Quinetoscopio

(Redirección desde «Kinetoscopio»)

O quinetoscopio foi o percusor do moderno proxector de películas desenvolvido por William Kennedy Laurie Dickson mentres traballaba con Thomas Edison.

Un quinetoscopio coa tampa aberta, amosando a película: unha cinta sen fin; e o visor superior aberto.

Historia editar

De acordo cos feitos históricos, antes de ter a idea Edison inspirouse nunha visita que fixo a Eadweard Muybridge en 1888, quen desenvolveu unha invención á que chamou zoopraxiscopio. Parece ser que a intención de Muybridge era financiar e promover unha maior colaboración con Edison na elaboración dun deseño dunha máquina que puidese emitir son e proxectar imaxes á vez. Neste deseño incluíase o fonógrafo inventado por Edison.

Entón, Edison, impresionado e inspirado polas ideas de Muybridge, rapidamente e independentemente rexistrou a patente dunha máquina que podería "facer para os ollos aquilo que o fonógrafo fai para os oídos". Asignou a tarefa do novo deseño a Laurie Dickson, e decidiu chamar "ao seu" invento como "quinetoscopio" (kinetoscope), como resultado da combinación das palabras gregas "kineto" (movemento) e "scopos" ("ver").

Edison, Dickson e outros traballadores do laboratorio de Edison, realizaron progresos no deseño ata un punto, xa que a idea de facer servir cilindros rotativos só permitiría proxectar animacións demasiado curtas, tendo en conta a limitación do diámetro do cilindro. O proxecto quedou paralizado, pero retomouse logo dunha visita de Edison a Etienne-Jules Marey, un médico e fotógrafo francés que desenvolvera un "cronofotógrafo", co cal facía servir unha tira de película moito máis larga que o diámetro de calquera cilindro utilizable.

Os traballos de John Carbutt sobre a película de celuloide ofreceron máis progresos nesta dirección, xa que William Heise, traballando con Dickson nos laboratorios de Edison, incorporou este avance. A película deseñouse como un lazo, que serpenteaba ao redor dunha serie de eixes dentro dunha caixa de madeira, e podíase ver mirando ata abaixo dende unha abertura. Así, os laboratorios desenvolveron unha nova cámara para utilizar esta película, o quinetógrafo.

O 20 de maio de 1891, a primeira proxección pública do prototipo de quinetoscopio de Edison realizouse nos seus laboratorios para unha convención da Federación Nacional de Clubs de Mulleres dos EUA. A presentación pública do quinetoscopio completo tivo lugar no Instituto das Artes e as Ciencias de Brooklyn o 9 de maio de 1893.

Quinetófono editar

O quinetófono foi un primeiro intento de Edison para unificar a imaxe e o son a finais do século XIX. Na primavera de 1895, presentou esta máquina, é dicir, unha película de quinetoscopio sincronizado por unha correa cun fonógrafo. A primeira película que se mostrou nun quinetófono foi "The Dickson Experimental Sound Film".

Dickson abandonou o laboratorio e o quinetoscopio caeu en popularidade, e os traballos do quinetófono suspendéronse durante dezaoito anos. En 1913, Edison presentou un novo quinetófono deseñado para sincronizar o son cunha película proxectada nunha pantalla externa, pero aínda persistían os problemas con cortes de película, e cos operadores que estaban mal preparados, o que provocaba desincronización co son. O resultado, entón, foi a insatisfacción da audiencia e a falta de popularidade do quinetófono.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • "History of Edison Motion Pictures, the kinetoscope". Library of Congres. Consultado o 25 de xaneiro de 2005.
  • "Kinetoscope". EarlyCinema.como. Consultado o 15 de abril de 2005.