Igrexa de Santa María de Goó
A igrexa de Santa María de Goó é o templo parroquial de Goó (O Incio). Mantén en bo estado a primitiva fábrica do románico tardío, agás na fachada, no acceso principal e no vello campanario, reconstruído a mediados do século XVIII.
Igrexa de Santa María de Goó | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | igrexa ![]() | |||
Epónimo | Santa María ![]() | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | provincia de Lugo | |||
Concello | O Incio | |||
Parroquia | Goó ![]() | |||
[ Wikidata ] |
Arquitectura
editarO templo é de planta rectangular, con muros feitos de laxas de lousa e rematados por unha cornixa corrida sobre modillóns biselados. En cada lateral hai cadansúa ventá rematada en arco de medio punto con amplo derramo interior. Pódese admirar o arco triunfal que parte dunhas pilastras lisas e remata en arco de medio punto, mentres que a ábsida pola súa parte exterior atópase reforzada por seis contrafortes levantados ao longo do seu perímetro. A sancristía é moi posterior ao templo e constitúe un mero engadido ao mesmo. A pobreza dos materiais empregados e unha case total ausencia de motivos decorativos chocan notablemente coa riqueza artística e ornamental dos seus retablos. No interior, atopamos o retablo maior que ocupa toda a parte posterior da ábsida, á que se adapta totalmente. Consta de cinco fornelas separadas entre elas por seis columnas salomónicas. Caracterízao un puro estilo rococó, e posiblemente foi tallado cara aos primeiros anos do século XVIII.[1]
Atópase un interesante sagrario cunha portiña que ten unha representación do Agnus Dei e anxelotes.
O retablo lateral esquerdo, ao igual que maior, foi realizado sobre a segunda metade do século XVIII, pero cunha decoración máis austera. Na parte inferior deste retablo atópase unha serie de pequenas escenas da Paixón do Señor.