Historia de Nanjing

A Historia urbana de Nanjing, xunto a Xi'an, Luoyang e Pequín unha das Catro Antigas Grandes Capitais de China, esténdese por, polo menos, dous mil cincocentos anos.

Primeiros asentamentos editar

En concreto foi no 496 aC cando, na ribeira meridional do río Yangtzé xusto antes do seu delta, unha zona habitada dende o neolítico, o rei Fu Chai do estado de Wu fundou un centro da metalurxia do ferro que chamou Yecheng. De seguido, en 472 aC, o veciño estado de Yue conquista Wu e levanta un novo posto avanzado (nas inmediacións da porta sur da cidade histórica actual) que chamaron Yuecheng [1].

No 333 aC, desta vez o estado de Chu ocupa Yue e constrúe unha fortaleza nos outeiros que limitan o noroeste da presente cidade (e que daquela colgaba sobor do Yangtzé, no seu antigo curso máis oriental) chamada Jinling, Moling durante a dinastía Qin e Shitoucheng (Cidade de Pedra [2]) cos Han Occidentais. Neste período (154 aC) créase a prefectura Danyang e un centro administrativo da mesma na chaira do río Qinhuai ao sueste (137 aC, 4x4 li ou ~2x2km), que foi o primeiro asentamento propiamente urbano no lugar. A vez, enriba dun outeiro no sur do lago Xuanwu, eríxese unha nova fortaleza, Beitacheng.

Capital do sur da China editar

Canda o derrubamento dos Han, no 211 da nosa era, Sun Quan de Wu constrúe un pazo ao pé da fortaleza Beitacheng e ao leste da antiga Jinling-Moling [3]. Pouco despois, en 229, o reino de Wu convértese nun dos Tres Reinos que suceden aos Han no dominio do imperio. Sun Quan traslada alí a capital para o que estende unha cidade arredor do pazo (tamén de 4x4 li). Acorde coa súa representación (primeira capital da China ao sur do Yangtzé), no 247 constrúe un novo pazo e fortifica a cidade cunha empalizada de bambú. Ao sur (a carón do primitivo Yecheng) erixe un mosteiro budista. A capital recibe o nome de Jianye [4].

No 317 a cidade convértese en residencia imperial da nova dinastía Jin Oriental co nome de Jiankang e co emperador Cheng (en 330-2) empréndese un programa de reconstrución segundo o modelo de Loyang que implicará un novo pazo (o vello fora destruído nunha rebelión uns anos antes) e a ampliación da cidade ao seu arredor a 6x6'5 li. Un grande eixo norte sur (a Avenida Imperial, 5 li) leva dende o pazo e a porta sur da cidade ata o mosteiro budista (refeito a grande escala) atravesando o río Qinhuai mediante unha ponte [5][6]. Ao longo desta avenida situábanse edificios administrativos e residenciais dos dignatarios. Coa dinastía Qi Meridional (479-82) a capital arrodéase de murallas de ladrillo ou pedra.

Esa estrutura vaise manter no básico ata o final do período dos Tres Reinos e Seis Dinastías, acollendo un crecente esplendor comercial e cultural que rivalizará mesmo con Loyang coma unha das maiores cidades do mundo na época.

No ano 589 a dinastía Sui, que está a reunificar norte e sur do país, destrúe case completamente Jiankang deixándoa reducida a unha pequena vila.

Os séculos intermedios: Centro téxtil editar

Inda que reconstruída no final da dinastía Tang, e mesmo breve capital nun novo período de disgregación (Cinco Dinastías e Dez Reinos) do Reino de Wu (904-37) e do Reino Tang Meridional (937-75, co nome de Jinling outra vez), non pasou de seres unha cidade de provincias afamada no tempo das posteriores dinastías Song e Yuan coma centro da industria téxtil.

Dende o punto de vista urbano, a reconstrución da capital do século X foi feita ao sur da antiga Jiankang seguindo o eixo da Avenida Imperial, atravesada polo río Qinhuai e arrodeada dunha muralla e foso que engadía na punta noroeste o apéndice fortificado da vella Cidade de Pedra [7].

Capital imperial da dinastía Ming editar

En 1356, cunha dinastía Yuan agonizante, Zhu Yuanzhang conquista a cidade establecendo alí a súa base de operacións para o derrocamento dos gobernantes mongois. Nun decenio a poboación decuplícase (moitos refuxiados das loitas e fames doutros territorios). Finalmente, en 1368 e coma emperador Hongwu, confirma a Nanjing (Capital do Sur, denominación popular) coma capital da nova dinastía Ming.

A primeira tarefa será defensiva: A erección dunha das murallas urbanas máis longas da historia (33 km). Tomando por base a do século X, esténdea ata os peiraos do Yangtzé no noroeste (onde se levantará unha das marabillas da antigüidade, a Torre-Pagoda de Porcelana, destruída no s.XIX [8]) e ata as beiras do lago Xuanwu polo norte [9]. Ao leste crea unha nova cidade palaciana (destruída polos Qing [10]). A cidade comercial e burguesa mantíñase no lugar da Jinling Tang; a extensión do norte e noroeste contiña fundamentalmente instalacións militares. No oeste, a Montaña Púrpura Dourada, en cuxas abas se erixen os mausoleos de emperadores e altos dignatarios que gobernaron dende a capital en diferentes épocas (Sun Quan, Hongwu, o futuro presidente da república Sun Yat-sen).

Este inmenso recinto albergará a maior urbe do mundo (487.000h en 1400) ata que en 1421 a corte imperial trasládase a Pequín (Capital do Norte) [11].

Capital intermitente nos séculos XIX e XX editar

Nos séculos posteriores, Nanjing (agora chamada Jiangning) mantívose neses amplos límites do seu cénit [12]. Coma capital provincial na dinastía Qing e breve capital da Revolución Taiping (1853-64). Coa proclamación da República da China en 1912 foi novamente elixida capital e asemade entre 1927-37 polo Kuomintang de Chiang Kai-Chek [13].

Só na segunda metade do século XX comezou a expandirse decididamente fóra de murallas. En 1968 inaugurouse a gran ponte sobor do Yangtzé que abriu a posibilidade de urbanizar a beira norte do río [14].

Nos últimos decenios, á vez que o conxunto do país e a rexión onde está enclavada (Shanghai e o Delta do Yangtzé), Nanjing ten experimentado unha gran modernización e crecemento que a converten nunha metrópole de futuro.

Notas editar

  1. Esquema dos sucesivos asentamentos no soar de Nanjing[Ligazón morta]
  2. "As murallas de Jinling na cidade moderna". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 08 de xullo de 2012. 
  3. Mapa antigo coa representación de Jianye ao leste da Cidade de Pedra (Jinling) [1][Ligazón morta]
  4. Detalle dos primeiros asentamentos ata o s.VI: A, Yecheng; B, Yuecheng; C, Jinling; D2, Danyang; E, Jianye; F1, Jiankang [2]
  5. Planta de Jiankang coa antiga fortaleza de Jinling nos outeiros do oeste [3]
  6. Outro esquema de Jiankang[Ligazón morta]
  7. Mapa antigo da capital de Wu e Tang Meridionais na época das Cinco Dinastías e Dez Reinos [4][Ligazón morta]
  8. "Perspectiva antiga da Torre de Porcelana a beira do Yangtzé". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2014. Consultado o 21 de decembro de 2009. 
  9. Mapa antigo da capital imperial Ming[Ligazón morta]
  10. "Planta da Cidade Pacega Ming". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2012. 
  11. Mapa de Nanjing dentro das murallas Ming[Ligazón morta]
  12. Magnífica panorámica debuxada de Nanjing e a rexión do Delta do Yangtzé [5][Ligazón morta]
  13. Mapa de Nanjing, 1927[Ligazón morta]
  14. "Mapa de Nanjing, 2003". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2012. Consultado o 03 de decembro de 2012.