Juan Tellería
Juan Tellería Arrizabalaga, nado o 12 de xullo de 1895 en Zegama, Guipúscoa e finado o 26 de febreiro de 1949 en Madrid, foi un compositor vasco.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xullo de 1895 Zegama, España |
Morte | 26 de febreiro de 1949 (53 anos) Madrid, España |
Educación | Real Conservatorio Superior de Música de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | compositor, pianista |
Xénero artístico | Zarzuela |
Profesores | Beltrán Pagola |
Instrumento | Piano |
Traxectoria
editarQuedou orfo moi xove quedando el e os seus catro irmáns ao cargo do seu tío Baldomero Tellería, sacerdote do que aprendería solfexo, piano e harmonía. Estes coñecementos servíronlle para gañar unha pensión da Deputación de Guipúscoa que lle permitiu trasladarse a Donostia e ampliar os seus estudos con Germán Cendoya e Beltrán Pagola.
En 1915 trasladouse a Madrid para estudar composición con Conrado del Campo e piano con Manuel Fernández Alberdi. Na capital do Estado serviuse das súas dotes como improvisador e compositor prolífico para asegurarse a súa manutención, dende tocar o órgano en igrexas a dar clases particulares.
No ano 1916 iniciou a composición do poema sinfónico La Dama de Aizgorri, que se estrenou o 29 de setembro de 1917 en Donostia no Gran Casino, tamén se tocou en Madrid coa Orquestra Sinfónica da man do mestre Enrique Fernández Arbós. Esta obra, coa que Tellería obtivo grande éxito con só 22 anos, non se volveu programar ata o ano 1952, interpretada pola Orquestra Nacional de España baixo a dirección de Ataúlgo Argenta.
No ano 1919 trasladouse a estudar a París e máis tarde a Alemaña, desta época non temos demasiada información sobre Juan Tellería, ata 1925 cando regresa a España.
Entre 1927 e 1947 centrouse na música lírica, compoñendo zarzuelas coma El joven piloto, El cabaret de la Academia, Los Blasones o Las viejas ricas. Porén tamén compuxo música de cámara e himnos relixiosos e militares. A súa composición máis coñecida é Amanecer en Cegama cuxa música foi utilizada para a base do himno fascista Cara al sol, himno de Falange Española de las JONS. Outras das súas composicións tamén foron utilizadas para a creación de himnos de parecida vinculación, coma o da División Azul, o da Vieja Guardia de FE de las JONS e da Fronte de Xuventudes.
Durante a guerra civil foi detido pero ingresou na CNT, colaborando co seu talento na filmografía republicana coma por exemplo Defendemos nuestra tierra ou Mores de juventud.
Ata 1946 deu clases na cátedra de música da cámara no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Tamén foi pianista no Palacio da Prensa e ata 1946 desempeñou a cátedra de Música de Cámara no Conservatorio de Madrid.
Está enterrado no cemiterio de Aravaca (Madrid).