Illa de Panglao

isla de Filipinas

Panglao é unha illa da provincia de Bohol de Filipinas.

Illa de Panglao
Vista aérea da illa de Panglao
Situación
País Filipinas
ProvinciaBohol
ArquipélagoVisayas
MarOcéano Pacífico
Coordenadas9°36′00″N 123°49′00″O / 9.60000, -123.81667
Xeografía
Superficie91,12 km²
Longura máxima16 km
Largura máxima7,5 km
Demografía
Poboación79 216 habitantes
(1 de agosto de 2015)
Densidade809,36 hab./km²

Xeografía editar

A illa está situada ao suroeste da illa de Bohol e ao leste e sur da de Cebú.

Forma parte da provincia de Bohol, e comprende dous municipios: Dauis e Panglao.

Ten unha superficie de 91,12 km² e, no ano 2015, tiña unha poboación de 79 216 habitantes,[1] polo que a súa densidade de poboación, nese ano, era de 809,36 hab./km².

Panglao ten un terreo que vai desde un solo chan até outeiros e montañas. Panglao está formada por pedra calcaria, e esta composición atrasou a construción do seu aeroporto internacional, xa que a calcaria coralina é solúbel en auga, o que provoca a formación de covas.

Un trazo xeolóxico interesante que se encontra na illa é a "Cova de Hinagdanan" que ten unha fonte de auga subterránea; esta cova é unha importante fonte de auga xa que a illa non ten ríos n lagos.

Panglao é un destino turístico popular en Filipinas.

Historia editar

Panglao foi coñecida por chineses, malaios, siameses e comerciantes indonesios.

Biodiversidade editar

Ao redor de 250 novas especies de crustáceos e 2 500 novas especies de moluscos encóntranse nas costas da illa. O seu descubrimento foi obra do Proxecto de Biodiversidade Mariña de Panglao, no que participaron os malacólogos españois Anselm Peñas (catalán) e Emilio Rolán (galego). O proxecto descubriu que só Panglao ten máis biodiversidade mariña que o Xapón e o mar Mediterráneo.[2]

Turismo editar

A illa de Panglao é un dos principais destinos turísticos de Filipinas. A praia de Alona é o punto turístico máis popular da illa, coñecida pola súa area branca e as súas augas claras. Tamén é famosa a praia Momo.

Transporte editar

O Aeroporto Internacional de Bohol-Panglao (TAG) é o principal aeroporto internacional da provincia de Bohol. Este aeroporto inaugurouse o 27 de novembro de 2018, substituíndo ao Aeroporto de Tagbilaran, e serve á illa de Panglao e ao resto de Bohol. Hai voos diúrnos case cada hora cara e desde Manila de Cebu Pacific, Air Asia e Philippine Airlines. Tamén hai servizos a Davao, Cagayan de Oro e Puerto Princesa. Os voos internacionais comezaron en 2020. Porén, o aeroporto internacional de Mactan-Cebu (CEB) é a principal porta de entrada ao centro de Filipinas para os turistas internacionais.

O tempo de viaxe en ferri rápido a Cebú é de menos de 2 horas.

Hai un servizo regular de autobús con aire acondicionado desde o aeroporto até Tagbilaran City (Island City Mall e v/v PHP 50 en cada dirección) e unha ruta circular até a praia de Alona. As viaxes curtas adoitan facerse en triciclo-taxi, con tarifas negociábeis.

A illa está conectada coa illa principal de Bohol por dúas pontes: a ponte Suárez e a ponte do Gobernador Borja.

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar