José María Caneda
Jose María Caneda Antelo, tamén coñecido como Xosé María Caneda,[1] nado en Amio (Santiago de Compostela) o 1 de febreiro de 1947 e finado na mesma cidade o 24 de xuño de 2024,[2] foi un empresario e directivo futbolístico galego. Presidiu durante 23 anos a SD Compostela, club ao que levou dende a Terceira ata a Primeira División, converténdose nun dos dirixentes máis populares do fútbol español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de febreiro de 1947 Santiago de Compostela, España |
Morte | 24 de xuño de 2024 (77 anos) Santiago de Compostela, España |
Causa da morte | cancro |
Presidente SD Compostela | |
1988 – 2011 | |
Actividade | |
Ocupación | empresario |
Traxectoria
editarNaceu no lugar compostelán de Amio, sendo un dos 12 fillos dun garda municipal.[3] Estudou un curso de formación profesional en electricidade e xunto a seu irmán Manolo fundou unha empresa de bobinados eléctricos.[4] Durante a súa xuventude practicou atletismo e ingresou xunto a seus irmáns Daniel e Mercedes na SD Compostela.[5]
En 1964 participou na fundación do Amio SD, club de fútbol do que foi xogador, adestrador e presidente.[4] En 1987 foi nomeado membro da directiva da SD Compostela e en maio do ano seguinte foi elixido presidente, despois de que só se presentase a súa candidatura.[6] O club militaba na Terceira División e estaba a atravesar graves problemas económicos.
Na súa primeira campaña á fronte do club fichou como adestrador a Pechas, que non acadou o obxectivo do ascenso. Para a tempada 1989/90 asinou a Fernando Castro Santos, técnico procedente do Arenteiro que dirixiría o Compostela durante os seguintes sete anos. O tándem Caneda-Castro Santos deu os seus froitos dende o inicio e o club conseguiu dous ascensos consecutivos dende a Terceira á Segunda División, tras fichar a xogadores composteláns que militaban fóra da cidade como Carlos Cea, Toñito, Suso Moure, Cao ou o seu irmán Luis Caneda.[4]
Despois de só tres anos na categoría de prata, onde se reforzou con xogadores como Ohen, Bellido, Nacho, Tocornal ou Fabiano o "Compos" de Caneda e Castro Santos conseguiu un histórico ascenso á Primeira División ao remate da tempada 1993/94, tras vencer na promoción de ascenso ao Rayo Vallecano de Ruiz-Mateos.[7] A pesar de que o equipo pechou a súa primeira tempada na elite selando a permanencia, Caneda despediu a Castro Santos, adestrador que contaba co apoio da meirande parte dos seareiros do club.[8]
Para a tempada 1995/96 contratou como técnico a Fernando Vázquez, co que o Compostela completou unha espectacular primeira volta, conseguindo derrotar entre outros ao Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o Barcelona ou o Athletic, e ocupou a segunda praza da táboa no ecuador da competición.[9] Con todo, o seu rendemento baixou notablemente na parte final da tempada, conseguindo só 6 puntos nas 15 últimas xornadas, polo que rematou na 10ª posición, o mellor resultado histórico do club. Na seguinte campaña obtivo a 11ª praza e finalmente acabou descendendo na 1997/98, despois de non conseguir superar a promoción contra o Villarreal.[10]
Despois de fracasar no seu intento de regresar á máxima categoría, os problemas económicos do club levárono a un descenso administrativo a Segunda B en 2003 e a un dobre descenso (deportivo e administrativo) na seguinte campaña, baixando ata a Preferente Autonómica. A xunta de accionistas aprobou a liquidación do club en 2006, pero Caneda estaba en contra da medida e comprou en subasta pública o nome comercial da entidade. Ese ano asumiu a presidencia dun club amateur, a Sociedade Deportiva Campus Stellae, para convertelo na nova Sociedade Deportiva Compostela. Caneda continuou como presidente do novo club, que conseguiu chegar ata a Segunda División B, antes de que un novo descenso administrativo o devolvese á Preferente. En 2011, despois de 23 anos á fronte do club, Caneda vendeulle a entidade a Antonio Quinteiro.[11]
Estilo e controversias
editarCarismático e polémico, foi un dos presidentes máis populares do fútbol español da década de 1990, debido ao seu carácter, ás súas declaracións á prensa e á súa relación con outras persnalidades do fútbol e da política.[12][13] As súas primeiras polémicas datan de finais dos anos 70, cando sendo presidente do Amio, foi sancionado en varias ocasións con suspensións de ata seis meses por insultar e ameazar a árbitros.[14][15] Xa como presidente do Compostela mantivo enfrontamentos entre outros co presidente da Xunta, Manuel Fraga, ou co dirixente do Atlético de Madrid, Jesús Gil, co que tivo unha famosa liorta a puñadas na sede da LFP.[7][12]
Vida persoal
editarTivo once irmáns.[16] Un deles é o dono dunha coñecida tenda de material deportivo de Santiago de Compostela.
Anos despois de deixar a xestión deportiva, a finais de 2022, anunciou que estaba a tratamento por unha enfermidade grave[17] que posteriormente sinalou como cancro de estómago e de esófago.[16] Faleceu en Santiago de Compostela o 24 de xuño de 2024, aos 77 anos de idade.[2]
Notas
editar- ↑ "Xosé María Caneda: "Fichei a Vázquez unha noite tomando un café nun local de Santiago"". www.crtvg.es. Consultado o 2023-02-01.
- ↑ 2,0 2,1 "Falece José María Caneda, histórico presidente do Compostela". Nós Diario. 24 de xuño de 2024.
- ↑ Malvar, Aníbal (20 de xaneiro de 2020). "“Enseñé a muchos presidentes a transportar el dinero B desde Suiza”" (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Furelos, Víctor (24 de xuño de 2024). "Adiós a Caneda, genio y figura". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024.
- ↑ "SD Compostela. Entre la estrechez y la ilusión" (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024.
- ↑ "Caneda Antelo, único candidato a la presidencia del Compostela". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 17 de maio de 1988. p. 48.
- ↑ 7,0 7,1 "Muere José María Caneda, el histórico expresidente de la SD Compostela". Onda Cero (en castelán). 25 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ "La marcha de Santos es un error". La Voz de Galicia (Santiago ed.). 22 de xuño de 1995. p. 62.
- ↑ "El Compostela de la 1995-96: Cuando soplaba el dulce viento del noroeste". Marca (en castelán). 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ "Muere el histórico expresidente del Compostela José María Caneda". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ "Compostela: De la gloria al abismo en quince temporadas". El Mundo (en castelán). 16 de maio de 2011. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ 12,0 12,1 "Caneda, el inigualable e irrepetible presidente que situó al Compos en el mapa de Primera" (en castelán). 24 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ L. Cudeiro, Juan (24 de xuño de 2024). "Muere José María Caneda, indomable expresidente del Compostela". El País (en castelán). Consultado o 25 de xuño de 2024.
- ↑ "Sanciones". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de setembro de 1979. p. 48.
- ↑ "El presidente del Amio, suspendido por seis meses en sus funciones por amenazar e insultar a un árbitro". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 5 de xuño de 1981. p. 33.
- ↑ 16,0 16,1 Calvo, Naso (2023-01-29). "José María Caneda, expresidente del Compostela: «Estuve 10 meses sin comer y pasé de 95 kilos a quedarme solo en 64»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-02-02.
- ↑ "José María Caneda, sobre su enfermedad: «Me derrumbé cuando me lo comunicaron, pero a las pocas horas dije: 'no, no me puede llevar tan rápidamente'»". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-02-01. Consultado o 2023-02-01.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Caneda, José María". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 175.