Historia de Melbourne

A historia urbana de Melbourne deu comezo cunha disputa. No breve período duns meses de 1835, dous homes procedentes da mesma poboación da illa de Tasmania (Launceston, ao outro lado do estreito de Bass) pretenderon atribuirse a fundación da vila. John Batman fixera un trato cos poboadores orixinais da rexión, tribos de Wurundjeri, Boonwurrung e Wathaurong (aliados na nación Kulin), mercándolles terras no lugar para a fundación dun asentamento e retornando a Tasmania.

Fundación e primeiro plan editar

O certo é que para cando regresou meses deapois xa achou na beira norte do río Yarra preto da súa desembocadura na baía de Port Phillip un asentamento de paisanos que organizara John Pascoe Fawkner entremedias. Finalmente chegaron ao acordo de compartilo [1].

 
Hoddle Grid, primeiro plan de Melbourne, 1837.

Aínda que o goberno de Nova Gales do Sur declarou nulo o tratado de Batman cos aborixes, deu por unha situación de feito o poboado (chamado de numerosas maneiras: Batmania, Bearbrass [2], Bareport, Bareheep, Barehurp e Bareberp) e permitiu oficialmente a súa existencia declarándoo ao ano seguinte capital do Port Phillip District, e comisionando en 1837 o primeiro plan da vila que xa recibiu o nome definitivo de Melbourne (polo primeiro ministro británico de entón).

O Hoddle Grid (así coñecido hoxe o centro da urbe) foi o plan deseñado por Robert Hoddle en malla rectangular e paralela ao Yarra. Aínda que ten probado a súa eficacia (rúas principais de 30 m de ancho) a concepción era fundamentalmente prosaica (loteado de terras para o mercado inmobiliario) e mesmo mesquiña (sen prazas públicas porque, segundo o gobernador do tempo, alentaban a democracia) [3].

 
 

Dúas vistas de Melbourne nos seus primeiros anos de existencia (1839-1840):
a da dereita dende o leste cunha das rúas principais (Collins Street) paralela ao río Yarra, no fondo á esquerda;
a da esquerda dende o sur na outra beira do Yarra, coa mesma rúa Collins no alto
.

Distinta era a idea do seguinte gobernador, Charles La Trobe, quen impulsou a reserva do solo para unha coroa de parques arredor da Hoddle Grid (actuais Treasury Gardens, Carlton Gardens, Flagstaff Gardens, Royal Park e Royal Botanic Gardens [4]) ademais de mellorar os servizos da vila. Esta creceu cunha ampliación da malla cara ao norte e un proxecto ao leste [5]. De seguida foron construídos un mercado e unha primeira ponte sobor do Yarra (1841 e 1850, Ponte Princes).

Capital de Victoria: "a febre do ouro" editar

 
Mapa do centro e noroeste de Melbourne en 1855 (o Royal Park arriba).

En 1851, coa emancipación de Nova Gales do Sur da colonia de Victoria e a elección de Melbourne como a súa capital, o leste do Hoddle Grid foi destinado a área representativa co edificio do parlamento (1856) e a catedral. Aos poucos foi descuberto ouro na rexión cambiando o destino da cidade. En apenas unha década pasou de 20.000 habitantes a máis de 100.000 e a necesidade de asentalos fixo preciso elaborar grandes plans de ampliación [6]. De feito todo un proceso de suburbialización.

Se Melbourne xa era un importante porto de exportación de lá, "a febre do ouro" obrigou a súa continua ampliación ata a baía (construción dunha canle, peiraos, estaleiros [7][8]). A urbanización estendeuse rapidamente ao sur e o ferrocarril, a partir de 1854 polo río coa estación a carón da ponte, non fixo senón acelerar o proceso [9].

No norte da malla fundacional, en terreos dun primitivo cemiterio, foi erixido o gran Queen Victoria Market (1857, un dos maiores mercados cubertos do tempo). Os barrios obreiros o arrodeaban (polo norte e leste os vellos Richmond, Collingwood, Fitzroy que remataron coma slums, e os posteriores ao oeste). Os das clases adiñeiradas ocupaban o val do Yarra augas arriba (South Yarra, Toorak, Malvern, Kew).

En 1865, Melbourne superou a Sidney en poboación converténdose na maior cidade de Australia.

"Marvellous Melbourne" editar

 
A área metropolitana da Marvellous Melbourne (1888).

Pero o cénit aínda estaba por chegar. O resultado da explotación do ouro trouxo grandes capitais (sobor de todo do Reino Unido) e provocou un gran boom inmobiliario na década de 1880-1890.

A cidade converteuse nunha metrópole (a segunda do Imperio Británico tras Londres) que pasaba por ser a máis rica do mundo e que fixo acuñar o eslogan Marvellous Melbourne ("prodixiosa ou marabillosa Melbourne") [10].

 
Un exemplo da arquitectura da MM.

A urbe enriqueceuse cun patrimonio arquitectónico vitoriano que pouco tiña que envexar ao londiniense (hoteis, cafés, terraces, mansións). Dúas exposicións internacionais tiveron lugar (no Royal Exhibition Building dos Carlton Gardens). Unha vasta rede de tranvías e ferrocarrís (nova estación no costado oeste da cidade [11][12]) aseguraban o transporte metropolitano.

En 1890 a burbulla estalou provocando unha bancarrota financeira que arrastrou á recesión non só da cidade senón tamén de Australia.

Século XX editar

A elección de Melbourne en 1901 como capital provisional da Federación de Australia (ata 1927 co remate de Canberra como capital federal) sinalou o comezo dunha certa recuperación que tivo a súa continuación na forte industrialización dos anos da segunda guerra mundial (converténdose no primeiro centro manufactureiro do país).

Unha nova onda migratoria seguiu á guerra (fundamentalmente do sur de Europa e o Mediterráneo: 750.000 persoas en 1920; 1 500 000 nos anos 1950; máis de 2 000 000 nos 60) e o crecemento e riqueza tiveron a súa demostración na celebración dos Xogos Olímpicos de 1956. O proceso de metropolización seguiu ampliando a xa enorme área urbana [13].

Nas décadas finais do século a reconversión industrial pasou factura á metrópole que perdeu a primacía no país a favor de Sidney.

Xa no século XXI, grandes programas de renovación urbana, fundamentalmente nas beiras portuarias e industriais do río Yarra tentan, seica con éxito, volver a poñer a Melbourne entre as cidades globais.

 
Vista do centro histórico de Melbourne e na beira sur do Yarra (dereita) os desenvolvementos contemporáneos.

Notas editar

  1. Vista de Melbourne en 1836[Ligazón morta]
  2. "Bearbrass: Imagining early Melbourne"; Robyn Annear
  3. "Panorama a vista de paxaro de Melbourne en 1838". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2011. Consultado o 25 de maio de 2011. 
  4. Mapa actual do centro de Melbourne co anel verde debido a Ch. La Trobe [1]
  5. "Mapa do crecemento da vila antes da "febre do ouro"". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2014. Consultado o 25 de maio de 2011. 
  6. Mapa de Melbourne en 1852 coas extensións do leste
  7. Panorámica a vista de paxaro da cidade en 1855[Ligazón morta]
  8. Mapa do plan de melloras do porto (1879)
  9. Mapa de Melbourne e suburbios, 1851-69
  10. Vista de Melbourne dende o leste co edificio do Parlamento en primeiro termo, 1890 [2][Ligazón morta]
  11. Mapa da nova estación de Spencer Street
  12. Outra vista panorámica da Marvellous Melbourne dende o suroeste
  13. Plantas esquemáticas da evolución metropolitana (sprawl) de Melbourne, 1888-1961 [3] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.