Fernando Castro Santos

Fernando Castro Santos, nado en Lourido (Poio) o 20 de febreiro de 1952, é un exfutbolista e exadestrador galego. Pasou 22 anos vencellado ao Pontevedra, primeiro como xogador, na posición de defensa, e máis tarde como adestrador. É ademais unha das figuras máis importantes da historia do Compostela, ao que dirixiu entre 1989 e 1995, conseguindo tres ascensos nos seus primeiros cinco anos, subindo o equipo dende a Terceira ata a Primeira División.

Fernando Castro Santos
Información persoal
Nome Fernando Castro Santos
Nacemento 20 de febreiro de 1952 (72 anos)
Lugar de nacemento Poio
Posición Defensa
Carreira xuvenil
1966–1970 Pontevedra
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1970–1974 Atlético Pontevedrés
1974–1981 Pontevedra 223 (6)
Adestrador
1981–1983 Atlético Pontevedrés
1983–1984 Pontevedra
1985–1986 Atlético Pontevedrés
1986–1988 Pontevedra
1988–1989 Arenteiro
1989–1995 Compostela
1995–1997 Celta de Vigo
1997–1998 Sporting de Braga
1998–1999 Sevilla
1999–2000 Tenerife
2001–2002 Poli Ejido
2002–2003 Sporting de Braga
2003 Córdoba
2004–2005 Almería
2006–2007 Vecindario
2008 Poli Ejido
2010 Leixões
2010–2011 Pontevedra
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Tras adestrar o club santiagués no seu debut na máxima categoría, pasou polos bancos do Celta de Vigo, tamén en Primeira, e por varios equipos da Segunda División. Dirixiu tamén ao Sporting de Braga e ao Leixões, na Primeira Liga de Portugal.

É pai do tamén exfutbolista Diego Castro.

Traxectoria

editar

Como futbolista

editar

Nacido en Poio, chegou ao Pontevedra con só 14 anos, e tivo que esperar a ter 15 anos para poder debutar co equipo xuvenil.[1] Despois de tres tempadas co equipo xuvenil, nos que chegou a sufrir unha fractura de tibia,[2] pasou ao filial, o Atlético Pontevedrés, no que militou durante catro anos e do que foi capitán.[1][3] Antes de ser futbolista profesional traballaba a miúdo na marisquería de seus pais.[4]

O 28 de abril de 1974 debutou co primeiro equipo do Pontevedra, nun partido da Terceira División ante o Ensidesa no estadio de Santa Bárbara, formando no centro da defensa a carón de Amavisca e Daniel.[5] Militou no primeiro equipo granate durante as seguintes sete tempadas, pasando pola Terceira, a Segunda e a Segunda División B, acumulando un total de 243 partidos. Retirouse como futbolista ao remate da tempada 1980/81, con 29 anos de idade.

Como adestrador

editar

Pontevedra

editar

Inmediatamente trala súa retirada como futbolista iniciou a súa carreira como adestrador, collendo as rendas do Atlético Pontevedrés en xullo de 1981.[6] Tras dúas tempadas co filial en Preferente, en 1983 foi nomeado adestrador do primeiro equipo do Pontevedra, logrando proclamarse na súa primeira tempada campión da Terceira División. Na promoción de ascenso eliminou ao Mensajero e ao Eibar, conseguindo así o pase á Segunda División B. Para a seguinte tempada foi substituído no cargo por José Luis Viñas.

Na tempada 1985/86 dirixiu novamente o Pontevedrés, pero non chegou a rematar o campionato de liga, pois en marzo de 1986 foi reclamado pola dirección do club para adestrar outra vez o primeiro equipo, substituíndo ao cesado Neme.[7] Dirixiu o equipo durante preto de dous anos, ata que foi destituído en decembro de 1987. Deixou así o Pontevedra despois de 22 anos ao servizo do club.[8]

Arenteiro

editar

Iniciou a tempada 1988/89 no Carballiño, como técnico do Arenteiro, que disputaba a segunda campaña na Segunda B da súa historia. Con todo, o seu contrato foi rescindido tras 29 xornadas, co equipo nos postos de descenso, situación que non foi solucionada polo seu sucesor no banco, Alfonso Vilachá.

Compostela

editar

No verán de 1989 pasou a dirixir a SD Compostela, na Terceira División. Na capital galega dirixiu entre outros a Docobo, Gelo, Cao, Cea, Suso Moure ou Juanito e na súa primeira campaña proclamouse campión do Grupo I, logrando así o ascenso directo á Segunda División B. Para a tempada 1990/91 na categoría de bronce, o Compostela reforzouse con varios futbolistas, destacando entre as novas fichaxes Tono, Víctor e Salvador.[9] O equipo de Castro Santos rematou terceiro e na promoción de ascenso superou a Alcoyano, Badajoz e Deportivo Alavés, ascendendo así á Segunda División por primeira vez na súa historia.

Para o debut na categoría de prata chegaron numerosos reforzos, entre eles Bellido, Núñez, Toni, Pichi Lucas, Marić e Ohen, e o equipo compostelán sorprendeu cun oitavo posto na táboa. Na seguinte campaña, a pesar das incorporacións de Fabiano, Nacho e Tocornal, o equipo obtivo unha peor posición na liga, rematando 12º.

Mais todo cambiou na seguinte tempada, na que o Compos se mantivo durante case toda a liga en postos de ascenso directo, grazas en boa parte á solidez que o equipo amosou no novo estadio de San Lázaro, onde só cedeu unha derrota e tres empates en 19 partidos.[10] Con todo, catro xornadas sen gañar na parte final do campionato impediron o ascenso directo do equipo de Castro Santos, que tivo que xogar unha promoción a dobre partido contra o Rayo Vallecano, equipo adestrado polo tamén galego David Vidal. Tras remataren ambos encontros en empate (1-1 no Campo de Vallecas e 0-0 en San Lázaro), disputouse un terceiro partido de desempate nun campo neutral, o Carlos Tartiere de Oviedo, que rematou coa vitoria compostelá por 3-1, con dous goles de Ohen e un de José, e que supuxo un histórico ascenso da Esedé á Primeira División.[10]

Debutou na máxima categoría do fútbol español na tempada 1994/95, realizando unha boa primeira metade da tempada, ocupando a zona media da táboa, pero finalmente acabou loitando por non descender. Obtivo 10 vitorias, entre elas dúas contra o Celta de Vigo, e conseguiu empatar os dous encontros co Real Madrid, equipo que acabou gañando a liga. Finalmente conseguiu manter a categoría, rematando na 16ª posición da clasificación. A pesar de acadar a permanencia e de Santos contaba co apoio masivo dos seareiros do Compostela,[11] o club anunciou en xuño de 1995 que prescindía dos seus servizos, despois de anos de enfrontamentos entre o adestrador e o presidente Caneda.[12][13] Deixou o Compostela como unha das maiores figuras da historia do club e foi substituído por Fernando Vázquez.

Celta de Vigo

editar

Tras uns meses sen equipo, volveu aos bancos da Primeira División como novo adestrador do Celta de Vigo, que viña de destituír a Carlos Aimar despois de transcorridas só oito xornadas da tempada 1995/96. Colleu o equipo na penúltima posición da táboa (21º) e rematou o campionato na zona media (11º), despois de facer de Balaídos un fortín no que ningún equipo conseguiu vencer. Para a tempada 1996/97 o Celta pechou a contratación de importantes xogadores como Mostovoi, Mazinho ou Dutruel, e mantívose durante a maior parte da tempada pola zona media da clasificación. Acadou as semifinais da Copa do Rei, pero non conseguiu pechar a permanencia en Primeira ata a derradeira xornada, cando goleou ao Real Madrid en Balaídos por 4-0, cun triplete de Gudelj e outro gol de Juan Sánchez.[14]

A mala relación de Santos coa directiva presidida por Horacio Gómez e o desacordo de parte da afección do club con algunhas decisións do adestrador, como a de deixar no banco varias xornadas a importantes xogadores como Eusebio e Mostovoi, propiciou que o club rescindise o contrato que o vencellaba ao club durante un ano máis.[15][16] A pesar ter que esperar á última xornada para asegurar a categoría, o equipo de Castro Santos practicou un bo fútbol e sentou as bases do futuro Celta europeo.[14]

Sporting de Braga (1ª etapa)

editar

Tras deixar Vigo marchou a Portugal, onde dirixiu o Sporting de Braga na Primeira Liga. Levou consigo a Srđan Bajčetić e co conxunto bracarense debutou na Copa da UEFA, eliminando o Vitesse e o Dinamo Tbilisi, ata caer eliminado nos oitavos de final diante do Schalke 04 de Huub Stevens. Peores resultados obtivo na liga, onde só puido gañar 5 dos primeiros 17 partidos, o que provocou a súa destitución en xaneiro de 1998. Foi substituído polo seu axudante, Alberto Argibay, que acabaría gañando a Copa de Portugal.

Sevilla

editar

A continuación marchou a Andalucía e fichou polo Sevilla, da Segunda División, converténdose no cuarto adestrador da tempada, despois de Julián Rubio, Vicente Miera e Juan Carlos. O equipo ocupaba o 14º posto no momento da chegada de Santos e acabou a liga na 7ª posción. Continuou no club na tempada 1998/99, pero foi destituído trala 18ª xornada, co equipo na novena posición da táboa.

Tenerife

editar

En outubro de 1999 asinou como novo técnico do Tenerife, tamén na categoría de prata, tralo cesamento do italiano Mauro Sandreani. O equipo estaba 12º e baixo a dirección de Santos conseguiu subir até a primeira posición a falta de dez xornadas.[17] Con todo, unha xeira de seis xornadas sen gañar (catro empates e dúas derrotas) propiciaron a destitución do técnico en abril de 2000. Foi substituído polo arxentino Ángel Cappa, que non conseguiu gañar ningún dos seis partidos restantes, acabando o equipo finalmente 14º.[17]

Poli Ejido

editar

Comezada a tempada 2001/02 substituíu a Antonio Tapia no banco do Polideportivo Ejido, penúltimo clasificado da Segunda División cunha soa vitoria en 11 xornadas.[18] Tras un mal inicio, conseguiu sacar o equipo dos postos de descenso na parte final do campionato,[19] conseguindo 36 puntos na segunda volta e a salvación na derradeira xornada.[20][13]

Sporting de Braga (2ª etapa)

editar

Para a tempada 2002/03 rexeitou a oferta de renovación do Poli Ejido e regresou ao Sporting de Braga, que lle ofreceu un contrato por tres anos.[20] Con todo, non chegou a rematar a primeira das tempadas, pois foi despedido en abril de 2003 debido a un proceso disciplinario. O seu despedimento foi considerado improcedente dous anos despois polo Tribunal do Traballo de Braga, tendo que indemnizar o club ao adestrador.[21]

Córdoba

editar

Pouco despois da súa saída do Sporting de Braga, foi contratado polo Córdoba, para as tres últimas xornadas do campionato de Segunda División, co equipo en perigo de descenso. Conseguiu dúas vitorias, ante Compostela e Oviedo, e un empate ante o Getafe, conseguindo así a salvación.[22] Continuou no banco do equipo andaluz no inicio da seguinte campaña, pero foi cesado en outubro de 2003 debido aos malos resultados obtidos.[22]

Últimos anos

editar

Posteriormente pasou polo Almería e o Vecindario, vivindo con este último na tempada 2006/07 o primeiro descenso da súa carreira como adestrador. Na seguinte tempada regresou ao Poli Ejido, substituíndo ao tamén galego Luis César, cesado no ecuador da competición, co equipo na antepenúltima posición, pero non puido evitar o descenso do club á Segunda División B.[23]

O 9 de febreiro de 2010 Castro Santos regresou a Portugal, substituíndo a José Mota no Leixões, permanecendo até final da tempada. Non conseguiu endereitar o mal rumbo do equipo, que acabou baixando á Segunda Liga, sendo o terceiro descenso consecutivo do adestrador.

En outubro dese mesmo ano regresou ao Pontevedra, 23 anos despois da súa saída do club, substituíndo a Ángel Viadero e co equipo en postos de descenso. Aceptou traballar gratis debido á mala situación financeira do club,[24] pero non conseguiu bos resultados, polo que en marzo de 2011 presentou a súa dimisión.[25]

Vida persoal

editar

Casou con María del Carmen Giménez Fariña.[26] Un dos seus fillos, Diego Castro, foi tamén futbolista e xogou igual que seu pai no Pontevedra, antes de pasar pola Primeira División nas filas do Sporting de Gijón e Getafe e de triunfar co Perth Glory na A-League australiana.[1]

Palmarés

editar
Pontevedra
Compostela
  1. 1,0 1,1 1,2 Calvo, Naso (9 de novembro de 2022). "Fernando Castro Santos: «Dejé el fútbol a los 61, me jubilé y ahora el día me pasa volando»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  2. "Lesionados en diversos accidentes". El Pueblo Gallego (en castelán). 24 de novembro de 1967. p. 12. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  3. "Partido Atlético Orense - Atlético Pontevedrés". El Pueblo Gallego (en castelán) (18268). 25 de novembro de 1973. p. 15. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  4. Carballo, Pablo (8 de abril de 2019). "Fernando Castro Santos: «No me quería morir en un banquillo»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  5. "El Pontevedra a un paso de la promocion". El Pueblo Gallego (en castelán) (18399). 30 de abril de 1974. p. 15. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  6. "Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 1981. p. 50. 
  7. "Castro, nuevo entrenador del Pontevedra C. F.". Diario de Burgos (en castelán) (29096). 18 de marzo de 1986. p. 29. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  8. "Otro entrenador destituído: Santos, del Pontevedra". Diario de Burgos (en castelán) (29733). 23 de decembro de 1987. p. 41. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  9. "El Compostela confirma la contratación de los jugadores Tono, Víctor y Salvado". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 1990. p. 58. 
  10. 10,0 10,1 "El milagro de Santiago" (en castelán). 9 de xuño de 2023. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  11. "La marcha de Santos es un error". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xuño de 1995. p. 62. 
  12. "El inevitable morbo del reencuentro con Caneda para abrir una etapa" (en castelán). 22 de xuño de 2003. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  13. 13,0 13,1 Hermida, Xosé (26 de maio de 2002). "El Nécora sale a flote". El País (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  14. 14,0 14,1 Roldán, Javi (3 de xuño de 2023). "Cuando el Celta se salvó goleando al campeón en la 96-97". JotDown (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  15. "Otra última jornada con el alma en vilo". Faro de Vigo (en castelán). 30 de maio de 2023. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  16. "FERNANDO CASTRO SANTOS" (en castelán). 23 de maio de 2011. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  17. 17,0 17,1 "El ‘caso Jordi’, 20 años después". eldiario.es (en castelán). 12 de decembro de 2019. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  18. "El 'Poli' Ejido cesa a Antonio Tapia y ficha a Fernando Castro Santos". As (en castelán). 30 de outubro de 2001. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  19. Márquez, Jesús (31 de marzo de 2002). "El Poli sale de la zona de descenso". As (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  20. 20,0 20,1 "Castro Santos anuncia que no renueva y se va al Sporting Braga". As (en castelán). 3 de xuño de 2002. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  21. Lopes, Norberto A. (29 de marzo de 2005). "Fernando Castro Santos tem de ser indemnizado em mais de 800 mil euros pelo Sp. Braga" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2023. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  22. 22,0 22,1 "Fernando Castro Santos, destituido como entrenador del Córdoba". Cadena SER (en castelán). 27 de outubro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2023. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  23. ""Soy el mayor responsable de esta situación"" (en castelán). 9 de xuño de 2008. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  24. "Castro Santos llega al Pontevedra sin cobrar" (en castelán). 22 de outubro de 2010. Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  25. Otero, Pablo M. (22 de marzo de 2011). "Castro Santos dimite como entrenador del Pontevedra". Marca (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  26. "Castro Santos, condenado por no pagar una chapuza". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de abril de 2003. Consultado o 9 de xuño de 2023. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar