Izquierda Comunista de España

Izquierda Comunista de España (ICE), tamén coñecido como Izquierda Comunista, foi un partido político español de ideoloxía marxista durante os anos 1930.

Historia editar

Izquierda Comunista de España foi fundado polos partidarios españois da Oposición de Izquierda, liderada por Lev Trotski no seo do movemento comunista internacional desde finais dos anos vinte, fronte ao stalinismo.

En 1930 constituíuse a Oposición Comunista de España, co obxectivo de agrupar aos expulsados do Partido Comunista de España (PCE) e aos aínda militantes no comunismo oficial.

Logo da II Conferencia Nacional (marzo de 1932) e a constatación da imposibilidade de reformar o PCE de acordo aos seus postulados, a Oposición constituíuse como partido político co nome de ICE.

A súa militancia chegou ao millar de afiliados. As súas principais bases de apoio eran Madrid, Cataluña, Asturias, Castela e León e Estremadura, onde contaba con moita forza na provincia de Badaxoz, especialmente en Llerena e arredores. Realizaba o traballo sindical no seo da Unión General de Trabajadores.

Dirixida por Andreu Nin, Juan Andrade, Enrique Fernández Sendón e Grandizo Munis, entre outros, participou na Alianza obrera e na Revolución de Asturias de 1934. Nesa etapa, o xiro á esquerda cara posicións revolucionarias das Juventudes Socialistas de España fixo que os seus dirixentes, como Santiago Carrillo, formulasen á ICE ingresar nas organizacións socialistas para contribuír ao mesmo, un proceso coñecido como bolchevización. A raíz disto viviu un debate interno crucial a partir dese ano, entre unha maioría partidaria de formar un novo partido independente xunto ao Bloc Obrer i Camperol (BOC) de Joaquín Maurín e unha minoría encabezada por Grandizo Munis favorable a entrar no PSOE.

Finalmente, a ICE fusionouse co BOC en setembro de 1935 formando o Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) e rompendo os seus lazos políticos con Lev Trotski, partidario da segunda opción.

O seu órgano oficial era a publicación Comunismo e o seu órgano de debate teórico, El Soviet.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar