismo por medio da liberación e posterior xerminación de esporas. As bacterias tamén poden formar endósporas de resistencia, que é unha forma de enquistamento e non de división.
- Amitose. A amitose é un tipo de división diferente da mitose. Na amitose o núcleo divídese por constrición, sen que se observe condensación da cromatina en cromosomas nin ningunha das fases ou cambios morfoxenéticos típicas da mitose. A repartición de cromosomas nas células parece ser aleatorio, polo que non aseguraría que as células fillas leven o mesmo número de cromosomas. Dáse tipicamente en protozoos ciliados con macronúcleo poliploide con funcións vexetativas e micronúcleo diploide con funcións reprodutoras, como parte do seu ciclo de vida. No micronúcleo a división é por mitose e a repartición de cromosomas entre as células fillas é exacto, pero no macronúcleo a división faise por amitose.
NotasEditar
- ↑ "Phase Holographic Imaging. Cell Division". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2013. Consultado o 31 de decembro de 2014.
- ↑ Maton, Anthea; Hopkins, Jean Johnson, Susan LaHart, David, Quon Warner, David, Wright, Jill D (1997). Cells: Building Blocks of Life. New Jersey: Prentice Hall. pp. 70–74. ISBN 0-13423476-6.
- ↑ Quammen, David (April 2008). "Contagious cancer: The evolution of a killer". Harper's 316 (1895): 42..
- ↑ Hayflick L, Moorhead PS (1961). "The serial cultivation of human diploid cell strains". Exp Cell Res 25: 585–621. PMID 13905659. doi:10.1016/0014-4827(61)90192-6.
- ↑ Hayflick L. (1965). "The limited in vitro lifetime of human diploid cell strains.". Exp. Cell Res. 37 (3): 614–636. PMID 14315085. doi:10.1016/0014-4827(65)90211-9.
- ↑ Shay JW, Bacchetti S (1997). "A survey of telomerase activity in human cancer". Eur. J. Cancer 33 (5): 787–91. PMID 9282118. doi:10.1016/S0959-8049(97)00062-2.
- ↑ Stevens, D.; Schwenk, E. (1959-12-01). "Amitosis in a new ascites tumor". Experientia (en inglés) 15 (12): 470–471. ISSN 1420-9071. doi:10.1007/BF02158260.
- ↑ Magalhães, M. C.; Pignatelli, D.; Magalhães, M. M. (1991-04). "Amitosis in human adrenal cells". Histology and Histopathology 6 (2): 251–256. ISSN 0213-3911. PMID 1802124.
- ↑ "Amitosis in Pine As a Result of Chronic Effects of Low Doses of Radiation and Chemical Pollution". web.archive.org. 2016-03-04. Consultado o 2021-01-22.
NotasEditar
- Morgan DO. (2007) "The Cell Cycle: Principles of Control" London: New Science Press.
- J.M.Turner Fetus into Man (1978, 1989). Harvard University Press. ISBN 0-674-30692-9
- Cell division: binary fission and mitosis
Véxase taménEditar
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- Como se dividen as células: Mitose e Meiose
- Mitosis and Cell Cycle Control Section Landmark Papers in Cell Biology (Gall JG, McIntosh JR, eds.) contén comentarios e ligazóns a publicacións de investigacións sonbre a mitose e a división celular. Publicado na Rede en Image & Video Library of The American Society for Cell Biology
- Image & Video Library of The American Society for Cell Biology contén moitos vídeos sobre a división celular.
- Vídeos das primeiras divisións celulares de embrións do anfibio Xenopus laevis (side view e top view), acquired by MRI (DOI of paper)
- Images : Calanthe discolor Lindl. - Flavon's Secret Flower Garden
- Tyson's model of cell division e Description en BioModels Database