Juan Cabré Aguiló

arqueólogo español

Juan Cabré Aguiló, nado en Calaceite (Teruel) o 2 de agosto de 1882 e finado o 2 de agosto de 1947, foi un arqueólogo español que traballou, principalmente, sobre a pintura prehistórica e as culturas ibéricas e celta de España. Débeselle o descubrimento das primeiras obras da denominada arte rupestre levantina a partir de 1903.

Juan Cabré Aguiló
Nacemento2 de agosto de 1882
Lugar de nacementoCalaceite
Falecemento2 de agosto de 1947
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónarqueólogo
FillosEncarnación Cabré Herreros
PremiosEncomenda da Orde Civil de Afonso X o Sabio
editar datos en Wikidata ]

Biografía académica editar

Realizou os seus primeiros estudos en Tortosa e Zaragoza. Posteriormente proseguiríaos, mercé unha bolsa da Deputación de Teruel, na Universidade Central de Madrid, ao tempo que se preparaba na Academia de Belas Artes de San Fernando, actividade que lle sería extraordinariamente útil para ilustrar boa parte dos seus traballos arqueolóxicos.

Descubrimento da arte levantina editar

En 1903, Cabré fixo o primeiro descubrimento científico de pinturas "levantinas" en Calapatá (Cretas, Teruel), aínda que o achado non foi publicado até 1907, cando o fixo a súa publicación no Boletín da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. Neste mesmo ano, ampliaría os achados aos do Barranco dos Gascós, tamén en Cretas, entanto en 1908, Ramón Huguet descubría unha terceira estación levantina en Cogul, Lleida. A noticia destes descubrimentos foi notificada moi logo por Hermilio Alcalde del Río ao padre Henri Breuil, entón o máis prominente especialista en arte prehistórica europea. Breuil acudiu de contado a visitar as novas estacións rupestres, e non dubidou en emitir rápida opinión sobre o que cualificou de variante da arte paleolítica, o que non deixaría de ter consecuencias, pois abriu unha polémica sobre a cronoloxía da arte levantina que duraría case todo o século XX[1]. A publicación de Cabré motivou o seu nomeamento como correspondente da Real Academia da Historia.

Nos anos seguintes Cabré realizou novos descubrimentos: en 1910 acha abrigos na serra de Albarracín xunto con Hugo Obermaier; as do Valle del Charco en 1914; o gran conxunto do barranco de Valltorta en 1917. Xunto con outros achados que efectuaran distintos investigadores, Cabré publica El arte rupestre en España (1915), que constitúe unha primeira síntese sobre arte prehistórica. Cabré porá en dúbida a adscrición da arte levantina a unha cronoloxía paleolítica, defendendo unha datación post-paleolítica[2].

Estudo das culturas ibérica e celta editar

Nesa segunda metade da década de 1910, Cabré pasa a explorar a cultura ibérica, así en 1916 comeza a escavar en Tútugi; no 1919 escava o Cabezo de Alcalá, en Azaila (Teruel), un dos asentamentos máis importantes desa cultura, prototipo do urbanismo ibérico. Na década de 1920 pasa a escavar importantes poboados celtas: Monte Bernorio ca. 1920, Chamartín de la Sierra e Las Cogotas, entre 1931 e 1935) (Ávila). Porén non abandona o seu interese inicial pola arte rupestre; en 1934 descobre e publica as covas paleolíticas de Los Casares e La Hoz, ambas en Guadalaxara.

Últimos anos editar

Ao acabar a Guerra Civil, os novos gobernantes cesan a Cabré do seu cargo de director do Museo Cerralbo de Madrid; porén no ano seguinte foi nomeado xefe da sección de Prehistoria do Instituto de Arte e Arqueoloxía Diego Velázquez. No ano 1942, o arqueólogo opositou en conseguiu a praza de preparador na sección de Prehistoria e Historia Antiga no Museo Arqueolóxico Nacional, posto no que se mantería até a súa morte, en 1947.

Publicacións (selección) editar

  • El arte rupestre en España. Madrid. Comisión de Investigaciones Paleontológicas y Prehistóricas. Madrid. 1915.
  • Acrópoli y necrópoli cántabras de celtas berones de Monte Bernorio, in rev. Arte Español, V, Madrid. 1920.
  • Excavaciones de Las Cogotas, Cardeñosa-Ávila, I-II, Madrid, 1930 e 1932.
  • Las Cuevas de Los Casares y de La Hoz, in Archivo Español de Arte y Arqueología, nº 30, Madrid. 1934.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Cfr. Eduardo Ripoll Perelló, Historia de los descubrimientos, in VV.AA., La Pintura Rupestre, informe na rev. Historia 16 (Madrid), nº 10, febreiro de 1977, páx. 72
  2. Cfr. Pedro Bosch Gimpera, Prehistoria de Europa. Madrid. Istmo Edic. 1975, páx. 91

Véxase tamén editar