Kakiniit

tatuaxes inuit

Kakiniit (do inuktitut: ᑲᑭᓐᓃᑦ: [kɐ.ki.niːt]; en singular. kakiniq, inuktitut: ᑲᑭᓐᓂᖅ) son as tatuaxes tradicionais dos inuit do Ártico norteamericano. A práctica realízase case exclusivamente entre mulleres, e só as mulleres poden tatuar outras mulleres para diversos fins. Os homes tamén podían recibir tatuaxes, pero estas moitas veces eran moito menos extensas ca as tatuaxes que recibiría unha muller. As tatuaxes faciais denomínanse individualmente como tunniit (inuktitut: ᑐᓃᑦ), e marcan a transición dunha nena a muller. As tatuaxes individuais teñen un significado único para as mulleres inuit. Porén, en inuinnaqtun, kakiniq refírese a tatuaxes faciais.[1]

Unha muller inuit en 1945 con tatuaxes tradicionais na cara.

Historicamente, a práctica facíase con fins estéticos e medicinais, como parte da relixión inuit, e para garantir o acceso individual ao máis aló. Malia a persecución dos misioneiros cristiáns durante o século XX, a práctica experimentou un renacemento moderno por parte de organizacións como o Inuit Tattoo Revitalization Project. Moitas mulleres inuit levan as tatuaxes como fonte de orgullo pola súa cultura inuit.

Etimoloxía editar

 
Unha muller inuit de Bernard Harbour amosando a súa man tatuada.

Kakiniq (en singular) ou kakiniit (en plural)[2] é un termo inuktitut que se refire ás tatuaxes inuit,[3] mentres que o termo tunniit refírese especificamente ás tatuaxes faciais das mulleres.[2][4] Os termos represéntanse en silabario inuktitut como ᑲᑭᓐᓃᑦ (Kakinniit), ᑲᑭᓐᓂᖅ (Kakinniq) e ᑐᓃᑦ (Tuniit).[2]

A raíz protoinuit *kaki- quere dicir 'perforar ou pinchar'; este é o étimo do termo inupiaq (inuit do norte de Alasca) kakinʸɨq* 'tatuaxe', do inuktitut do leste canadense kakiniq 'tatuaxe', do groenlandés occidental kakiuʀniʀit 'tatuaxes', e do tunumiit (groenlandés oriental) 'kaɣiniq 'tatuaxe'. A raíz kaki- tamén quere dicir tatuaxe en inuvialuktun (o inuktitut do oeste do Canadá).[5] A verba protoinuit *tupə(nəq) 'tatuaxe' é a etimoloxía do inuktitut canadense oriental tunniq ('tatuaxe facial de muller'). Isto pode provir do proto-inuit-iupik-unangan *cumi-n 'puntos ornamentais'.[6]

Descrición editar

 
Alethea Arnaquq-Baril investigou as tatuaxes inuit para o seu filme Tunniit: Retracing the Lines of Inuit Tattoos. Arnaquq-Baril leva tatuaxes faciais tradicionais.[7]

Os kakiniit son tatuaxes feitas no corpo, e os tunniit son tatuaxes feitas no rostro, e os dous teñen unha variedade de propósitos simbólicos.[2][3][8] Normalmente, as partes tatuadas consistían en brazos, mans, peitos e coxas. Nalgúns casos pouco comúns, algunhas mulleres tatuaron o seu corpo enteiro.[2] Segundo a cineasta Alethea Arnaquq-Baril, a zona do estómago apenas estaba tatuada, e segundo ela nunca escoitou falar da práctica nesa zona do corpo.[2] As marcas fanse principalmente a mulleres e a súa práctica tamén era feita por mulleres.[9][10] Os homes non recibían as mesmas tatuaxes ca as mulleres; as tatuaxes que recibían os homes eran moito menos extensas ca as femininas, e servían como amuleto.[2] Porén, existen informes de homes que foron criados como mulleres e recibiron tunniit e que máis tarde casaron como segundas esposas.[2] Os patróns consistirían en puntos, zig-zags, formas e liñas.[2] A práctica da tatuaxe facial considérase parte da chegada á vida adulta das mulleres inuit.[11][2] As mulleres non podían casar até que se lles tatuase a cara, e as tatuaxes significaban que aprenderan habilidades esenciais para máis tarde na vida.[9]

Os deseños varían segundo a rexión.[2][12] Cada patrón individual ten un significado simbólico para o seu portador e serve para unha variedade de propósitos.[2] Algúns adoitan darse para conmemorar un evento significativo da vida.[10][11] As marcas en forma de Y representan ferramentas esenciais utilizadas durante a caza de focas, as marcas en forma de V na testa representan o inicio da súa vida como muller,[13] as raias no queixo representan o primeiro período da muller, as tatuaxes no peito danse despois do parto e simbolizan a maternidade,[13] e marcas nos brazos e nos dedos fan referencia á lenda de Sedna.[14] Debido á persecución da práctica durante o século XX e á perda posterior do significado que encarnaran algunhas das tatuaxes, os usuarios modernos adoitan inventar novos significados para as tatuaxes mentres recuperan a práctica.[14][13]

Proceso editar

Os tatuadores adoitaban ser mulleres maiores que tiñan experiencia no bordado.[9] Tradicionalmente, a práctica facíase a través dun tendón de caribuo que se fiaba nun fío e que se empapaba nunha combinación de pigmento de qulliq[9] e sebo de foca.[14] Despois, o fío meteríase baixo a pel mediante o uso dunha agulla feita de óso, madeira ou aceiro.[9][10] Outras ferramentas usadas historicamente foron pókers e coitelos, todas estas ferramentas serían gardadas nunha bolsa de pel de intestino de foca.[9] Unha vez rematada a tatuaxe, esterilizaríase a zona tatuada cunha mestura de ouriños e feluxe.[9]

Nos tempos modernos, a práctica realízase principalmente mediante o uso dunha máquina de tatuaxe con agullas e tinta.[10] Ambas as prácticas, o método de picar e o método de máquina, utilízanse nos tempos modernos, sendo o método tradicional de picar empregado por aqueles que desexan que a práctica se faga de forma tradicional.[11]

Historia e arqueoloxia editar

As lendas inuit sobre o significado das tatuaxes individuais refírense á deusa do mar Sedna á que, cando o seu pai anoxado a botou pola borda e lle cortou os dedos, estes converteríanse en animais mariños. As tatuaxes nas mans e os brazos fan referencia á historia, representando onde se cortaron as súas mans.[14] Os portadores de kakiniit na tradición inuit aseguraríanse de que na outra vida, a muller puidese ir a un lugar de felicidade e cousas boas.[14] Segundo a tradición, ás mulleres que non tiñan tatuaxes nas mans negaríaselles o acceso ao máis alá por parte de Sedna, mentres que as mulleres sen tatuaxes faciais foron enviadas á terra de Noqurmiut, a "terra dos abatidos" onde as mulleres pasarían a eternidade con fume saíndo da súa gorxa e a cabeza colgada cara a abaixo.[9]

Segundo o antropólogo Lars Krutak, as prácticas de tatuaxe inuit permaneceron sen cambios durante milenios. Atopáronse probas de tatuaxes prehistóricas na Illa St. Lawrence, as cales se parecen ás atopadas en mulleres de Groenlandia na década de 1880.[9] A práctica foi xeneralizada e permanceu inalterada até antes da colonización.[9] Ademais de facer felices aos individuos, a práctica fíxose historicamente por unha variedade de razóns, sendo algunhas a acupuntura ou como alivio da dor, o embelecemento e motivos xamánicos.[9] Coa introdución da medicina e da moda occidental, as primeiras razóns caeron en desgraza entre os inuit, e a terceira razón foi extirpada pola presión dos misioneiros.[9]

A práctica do kakiniit foi prohibida pola Igrexa católica no Canadá e os misioneiros a comezos do século XX, que viron a práctica como un mal debido á súa natureza non cristiá.[10] Tradicionalmente unha fonte de orgullo e un rito de paso para as mulleres inuit, a práctica foi considerada xamánica para os misioneiros católicos e as comunidades que traballaron para converter. As pasaxes bíblicas que prohiben a práctica da tatuaxe serviron como presión adicional para eliminar a práctica.[9] Os esforzos do misioneiro anglicano Edmund Peck, que dominaba a lingua inuktitut, foron particularmente eficaces para extirpar as prácticas culturais e relixiosas inuit, incluíndo o kakiniit.[9] Porén, a práctica non foi totalmente extirpada durante ese tempo, e pasou á clandestinidade.[7]

Práctica moderna editar

A práctica experimentou un rexurdimento recente debido ao aumento da concienciación e dos esforzos de revitalización, ademais das preocupacións relativas á extirpación da práctica. A tatuadora e investigadora de Kalaaleq (Inuk groenlandés occidental) Maya Sialuk Jacobsen liderou a reintrodución da tatuaxe tradicional e o uso de técnicas tradicionais de tatuaxe en Groenlandia despois de fundar Inuit Tattoo Traditions en 2014[15] e xogou un papel fundamental na fundación do proxecto de revitalización da tatuaxe tradicional Tupik Mi en Alasca o ano seguinte.[16] No ártico canadense, organizacións como Inuit Tattoo Revitalization Project, fundada en 2017 e dirixida por Angela Hovak Johnson, serven para revivir a tradición e recuperar a práctica nas comunidades inuit.[4][17] Johnson comezou a organización cando descubriu que estaba a piques de desaparecer ao morrer a última muller inuk con tatuaxes faciais.[3] A práctica acadou un maior coñecemento público despois do lanzamento do filme Atanarjuat.[2] O filme de 2010 da cineasta inuit Alethea Arnaquq-Baril, Tunniit: Retracing the Lines of Inuit Tattoos, documenta a historia detrás da práctica.[9] Arnaquq-Baril entrevistou a 58 anciáns que representan a 10 comunidades inuit durante o transcurso do filme.[2] Moitas figuras inuit teñen tatuaxes tradicionais para mostrar o seu orgullo inuit, incluíndo: Celina Kalluk, Lucie Idlout, Angela Hovak Johnston, Laakkuluk Williamson Bathory, Nancy Mike e Johnny Issaluk.[9] A deputada do Parlamento canadense Mumilaaq Qaqqaq, que foi elixida en 2019 e que representaba a circunscrición de Nunavut, leva tatuaxes faciais tradicionais.[14]

Notas editar

  1. "Inuinnaqtun to English" (PDF). Copian. p. 46. Consultado o 17 de xullo de 2022. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Arnaquq-Baril, Alethea. "ᐃᓄᒃᑎᑐᑦ (Inuktitut)" (PDF). Inuktitut (en inglés, francés, e inuktitut) (Inuit Tapiriit Kanatami) 109: 42–51. ISSN 0020-9872. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 25 de xullo de 2021. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Cox, Caroline (15 de xuño de 2017). "Why getting her first tattoo is so meaningful for this 74-year-old Inuit elder". CBC Arts (Canadian Broadcasting Corporation). CBC News. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  4. 4,0 4,1 Geoghegan, John (10 de febreiro de 2021). "Healing Ink: An Interview with Cora DeVos". Inuit Art Foundation (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  5. Fortescue, Michael D.; Jacobson, Steven; Kaplan, Lawrence, eds. (2010). "PE kaki- 'pierce or prick'". Comparative Eskimo Dictionary: With Aleut Cognates (2nd ed.). Alaska Native Language Center, University of Alaska Fairbanks. p. 166. ISBN 978-1-555-00-109-4. 
  6. Fortescue, Michael D.; Jacobson, Steven; Kaplan, Lawrence, eds. (2010). "PE tupə(nəq) 'tattoo'". Comparative Eskimo Dictionary: With Aleut Cognates (2nd ed.). Alaska Native Language Center, University of Alaska Fairbanks. p. 385. ISBN 978-1-555-00-109-4. 
  7. 7,0 7,1 "Inuk filmmaker explains the emotionally fraught decision to get traditional face tattoos". CBC Radio (Canadian Broadcasting Corporation). CBC News. 15 de marzo de 2019. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  8. Allaire, Christian (2022-03-08). "In Alaska, Indigenous Women Are Reclaiming Traditional Face Tattoos". Vogue (en inglés). Consultado o 2022-07-29. 
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 9,13 9,14 9,15 Gaul, Ashleigh (setembro de 2014). "Between the Lines". Up Here (en inglés). Up Here Publishing. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Taylor, Juanita (2 de outubro de 2021). "Etched on the skin". CBC News Interactives. Canadian Broadcasting Corporation. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Taylor, Juanita (3 de maio de 2016). "'This is so powerful:' Kitikmeot women revive traditional Inuit tattoos". CBC News (Canadian Broadcasting Corporation). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  12. Campbell, Heather (14 de xaneiro de 2021). "Tunniit/Tattoos: The Complicated History of Photographing Inuit Tattoos". Library and Archives Canada Blog (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2021. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Angulalik, Jana (11 de xuño de 2021). "Kakiniit: The art of Inuit tattooing". Canadian Geographic (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Allford, Jennifer (23 de outubro de 2019). "Reclaiming Inuit culture, one tattoo at a time". CTV News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  15. "Instagram". 
  16. Hugues, Zacharia. "A Return To Native Roots, Traced In Ink". NPR.org. 
  17. "Book published on Inuit tattoo revitalization 'all my visions coming to life,' says author". CBC News North (Canadian Broadcasting Corporation). CBC News. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar