Lagarta cinsenta

especie de lagarta
(Redirección desde «Lagarta cincenta»)

A lagarta cinsenta ou cincenta (Psammodromus hispanicus) é unha especie de lagarta da familia Lacertidae, que vive en Francia, Portugal e España e forma parte da fauna de Galicia, aínda que aquí é moi escasa. Viven principalmente en áreas secas e abertas de clima mediterráneo.

Psammodromus hispanicus
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Familia: Lacertidae
Subfamilia: Gallotiinae
Xénero: Psammodromus
Especie: P. hispanicus
Nome binomial
'Psammodromus hispanicus'
Fitzinger, 1826
Distribución de Psammodromus hispanicus.
Distribución de Psammodromus hispanicus.

Distribución de Psammodromus hispanicus.
Sinonimia
  • Psammodromus hispanicus, Malmkmus, 1826
  • Lacerta edwardsiana, Dugés, 1829.
  • Lacerta edwasii, Zang, 1903.
  • Psammodromus edwarsii, Duméril y Bibron, 1839.

Características editar

Son lagartas pequenas, as menores da herpetofauna galega. Poden ter 50 mm de longo sen contar o rabo, o cal ten unha lonxitude 1,5 veces a do resto do corpo, polo que a lonxitude total con rabo pode chegar a 120 a 130 mm. Cando eclosionan miden só de 20 a 25 mm.

O corpo é delgado cunha pequena cabeza bicuda, e con patas traseiras grandes e moi longas, e rabo delgado. As escamas dorsais teñen quilla e están imbricadas. As do ventre son imbricadas pero sen quilla. A coloración é xeralmente marrón escura, marrón olivácea ou vermello escura ou cor de óxido con moitas manchas irregulares claras, bandas e liñas, especialmente nos flancos. Estas tamén aparecen no dorso, onde xeralmente teñen moitas pequenas bandas brancas beireadas de cor escura. O ventre é amarelado. As femias son máis grandes en primavera porque están cargadas de ovos. Emiten sons agudos cando son capturadas e poden morder; tamén chían durante a cópula. Os machos son máis pequenos que as femias pero de cabeza máis granade. Están activos de día.

Distribución editar

Encóntranse na maior parte da Península Ibérica, excepto a costa cantábrica e os Pireneos. En Francia poden atoparse ao longo da costa mediterránea. En Galicia é unha especie rara e escasa, que só se atopou na zona de Ourense capital e no val de Verín, que son zonas bastante cálidas, xa que é unha especie moi termófila.[1]

A subespecie edwarsianus encóntrase en Francia, e a subespecie hispanicus na Península Ibérica.

Alimentación e depredación editar

Basicamente comen insectos e arañas. Son predados por moitas especies: aves, serpes e mamíferos.

Reprodución editar

Reprodúcense tras saír da súa hibernación en primavera. Despois dunha poucas semanas pon de 2 a 8 ovos, debaixo de palla ou moreas de ramas, que se incuban durante unhas 8 semanas. A femia pode facer dúas postas. Durante o cortexo e a cópula o macho persegue á femia mordéndoa no rabo, extremidades e no lombo, e a cópula é breve.

Vive só 2 ou 3 anos, e moitos exemplares morren despois da primeira temporada de apareamento; alcanzando a súa madurez sexual no seu primeiro ano.

Hábitat editar

Habita zonas con vexetación arbustiva mediterránea, praderías temperadas, áreas costeiras areosas, terras de cultivo, pasteiros e xardíns rurais. Está ameazada pola perda do seu hábitat e a IUCN considéraa nas súas listas como "Case ameazada" (NT).[2] Atópanse ata os 1.500 m de altura.

Notas editar

  1. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 342-346. ISBN 84-7507-722-6.
  2. Pleguezuelos, J., Sá-Sousa, P., Pérez-Mellado, V., Marquez, R. & Cheylan, M. 2005. Psammodromus hispanicus. 2006 IUCN Lista Vermella de Especies Ameazadas; consultado o 16 de febreiro de 2022

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar