Hermenexildo Gotérrez
Hermenexildo Gotérrez foi un líder da nobreza galega do século IX, fillo de Goterre Aloitez e a súa muller Elvira.
Hermenexildo Gotérrez | |
---|---|
![]() | |
Estatua de Hermenexildo Gotérrez en Tui | |
Nome completo | Hermenexildo Guterrez |
Outros títulos | Conde de Tui Conde de Portucale Conde de Coímbra |
Falecemento | 912 |
Rexente | Afonso III |
Consorte | Hermesinda Gatoniz |
Descendencia | Guterre Méndez Arias Méndez Elvira Méndez Aldonza Méndez Henderquina Méndez |
Casa real | Reino de Galiza |
Proxenitores | Guterre Aloitez Dona Elvira |
Na rede | |
![]() | |
Pertenceu á Curia Rexia de Afonso III e ostentou desde o ano 883 o máis alto cargo na mesma: mordomo real. Contaba con amplas posesións nas actuais Galiza e norte de Portugal. Foi conde de Tui, Porto e conquistador de Coímbra no ano 878.
Biografía editar
O conde Hermenexildo aparece por primeira vez documentado no ano 869 confirmando unha doazón de Afonso III. Na década de 870 figura xa como membro do Consello Real de Afonso III, e desde o ano 873 como conde de Tui e Portucale (Porto). No ano 878 actúa como xuíz ao lado do seu sogro, -o conde Gatón do Bierzo- na resolución de preitos derivados da organización do territorio berciano[1]. A derradeira referencia ao conde prodúcese no ano 912, cando confirma unha doazón á igrexa compostelá do seu xenro o rei Ordoño II.
Conquista de Coímbra editar
No ano 878 conquista e repoboa a cidade de Coímbra[2], desde entón e até a súa recuperación por Almanzor no 997, pasará a ser a máis meridional do reino de Galiza chegando ata o río Mondego, nun momento en que a fronteira cristiá-musulmá, no centro da península, estaba aínda á altura de Burgos e no que Zamora non se pode dar como repoboada ata o ano 893.
Esta marcha cara ao sur da nobreza galega consolidou un espazo social galego-cristián ao sur do río Douro. Este espazo tan avanzado xeograficamente tivo que organizar a súa autodefensa mediante unha crecente autonomía, o condado de Coímbra, que xunto co Portucalense, serían o xermolo do futuro Reino de Portugal.
Dux de Galiza editar
Cara o ano 887, o Dux galego Witiza iniciou unha revolta contra o rei Afonso III, Hermenexildo aglutinou a nobreza galega leal ao monarca ovetense. Durante os sete anos que durou a rebelión, e que puxo en perigo a coroa do rei Afonso e a unidade do reino, fixo fronte aos ataques de Witiza e contribuíu decisivamente á súa derrota. Impedindo que o rebelde se fixera co espazo galaico. No ano 895, o seu exército capturou a Witiza, que foi levado á presenza do monarca. Como recompensa, o conde Hermenexildo recibiu o territorios do rebelde e o título de Dux[3].
Liñaxe e descendencia editar
Fillo de Goterre Aloitiz (810 - 875) e da súa esposa Dona Elvira[4], Hermenexildo casou cerca do ano 860 con Hermesinda Gatonez, curmá do rei Afonso III e filla do conde Gatón do Bierzo. Deste casamento tivo os seguintes fillos[5]: Guterre Méndez, titular xunto ao seu irmán Arias de seis dos condados galegos; Arias Méndez[6], conde de Coímbra; Elvira Méndez[7], raíña consorte de Ordoño II; Aldonza Méndez[8]; e Henderquina Méndez[9].
Notas editar
- ↑ Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. p. 15.
- ↑ Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. pp. 15–17.
- ↑ Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. pp. 18–19.
- ↑ Sáez, Emilio (1948). Los ascendientes de San Rosendo. CSIC. p. 6.
- ↑ "Liñaxe Guterrez". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 14/02/2021. Consultado o 16/10/2018.
- ↑ "Liñaxe Arias". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 16/09/2021. Consultado o 16/10/2018.
- ↑ "Liñaxe Ordoñez". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018.
- ↑ "Liñaxe Osorio". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018.
- ↑ "Liñaxe Eriz". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 04/12/2021. Consultado o 16/10/2018.