La Conquista del Estado

semanario político español

La Conquista del Estado foi un semanario político español fundado o 14 de marzo de 1931 (un mes antes da proclamación da Segunda República) por Ramiro Ledesma Ramos. Publicáronse 23 números, aparecendo o derradeiro o 24 de outubro de 1931.

La Conquista del Estado
Semanario de lucha y de información política
Fundación14 de marzo de 1931
Remata24 de outubro de 1931
DirectorRamiro Ledesma Ramos
FundadorRamiro Ledesma Ramos
Tendenciafascista
Linguacastelán
LocalidadeMadrid
Periodicidadesemanal

Obxectivos políticosEditar

De corte fascista, estaba inspirado na publicación homónima italiana de Curzio Malaparte (La Conquista dello Stato) e pretendía converterse no embrión do fascismo español desde un punto de vista teórico.

No seu primeiro número publicou un manifesto cuxas ideas-forza eran: supremacía do Estado, afirmación nacional, articulación comarcal de España e estrutura sindical da economía (nacionalsindicalismo). O periódico incluíu ademais 17 puntos básicos, que destacaban os seus obxectivos primordiais.[1]

Revolución Nacional e SocialEditar

Declaradamente partidaria do fascismo, en todos os números insístese na idea de revolución, que se enfronte tanto ao marxismo como ao capitalismo, enfocándose na chamada terceira vía e facendo continuas loas tanto á Italia fascista como ao Partido Nacionalsocialista de Adolf Hitler, que chegou dous anos despois ao poder. Tamén foi moi combativo co independentismo, en especial o catalán, ao que dedicou varios artigos de clara oposición.

Tamén intentou recrutar aos descontentos dalgúns movementos revolucionarios proletarios, fundamentalmente membros da CNT, asistindo ao Congreso Extraordinario de 1931 da organización anarcosindicalista e apoiando a Folga da Telefónica convocada por estes.[2]

ColaboradoresEditar

O principal colaborador foi Juan Aparicio López.[3] Posteriormente, engadíronse outros como Manuel Souto Vilas.

Fin do semanario e fundación das JONSEditar

Logo de sufrir dificultades económicas pola censura establecida na Lei de Defensa da República (1931), anunciou en outubro o final da súa andadura. O grupo de simpatizantes arredor do semanario promoveron a fusión coas Juntas Castellanas de Actuación Hispánica, dirixidas por Onésimo Redondo, dando lugar, o 10 de outubro de 1931,[4] á formación dunha nova organización política e un novo semanario co mesmo nome, Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS), que se converteu no primeiro partido nacionalsindicalista de España.

NotasEditar

  1. La Conquista del Estado, nº 1, 14 de marzo de 1931.
  2. La Conquista del Estado, nº 18, 11 de xullo de 1931.
  3. "La conquista del estado". Proyecto Filosofía en español (en castelán). Consultado o 19-9-2019. 
  4. Sesma (2012), p. 56

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Sesma Landrín, Nicolás (2012). "La dialéctica de los puños y de las pistolas": una aproximación a la formación de la idea de estado en el fascismo español (1931-1945)". Historia y Política: Ideas, Procesos y Movimientos Sociales (en castelán) (27): 51–82. ISSN 1575-0361. doi:10.18042/hp. 

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar