Historia de Chongqing

(Redirección desde «Historia urbana de Chongqing»)

A cidade de Chongqing (chinés tradicional: 重慶; chinés simplificado: 重庆; pinyin: Chóngqìng) foi a capital do reino Ba, antigo pobo que desapareceu hai cerca de 2500 anos. Por estar lonxe da ruta da seda, a cidade perdeu súa importancia até o século XIX cando as potencias estranxeiras con intereses na China solicitaron que a cidade ábrase aos estranxeiros. En 1901, creouse unha colonia xaponesa na cidade.

Esculturas rupestres

En 1938, Chongqing transformouse na capital da República Chinesa de Chiang Kai-shek, que era reivindicada polo Xapón. Chongqing foi gravemente bombardeada polas tropas xaponesas durante ese período. A internvención da China Nacionalista potencializou o rápido desenvolvemento da cidade que, en poucos anos, pasou de 200 mil habitantes a máis dun millón.

Do paleolítico ata a cidade contemporánea editar

Empuxado por outros pobos, o mítico pobo Ba foi emigrando dende o curso medio do Yangtzé augas arriba cara a cunca de Sichuan. Seica no século XI aC, cando a dinastía Shang foi derrocada pola nacente Zhou, guerreiros Ba axudaron a esta última e lles foi concedido organizar o seu territorio coma un estado cos seus propios gobernantes.

O Reino de Ba, citado xa no período das Primaveras e Outonos (719-476 aC), floreceu no período dos Reinos combatentes (475-256 aC) con múltiples capitais (Fuling, Fengdu, Zhongxian, de 50 a 200 km augas abaixo da actual cidade), unha das cales situouse na estratéxica península entre o Yangtzé e o seu afluente o Jialing, o centro do Chongqing de hoxe en día (distrito de Yuzhong, a "cidade nai" [1]). No 316 aC foi conquistado polo reino rival de Qin, inda que lle foi permitido seguir con certa autonomía.

Cando a dinastía Qin unificou China (221-210 aC), a reforma administrativa que levou adiante rematou co último resto de Ba, construíndo unha cidade amurallada no canto da súa capital. Chamada Jiangzhou pola seguinte dinastía Han, que gobernaría o imperio chinés por máis de catro séculos, foi o primeiro nome histórico da metrópole. No século II dC a muralla foi reparada e ampliada. Foron moitos os nomes que adoptou coas sucesivas dinastías ata que en 1189, no tempo da dos Song Meridionais, lle foi imposto o actual.

En 1370, recentemente instaurada a dinastía Ming, volveuse a reconstruír a muralla, desta vez en sólida fábrica de pedra [2]. E no final dos Ming, a rebelión que rematou coa dinastía Qing no trono, deixou a cidade ao saqueo e destrución, polo que tivo que ser restaurada (1663). Tiña 17 portas e arredor de oito quilómetros de perímetro. A máis, a administración imperial apoiou o repoboamento da cidade cunha política de forte inmigración. A muralla foi novamente reforzada en 1760 [3].

No ano 1895, tralo tratado de Shimomoseki subseguinte a guerra sino-xaponesa, foi o primeiro porto chinés interior aberto aos comerciantes estranxeiros. En 1901 foi establecida a concesión xaponesa. Na beira sur do Yangtzé asentouse a concesión francesa.

A municipalidade chinesa editar

 
Centro comercial

En 1938 foi a capital provisional da República da China baixo os nacionalistas de Chiang Kai-shek. Pola súa protexida situación xeográfica, durante a segunda guerra mundial moitas fábricas e universidades foron trasladadas alí dende o leste do país o que incrementou enormemente a súa poboación e a transformou de porto fluvial en capital fortemente industrializada.

Finalmente, en 1997 foi elevada ao rango de municipalidade directamente administrada polo goberno central (a cuarta tras Shanghai, Beijing e Tianjin). A pretensión é convertela en metrópole do xigantesco desenvolvemento que está a experimentar China no interior do país. De feito, o perfil urbano de Chongqing está a cambiar día a día [4].

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 19 de decembro de 2008. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 19 de decembro de 2008. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2011. Consultado o 20 de decembro de 2008. 
  4. [1]