Historia de Tianjin

Orixes editar

Coa apertura da sección norte da Gran Canle en tempos da dinastía Sui (581-618), a poboación de Zhigu na beira do río Hai He adquire unha importancia repentina como praza comercial entre o Golfo de Bohai e o centro e sur da China, de resultas da cal comeza o seu desenvolvemento urbano.

Non será ata 1404 cando o emperador Yongle da dinastía Ming lle dará o pulo definitivo ao mandar construír un forte (gornición de ata 5600 soldados) no lugar que lle servira de vao do río na súa marcha cara a Pequín. Tamén arrodéase dunha muralla rectangular duns cinco quilómetros con catro portas.

Esa dobre circunstancia, lugar do vao do emperador (Tianjin, vao celestial) e a consolidación de Pequín coma capital do imperio chinés (ampliación da Gran Canle ata alí), converten a posición da cidade en estratéxica mesmo ata os nosos días.

 

No século XVII a cidade perde progresivamente importancia militar á vez que a gaña coma centro comercial do norte da China. Artesáns na fabricación de armas e armaduras e construtores de embarcacións, erección de diques para previr riadas, garda do transporte de bens, favorecen un incremento notable da poboación e o desenvolvemento urbano.

Desde o século XIX editar

Pero será o tratado de Tianjin tralas Guerras do Opio en 1858, o que dará a cidade un novo e forte pulo (ademais dun aspecto arquitectónico singular), ao se converter nun dos portos abertos ao tráfico exterior por imposición das potencias coloniais. Estas aséntanse mediante concesións ao longo do río, augas abaixo da vella cidade fortificada. A unión por ferrocarril con Pequín (1897) e Manchuria incrementou inda máis a súa importancia.

Entre as dúas guerras mundiais a proclamada República da China recuperou as concesións para a cidade, e dende 1979, coa política de apertura económica do goberno comunista, Tianjin ten experimentado un rápido crecemento da man do porto exterior no distrito de Tanggu. Todo o cal vai quedar pequeno fronte ao vasto desenvolvemento da zona económica especial de Binhai, 2500 km² ao longo da franxa costeira do municipio, que se pretende similar ao distrito de Pudong en Shanghai.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar