Igrexa de Santa María de Abadín

construción relixiosa en Abadín

A igrexa de Santa María de Abadín é a antiga igrexa parroquial de Abadín, no concello do mesmo nome. Atópase no lugar da Torre, situada nun alto dominando unha extensa zona de labradío, co fondo da paisaxe montañosa. Trátase dunha construción románica datada na primeira metade do século XII, aínda que a súa capela é do século XVI, refeita en estilo gótico isabelino e a sancristía acaroada de época posterior.

Igrexa de Santa María de Abadín
Vista da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónA Torre (Abadín, Abadín)
Coordenadas43°21′39″N 7°29′20″O / 43.360833333333, -7.4888888888889Coordenadas: 43°21′39″N 7°29′20″O / 43.360833333333, -7.4888888888889
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

Ten unha planta sinxela pero é de destacar a súa fachada. A nave conforma unha planta rectangular, cos muros de cadeirado de granito e cuberta de lousa a dúas e catro augas.

A fachada con arco de medio punto con grandes doveas decórase cun rosetón céntrico con trazarías elaborado nun só bloque de pedra, e espadana dun só corpo e dous vans. Nos laterais da fachada dous escudos da casa de Luaces, coas estrelas e a media lúa que os identifica, xa que no ano 1562 o cabido de Mondoñedo vendeulles o couto de Abadín. Os Luaces mantiveron os seus dereitos señoriais sobre o couto ata ben entrado o século XIX.

No interior destaca a capela maior con arco triunfal de medio punto sobre columnas cuxos capiteis teñen os escudos dos Luaces, igual que a clave da bóveda nervada; dúas laudas sepulcrais no pavimento pétreo; retablo maior de estilo renacentista popular e retablos laterais de traza popular e máis moderna.

No seu adro un cruceiro, elaborado en granito. Decórase cunha cruz florenzada coas figuras de Cristo no anverso e a Piedade no reverso; o capitel decórase con anxos nos lados e volutas nas esquinas, fuste poligonal coa custodia e os atributos da Paixón; con base tronco-piramidal sobre dous chanzos cuadrangulares e sen inscrición.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar