Leishmaniose

(Redirixido desde "Leishmaníase")
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A leishmaniose[1] ou leishmaníase é unha enfermidade parasitaria producida por protozoos do xénero Leishmania, da familia dos tripanosómidos. Realmente agrupa un amplo conxunto de formas clínicas, con cadros diversos e gravidade diferente. Segundo a especie responsable, a enfermidade recibe diferentes nomes específicos, como kala-azar ou febre negra (producida pola L. donovani), botón de oriente ou botón de Alepo (producida pola L. tropica). Outras especies son causa de diferentes procesos cutáneos.

Ciclo biolóxico da Leishmania

Considérase unha zoonose e afecta principalmente os países máis desfavorecidos, tanto polas precarias condicións hixiénicas como pola carencia de medios de loita e tratamento. Máís do 90% dos casos de leishmaniose do mundo danse en Bangladesh, o Brasil, a India, o Nepal e o Sudán.

EtioloxíaEditar

O parasito causante da enfermidade, a Leishmania, é un protozoo flaxelado, transmisible ó home desde diversos animais, coma cans e roedores, a través das picadas da femia dun mosquito do xénero Phlebotomus.

En España, a especie responsable é a Leishmania donovani (L. donovani infantum) e os mosquitos implicados como vectores da enfermidade son o Phlebotomus perniciosus e mailo P. ariasi. En América, os vectores pertencen ó xénero Lutzomyia.

PatoxeniaEditar

 
Mosquito da especie Phlebotomus pappatasi picando nunha persoa

En España, o reservorio máis común é o can, que tamén pode padece-la enfermidade. O mosquito, ó picar nun can ou nunha persoa enfermos, inxire o parasito no estadio de amastigote, que é a forma parasita dentro das células sanguíneas do can; nesta fase adoptan unha forma redondeada e carecen de flaxelo. Nas células intestinais do mosquito transfórmanse en promastigotes, que se dividen e multiplican; neste estadio teñen forma alongada, lanceolada, e están provistos dun flaxelo que lles proporciona capacidade de movemento. Estas formas alcanzan as pezas bucais do mosquito e este, ó picar nunha persoa, inocúlaos no torrente sanguíneo desta.

A enfermidade presenta unha prevalencia relativamente alta entre os cans, do 4 ó 10%.

Noutros países detectouse o parasito en especies silvestres, que actúan como portadores asintomáticos e reservorios da enfermidade.

Cadro clínicoEditar

A enfermidade pode cursar ben cunha forma cutánea, ben cunha forma visceral, que é a que recibe especificamente o nome de kala-azar, ou febre negra, e que consiste nunha infección crónica grave do sistema fagocitario. Cursa con febre recorrente, calafríos, esplenomegalia [2] e hepatomegalia, así como leucopenia, provocando unha alta mortalidade.

A forma cutánea caracterízase por úlceras indoloras que xorden no punto da picada e que poden curar espontaneamente ou manterse abertas durante longos períodos de ata varios anos.

NotasEditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para leishmaniose.
  2. Aumento do tamaño do bazo.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • SAIZ MORENO, Laureano: Las zoonosis. Aedos, Barcelona 1976.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.
  • VARIOS: “La leishmaniosis canina”, en Información veterinaria. Revista Oficial do Consejo General de Colegios Veterinarios de España xuño 2005 (1ª parte) [1], setembro 2005 (2ª parte) [2].

Ligazóns externasEditar