A lazulita é un mineral do grupo dos fosfatos. É un hidroxifosfato de aluminio, ferro e magnesio. Os seus cristais son dunha cor azul intensa, característica pola que se lle puxo ese nome, que deriva da palabra árabe lazurd, que significa "ceo",[1] e do grego litos, pedra. Sinónimos pouco usados son: berkeyita, gersbyita, mollita, tetragophosphita e voraulita.

Lazulita
Fórmula química(Mg,Fe)Al2(OH2(PO)4)2
Clase8.BB.40 (Strunz)
CorAzul ceo, branco azulado
Dureza5,5 a 6 (escala de Mohs)
FracturaIrregular
RaiaBranca a azul pálida
Densidade3 a 3,1

É facilmente recoñecible polo hábito dos seus cristais claramente bipiramidais. Non debe confundirse co silicato lazurita, nin co carbonato azurita, cos que non ten nada que ver, só se parecen os nomes etimoloxicamente por ter os tres cor azul.

Descuberta en 1795 en Salzburgo (Austria).

A lazulita é unha serie de solución sólida, nun extremo estaría a "lazulita pura" rica en magnesio mentres que no outro extremo estaría a escorzalita, rica en ferro.

Ambiente de formación editar

Xorde en rochas metamórficas de tipo cuarcita, onde pode aparecer asociado a minerais tales como sillimanita, cuarzo, pirofilita, moscovita, cianita, grupo dos granates, dumortierita ou corindón.

Tamén pode aparecer en rochas ígneas, nos bordos de complexos de granito e pegmatitas, así como en filóns de cuarzo, onde aparece asociada a outros minerais como o rutilo e a andalucita.

Pola súa dureza é tamén común encontrala en depósitos aluviais.

Localización e extracción editar

Encontráronse cristais de até 5 cm de tamaño en Xeorxia (EUA), Suíza, Suecia e Austria. A variedade escorzalita é moi abundante en pegmatitas do Brasil.

Empregouse como pedra preciosa ornamental, aínda que de pouco valor.

Notas editar

  1. María Moliner, "Diccionario de uso del español". Ed. Gredos (1992). ISBN 84-249-1344-2

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar