León Colosal

escultura no Parque do Pasatempo de Betanzos

Coordenadas: 43°16′40″N 8°13′13″O / 43.277668660848, -8.2201867551424

O León Colosal é unha escultura dun león situada no Parque do Pasatempo de Betanzos, ideado polos Irmáns García Naveira.

León Colosal
O León Colosal en 2017
Presentación
LocalizaciónBetanzos
DirecciónParque do Pasatempo
TipoEscultura

Descrición

editar

O León Colosal, unha escultura de catro metros de alto e uns seis metros de longo, está realizada cun enconfrado perdido de ladrillo recuberta cunha envolvente de morteiro de cemento e está situado no tercero nivel do parque, no bordo dun dos socalcos. O león domina o espazo do parque e está colocado de tal xeito que a súa mirada se dirixe ao centro da vila e, ao mesmo tempo, ao leste.[1][2][3]

Podería estar inspirado noutras figuras similares como el Löwendenkmal de Lucerna, que visitaron os Irmáns García Naveira durante a súa viaxe xunto a Rogelio Borondo. A súa posición no parque, leva tamén a pensar no cadro "As dúas maxestades" de Jean-Léon Gérôme.[4]

A reconstrución da estatua foi realizada polo escultor coruñés Francisco Escudero.[5][6]

Historia

editar
 
Primeira imaxe do león colosal publicada na revista Vida Gallega o 25 de xaneiro de 1918.

A construción do León Colosal pode datarse entre agosto de 1914, momento no que se inaugura a Canle de Panamá que aparece representada no Muro das Viaxes que sustenta ao león, e o 25 de xaneiro de 1918, momento no que aparece publicada a primeira fotografía desta escultura na revista Vida Gallega.

Segundo o seu neto, Juan María García Naveira mandou facer a escultura como demostración da resistencia das bóvedas das covas. En palabras do neto, Juan mandoumo construír:[2]

Para rirse deles [os betanceiros], pois era un pillo, púxolle ao león as patas pousadas na parede de atrás e na varanda, e non na bóveda. Ademais o león é de cemento armado e está oco.

O león orixinal foi destruído en 1954, supostamente por iniciativa das monxas do Asilo García Irmáns que traballarían as terras da parte final do Parque do Pasatempo nos seus anos de abandono. Tras un intento de dinamitar o animal, ficou partido en dous anacos ata que se demoleu totalmente nos anos noventa, momento no que o escultor coruñés Francisco Escudero deseña unha nova figura que pouco ten que ver co orixinal, modificando incluso a súa posición, o que compromete a estabilidade das covas inferiores.

En 1997 colocouse no lugar da estatua orixinal unha reprodución realizada polo escultor coruñés Francisco Escudero.[5]

En febreiro de 2023 o león volveu ser visible dende o exterior do parque logo de que se procedera a retirar a vexetación que o ocultaba e que ademais puña en perigo as grutas situadas debaixo da escultura. A retirada da vexetación, que formaba parte do Plan Director de recuperación do parque, fixo visibles tamén catro relevos do muro sobre o que se asoma o león.[7]

Actos vandálicos

editar

Durante a madrugada do luns 22 de maio do ano 2000 o León Colosal sufriu numerosas pintadas, o que motivou a súa limpeza por parte do alumnado do Centro Municipal de Formación Ocupacional de Betanzos con líquido decapante, auga e cepillos para eliminar todos os restos de pintura. Formulouse a posibilidade de pintar o león simulando a cor da pelaxe, mais ante o temor a que sufrise novos actos vandálicos optouse simplemente pola súa limpeza.[1]

En outubro de 2018 o León Colosal foi vandalizado de novo con novas pintadas. A persoa ou persoas responsables enfrontábanse daquela a posibles sancións de ata 150 000 euros por estar a piques de ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC).[8] Meses despois, a finais de febreiro de 2019, a Dirección Xeral de Patrimonio autorizou as accións para a limpeza destas pintadas e outras máis antigas.[9]

  1. 1,0 1,1 "El león del Pasatiempo estará totalmente limpio el martes". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de maio de 2000. Consultado o 1 de xullo de 2024. 
  2. 2,0 2,1 Caabano Vázquez, Pato Iglesias & Sousa Jiménez 1992, p. 56.
  3. Crespi Rodríguez 2006, p. 465.
  4. Arcay Barral, Ángel (2019). "Que é o Parque do Pasatempo?: Arte, capricho e iniciación". Anuario brigantino (42): 319–368. ISSN 1130-7625. 
  5. 5,0 5,1 "a-36 León Colosal" (en castelán). parquepasatiempo.blogspot.com. Consultado o 8 de xullo de 2024. 
  6. Crespí Rodríguez 2006, p. 476.
  7. Vázquez, Dolores (17 de febreiro de 2023). "El león de O Pasatempo de Betanzos, más visible al retirar vegetación que comprometía las grutas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2024. 
  8. "El autor de la pintada en el monumento coruñés del 'León Colosal' se expone a una multa de 150.000 euros". La Sexta (en castelán). 9 de outubro de 2018. Consultado o 1 de xullo de 2024. 
  9. "Patrimonio autoriza los trabajos para limpiar las pintadas del León Colosal de O Pasatempo". La Opinión A Coruña (en castelán). 22 de febreiro de 2019. Consultado o 1 de xullo de 2024. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar