Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas
A igrexa parroquial de Santo Antoíño de Baíñas é un templo de culto católico romano, situado na capital da parroquia de Baíñas (Vimianzo).
Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas | |
---|---|
![]() Fachada e lateral sur da igrexa de Baíñas. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Igrexa parroquial |
Advocación | Santo Antoíño |
Localización | Baíñas (Vimianzo) |
Coordenadas | 43°01′42″N 9°01′07″O / 43.028258, -9.018745Coordenadas: 43°01′42″N 9°01′07″O / 43.028258, -9.018745 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | Séculos XIII-XIX |
Estilo | Románico |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia Editar
Formaba parte nas súas orixes dun antigo mosteiro da Idade Media, reducido a priorado a finais do século XV. Dependente do mosteiro bieito de San Martiño Pinario, o seu desmantelamento podería ter sido froito da Desamortización de 1836.[1]
Descrición Editar
Conserva aínda aspectos da súa orixe medieval, de comezos do século XIII, e representa o esquema tipo do románico rural: nave única e ábsida rectangular, mantendo na parte inferior a bancada que ocupaban os monxes do priorado nas liturxias e cuberta con bóveda de canón apuntada. Os arcos faixón, igualmente apuntados, apoian sobre semicolumnas con capiteis de formas vexetais esquemáticas. Un axadrezado enmarca o arco triunfal. A nave única estaba cuberta nos comezos por unha armazón de madeira ata que as tropas francesas lle prenderan lume en 1809.
Fóra, destacan os canzorros do tellado, con formas vexetais e humanas, estas últimas a representar vicios e/ou pecados. A porta lateral do muro norte -hoxe tapiada- presenta no seu tímpano un relevo, de feitura basta, de orixe igualmente medieval: un home monta sobre unha besta, que podería representar a san Martiño no momento en que parte a súa capa para lla dar a un pobre. Tamén fican desta época os contrafortes graduados e dispostos anarquicamente, articulación mural que se dá tanto na capela maior, para soportar a bóveda que cobre o interior, como no muro sur.
A sacristía e a fachada principal son posteriores: datadas en 1802, a fachada tería sufrido danos en 1853 por un temporal que derrubou parcialmente a espadana que a coroaba. Na última década do século XIX o canteiro Manuel Muíños construíu o campanario que culmina a fachada actual.
Unhas reformas en 1967 fixeron desaparecer o retablo maior e o lateral de san Brais, aínda que se conservaron algunhas das imaxes como a do patrón santo Antoíño cos atributos de diácono, obra barroca de finais do século XVIII, igual cá imaxe de san Bieito, co hábito negro tradicional da regra (mitra ao pé e un corvo cun pan). Barrocos e de mediados do século XVIII son un san Brais (vestido de bispo e man na gorxa) e un san Roque (de peregrino co can). De comezos do século XIX consérvase unha Inmaculada.
Notas Editar
- ↑ Networks, Abertal. "Concello de Vimianzo: IGREXA DE SANTO ANTOÍÑO DE BAÍÑAS". www.vimianzo.es. Consultado o 2017-04-20.
Véxase tamén Editar
Ligazóns externas Editar
- Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- Ficha na web municipal