Lago Mälar

(Redirección desde «Lago Mälaren»)

O lago Mälar (s. Malaren, "O Mälar") é o terceiro lago de auga doce máis grande de Suecia, tras o Vänern e o Vättern. A súa superficie é de 1 140 km² e a súa parte máis profunda ten 64 m. O Mälaren esténdese 120 quilómetros de leste a oeste. O lago drena, dende o suroeste cara ao nordés, ao mar Báltico a través das súas saídas naturais nos ríos Norrström e Söderström (que flúen cara a illa de Stadsholmen), e a través das saídas artificiais da canle de Södertälje e da vía fluvial de Hammarbyleden. A baía máis ao leste do Mälar, no centro de Estocolmo, chámase Riddarfjärden. O lago está situado en Svealand e limita coas provincias de Uppland, Södermanland, Närke e Västmanland. As súas dús illas máis grandes son Selaön (91 km²) e Svartsjölandet (79 km²).

Lago Mälaren
Lago Mälaren
PaísSuecia Suecia
Superficie1 140 km²
Profundidade64 m
Prof. media13 m
CidadesEstocolmo, Enköping, Köping, Södertälje, Strangnas, Torshälla e Västerås

Os asentamentos da era viquinga de Birka, na illa de Björkö, e de Hovgården, na illa de Adelsö, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993, ao igual que o Palacio de Drottningholm na illa de Lovön. O túmulo de Björn Järnsida atópase na illa de Munsö.

Etimoloxía editar

O nome Mälar deriva da palabra do antigo nórdico mælir, que aparece en rexistros históricos na década de 1320 e significa grava grosa.[1] Anteriormente coñecíase polo nome de Lǫgrinn, que en antigo nórdico significa "o lago".[2]

Xeoloxía editar

A finais da derradeira idade de xeo hai uns 11 000 anos, gran parte do norte de Europa e Norteamérica estaba cuberta por inlandsis de ata 3 quilómetros de espesor. Ao final da idade de xeo, cando os glaciares retrocederon, a eliminación do peso da terra deprimida levou a un axuste posglacial. Inicialmente o axuste foi rápido, duns 7,5 cm/ano. Esta fase durou uns 2 000 anos, e tivo lugar mentres se retiraba o xeo. Unha vez que se completou a desglaciación, a elevación reducíuse a uns 2,5 cm/ano, e decreceu exponencialmente posteriormente. No presente, as taxas de elevación típicas son de 1 cm/ano ou menos, e os estudos suxiren que o axuste continuará durante outros 10 000 anos. A elevación total dende finais da desglaciación pode ser de ata 400 metros.

Na era viquinga o Mälar aínda era unha baía do mar Báltico,[3][4] e os barcos podían navegar ata o interior de Suecia. Birka estaba convenientemente preto das rutas comerciais a través da canle de Södertälje. Debido ao axuste posglacial, a canle e a boca da baía de Riddarfjärden fixéronse tan pouco profundos ao redor do ano 1200 que os barcos tiñan que descargar preto das entradas, e progresivamente a baía foi converténdose nun lago.[5] O declive de Birka e a posterior fundación de Estocolmo no momento no que se bloqueou Riddarfjärden debéronse en parte ao axuste posglacial que cambiou a topografía da conca do Mälar. A superficie do lago no presente está de media a uns 0,7 metros sobre o nivel do mar.

Ecoloxía editar

Peixes e crustáceos editar

O Mälar ten 33 especies autóctonas de peixes, sendo o lago máis rico de Suecia en peixes. Ademais introducíronse especies como a troita lacustre americana ou o salmón atlántico. Das especies autóctonas 8 están na lista vermella da IUCN. Entre as especies nativas máis comúns están o lucio, a perca común, a vermella, a brema, o alburno, a lota e a tenca.[6]

O Mälar foi o primeiro lago sueco afectado pola afanomicose, xa no ano 1907. Os barcos que navegaban con cangrexos de río na súa carga propagaron a praga máis ao interior do lago. A moi boa poboación de cangrexo nobre do Mälar exitinguíuse en pouco tempo. Dende entón introducíuse o cangrexo sinal no lago.[6]

Castores editar

Dende hai anos hai varias colonias de castores ao redor do Mälar e nas súas illas. Por exemplo en Kärsön, unha illa preto do límite occidental de Estocolmo poden verse mordeduras de castores e árbores talados por eles. Tamén nas partes centrais de Estocolmo, como Essingeöarna, Långholmen e Hammarby Sjöstad hai castores.[7][8]

Paxaros editar

Os paxaros máis comúns no Mälar son tamén os máis comúns no Báltico. En 2005 realizouse un inventario e as dez especies máis numerosas foron o carrán común, a gaivota arxéntea, a gaivota chorona, a gaivota cana, o lavanco, o pato cristado, o ganso do Canadá, o ollodourado, a gaivota escura e o bilurico bailón. No Mälar tamén se reproducen aves menos comúns como o pigargo, o ganso bravo, o ganso sangano, a movella ártica, o mergo cristado e o pato frisado, algunhas das cales están moi ameazadas no lago. Alí aniñan tamén, dende 1994, corvos mariños grandes da subespecie P. c. sinensis. En 2005 contáronse 23 colonias con 2 178 niños, tendo a máis grande delas 235 niños.

Notas editar

  1. Nationalencyklopedin (ed.). "Mälaren". Consultado o 19 de xuño de 2018. 
  2. Grimes, Heilan Yvette (2010). Hollow Earth Publishing, ed. The Norse Myths. pp. 285–286. ISBN 978-1879196025. 
  3. Dahlbäck, Göran (1974). "Landhöjning och bebyggelse i nordligaste Uppland" (PDF). Forn vännen (121). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de outubro de 2017. Consultado o 19 de xuño de 2018. 
  4. Friman, Helena, Söderström, Göran (2008). Bonnier Fakta, ed. Stockholm : en historia i kartor och bilder. ISBN 9789146218432. 
  5. arne.ljungdahl.info (ed.). "Om Mälaren". Consultado o 19 de xuño de 2018. 
  6. 6,0 6,1 "Natur i Huddinge". huddinge.se/. 2007-09-19. Archived from the original on 19 de setembro de 2007. Consultado o 2022-09-21. 
  7. "Medborgarförslag om bävrar". Kungsholmens stadsdelsförvaltning. Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  8. "Bäver satte tänderna i Hammarby Sjöstad". www.mitti.se (en sueco). 2020-02-18. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2022. Consultado o 2022-09-22.