Iconolatría
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Iconolatría (do greo eikon, "imaxe" e latreia, "veneración") é a veneración de imaxes (fundamentalmente bidimensionais) e refírese normalmente ao período iconoclasta do Imperio Bizantino durante o que se destruíu toda a arte relixiosa.
Eikon en grego simplemente denota unha imaxe, mais pasou a designar a arte relixiosa empregada pola Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica. As iconas utilízanse nas igrexas ortodoxas para axudar na oración e na adoración de Deus.
Unha das razóns para esta perseguición era que os cristiáns veneraban imaxes de santos, Xesús Cristo e mesmo imaxes de Deus e fragmentos das iconas, polo que se lles coñecía como iconólatras. Finalmente, a Igrexa Ortodoxa reinstaurou o uso das iconas, para o que lle foi preciso reunir dous concilios. O Concilio de Hieria, en 753, prohibiu expresamente a fabricación de iconas e ordenou que se retirasen das igrexas todas as imaxes de Xesús e os santos, indicando que deberían ser decoradas con imaxes de paxaros, flores e froita. Este concilio reuniuse preto de Constantinopla e todos os bispos que asistiron pertencían ao Patriarcado de Constantinopla. Os outros patriarcados rexeitaron enviar delegados.
O Segundo Concilio de Nicea, celebrado en 787, anulou as decisións do anterior. Un concilio anterior definira a veneración das iconas baseándose no sagrado misterio da encarnación de Xesús Cristo. A Persoa de Xesús revélase non só na Palabra de Deus, senón tamén na imaxe de Deus. As escrituras pré-cristiáns definían a idolatría como a adoración de deuses falsos. Neste concilio clarificouse a relación entre unha imaxe e o que se plasma nela. O principio de veneración significa que honrar unha imaxe é honrar non a imaxe senón a quen está na imaxe. Tamén se clarificou a diferenza entre veneración e adoración: venérase ou hónrase un santo; adórase só a deus. Unha vez rematado o período iconoclasta, a devoción polas iconas estendeuse a Serbia, Bulgaria e a distante Rusia.
Prohibíronse as iconas coa imaxe de Deus Pai na Igrexa Ortodoxa, excepto nos contextos da Revelación ou a Apocalipse. En xeral, porén, a mellor representación de Deus é a do tipo de icona da Santísima Trindade de Rublev.[Cómpre referencia]