Interseccionalidade

teoría das opresións multidimensionais

A interseccionalidade é o estudo das identidades sociais solapadas ou intersectadas e os seus respectivos sistemas de opresión, dominación ou discriminación. É un termo acuñado en 1989 pola activista e académica Kimberlé Williams Crenshaw. A teoría suxire e examina como varias categorías biolóxicas, sociais e culturais como o xénero, a etnia, a raza, a clase, a discapacidade, a orientación sexual, a relixión, a caste, a idade, a nacionalidade e outros eixos de identidade interaccionan en múltiples e frecuentes niveis simultáneos. A teoría propón que debemos pensar en cada elemento ou trazo dunha persoa como unido de maneira inextricable con todos os demais elementos, para poder comprender de forma completa a propia identidade.[1] Este marco pode usarse para comprender como ocorre a inxustiza sistemática e a desigualdade social desde unha base multidimensional.[2]

EtimoloxíaEditar

Interseccionalidade procede de inter (preposición entre) e secare (verbo cortar). Trátase dunha situación na que uns fenómenos, accións ou procesos coinciden. Esa é a interseccionalidade: unha realidade discriminatoria confluínte de diversos riscos, atributos, peculiaridades, propiedades, condicións ou naturezas.

ConceptoEditar

A interseccionalidade mantén que as conceptualizacións clásicas de opresión na sociedade –como o racismo, o sexismo, o capacitismo, a homofobia, a transfobia, a xenofobia e todos os prexuízos baseados na intolerancia– non actúan de maneira independente, senón que estas formas de exclusión están interrelacionadas, creando un sistema de opresión que reflicte a intersección de múltiples formas de discriminación.[3]

A interseccionalidade maniféstase de diversas formas. Cando as discriminacións conflúen ou se combinan, recórrese a diversas denominacións. Así se fala de discriminación composta, acumulativa, interactiva, interseccional, multidimensional, múltiple, dobre ou tripla (ou calquera numeral). Fronte ao uso de 'múltiple' nos documentos das institucións internacionais como a ONU[4], o termo 'interseccional' desenvolveuse en maior medida no ámbito académico.

CaracterísticasEditar

A interseccionalidade é un paradigma importante no ámbito académico, ampliando os conceptos de xustiza social ou demografía, aínda que á súa vez pode dificultar a análise ao incluír múltiples conceptualizacións que explican o modo con que se constrúen categorías sociais e a súa interacción para formar unha xerarquía social.[5] Por exemplo, a intersecionalidade sostén que non hai ningunha experiencia singular propia dunha identidade. En lugar de entender a saúde das mulleres soamente a través do xénero, é necesario considerar outras categorías sociais, como a clase, a discapacidade, a nacionalidade ou a etnia para entender por completo a gama de problemas de saúde das mulleres.

A teoría da interseccionalidade tamén suxire que o que parecen ser formas discretas de expresión e opresión están moldeadas por outras nunha relación mutuamente constitutiva (como negro/branco, muller/home ou homosexual/heterosexual).[6][7]De maneira que para comprender a racialización dos grupos oprimidos, débese investigar as maneiras nas que as estruturas racializadoras, os procesos sociais e as representacións sociais (ou as ideas implicadas en representar grupos e os membros dos grupos na sociedade) están conformadas polo xénero, a clase, a sexualidade etc.[8] Aínda que a teoría comezou como unha exploración da opresión das mulleres afroamericanas na sociedade estadounidense, hoxe a análise ten o potencial de ser aplicado a todas as categorías, incluídos aqueles status que son vistos frecuentemente como dominantes ou autónomos.

A orixe afroamericana do termoEditar

As mulleres negras experimentan ás veces discriminación de maneira similar ás experiencias das mulleres brancas; comparten ás veces experiencias moi similares con homes negros. Porén, experimentan frecuentemente unha dobre discriminación: os efectos combinados das prácticas que discriminan por motivos de raza e por motivos de sexo. E experimentan ás veces discriminación como mulleres negras, non a suma da discriminación racial e sexual, senón como mulleres negras.
—Crenshaw (Tradución do orixinal)[9]

Crenshaw expuxo o concepto con interesantes exemplos que reflicten as contradicións, limitacións e desviacións tanto a nivel analítico e científico como estratéxico, legal e político dos enfoques baseados sobre un único eixe de análise (ser muller ou ser afroamericana en Estados Unidos). Deixa claro como esta análise permite contrastar a multidimensionalidade da experiencia das mulleres afroamericanas coas limitacións da análise dun só eixe que deforma estas experiencias chegando a borralas e limitar os desenvolvementos teóricos para ampliar as análises feministas e antirracistas. As análises limitadas a un risco, ser muller ou ser afroamericana, impiden reflectir as realidades interseccionais creando a súa invisibilidade en favor dos sectores máis favorecidos dentro dos grupos vulnerábeis. As problemáticas categorizadas tenden a estandarizar a comprensión da realidade privilexiando os grupos dominantes tamén dentro dos colectivos desfavorecidos. No caso que analiza, as problemáticas dos homes afroamericanos e das mulleres brancas ocultan as das mulleres afroamericanas. Así insiste en que o enfoque unidimensional marxina a aquelas persoas con múltiples cargas e escurece as afirmacións que non se poden entender como resultado de fontes discretas de discriminación.

Hull et al.[10] reflicten este fenómeno no título do seu traballo sobre os estudos de mulleres negras: "Todas as mulleres son brancas, todos os negros son homes, pero algunhas de nós somos valentes". Con iso, dan a entender que, mentres o feminismo construíuse sobre a defensa das mulleres brancas e a loita contra a discriminación racial focalizou os problemas dos varóns afroamericanos, as mulleres afroamericanas quedaron desamparadas, fóra de toda cobertura tanto no ámbito do xénero como da raza. En certo modo, convertéronse nun subgrupo discriminado dentro dos grupos discriminados aos que pertencen. No grupo das mulleres, son discriminadas por ser afroamericanas, mentres no grupo das persoas afroamericanas, son discriminadas por ser mulleres.

NotasEditar

  1. (en inglés) Gender in Communication. Sage. 2014. ISBN 978-1-4522-2009-3. 
  2. (en inglés) "Demarginalizing the Intersection of Race and Sex: A Black Feminist Critique of Antidiscrimination Doctrine, Feminist Theory and Antiracist Politics" 140. 
  3. (en inglés) Modelo desbotado. Use un dos modelos de citas no lugar deste marcador.
  4. "Convención Internacional sobre los Derechos de las Personas con Discapacidad" (en castelán). Consultado o 2022-08-06. 
  5. (en inglés) Browne, Irene; Misra, Joya. "The intersection of gender and race in the labor market". Annual Review of Sociology (Annual Reviews) 29: 487–513. 
  6. "Lo normal no tiene nombre.". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2017. Consultado o 26 de agosto de 2017. 
  7. Somerville, Siobhan B. (2000). Queering the color line : race and the invention of homosexuality in American culture. Durham [NC]: Duke University Press. ISBN 9780822378761. OCLC 654549343. 
  8. (en inglés) "An intersectional analysis of lesbian, gay, bisexual, and transgender (LGBT) people's evaluations of anti-queer violence" 26 (6). SAGE Publications. 
  9. (en inglés) "Demarginalizing the Intersection of Race and Sex: A Black Feminist Critique of Antidiscrimination Doctrine, Feminist Theory and Antiracist Politics" 140. 
  10. Hull, Akasha Gloria; Bell-Scott, Patricia; Smith, Barbara, eds. (1982). All the Women Are White, All the Blacks Are Men, But Some of Us Are Brave: Black Women's Studies. Old Westbury, New York: Feminist Press. pp. 401. ISBN 0912670959. OCLC 8165060.