Henrietta Swan Leavitt

astrónoma estadounidense
(Redirección desde «Henrietta Leavitt»)

Henrietta Swan Leavitt, nada en Lancaster, Massachusetts o 4 de xullo de 1868 e finada en Cambridge o 12 de decembro de 1921, foi unha astrónoma estadounidense famosa polo seu traballo sobre estrelas variables. Os seus resultados foron utilizados por Edwin Hubble para calcular as distancias das galaxias (nesa época chamadas "nebulosas"). Con iso, Hubble puido amosar que algunhas destas "nebulosas" son na realidade outras galaxias, pondo fin a un longo debate sobre a natureza destes obxectos e sobre as dimensións do Universo. O coñecemento das distancias destes obxectos permitiu tamén que Hubble concluíse que o Universo está en expansión, o que demostra a importancia dos traballos de Henrietta Leavitt.[1]

Henrietta Swan Leavitt
Henrietta Swan Leavitt
Datos persoais
Nacemento4 de xullo de 1868
LugarLancaster, Massachusetts, Estados Unidos
Falecemento12 de decembro de 1921 (53 anos)
LugarCambridge, Massachusetts, Estados Unidos
Causacancro
SoterradaCambridge Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América Estados Unidos
Actividade
CampoAstronomía
Alma máterRadcliffe College, Oberlin College
Contribucións e premios
Coñecida porlei de Leavitt
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Henrietta Swan Leavitt, filla do pastor evanxélico George Roswell Leavitt e da súa muller Henrietta Swan (Kendrick), naceu en Lancaster, Massachusetts[2]. Leavitt efectuou os seus estudos no Oberling College e na Society for Collegiate Instruction of Women (Radcliffe College), onde descubriu tardiamente a astronomía. Ao final dos seus estudos, en 1892, seguiu outros cursos de astronomía.

Carreira editar

En 1893 entrou como voluntaria no observatorio do Harvard College. O seu traballo consistía en medir e catalogar o brillo de estrelas da colección de placas fotográficas do observatorio (nesta época non se lles permitía ás mulleres traballar con telescopios).[3] As súas calidades e o seu espírito emprendedor permitíronlle ser admitida no cadro de persoal fixo do observatorio baixo a dirección de Edward Charles Pickering. Inicialmente Pickering non lle pagaba salario, aínda que despois Leavitt pasou a recibir 30 centavos de dólar por cada hora de traballo.

Pickering encargoulle o estudo das estrelas variables, cuxo brillo varía nun período dalgúns días. Leavitt tivo poucas posibilidades de efectuar traballos teóricos, aínda que axiña foi nomeada directora do departamento de fotometría fotográfica, responsable do estudo das fotografías de estrelas co fin de determinar as súas magnitudes, proceso que abranguía a comparación do tamaño dunha estrela en dúas placas fotográficas abtidas en tempos distintos. En palabras de Jeremy Bernstein: "as estrelas variables eran un asunto de interese desde había anos, mais cando ela estaba a estudar esas placas, dubido de que Pickering pensaba que ela fose facer unha descuberta significativa".[4] Á fin, a súa descuberta chegaría a cambiar substancialmente a astronomía".

 
Antiga foto do "harén de Pickering", como se coñecía o grupo de mulleres dirixido polo astrónomo de Harvard Edward Charles Pickering. O grupo abranguía a Leavitt, Annie Jump Cannon, Williamina Fleming e Antonia Maury.

Henrietta descubriu e catalogou 1.777 estrelas variables situadas nas Nebulosas de Magalhães.[5] En 1908, publicou os seus resultados nos Annals of the Astronomical Observatory of Harvard College, entendendo que algunhas destas estrelas variabales presentaban un padrón: as máis brillantes oscilaban con períodos maiores. Despois de estudos máis polo miúdo, en 1912 confirmou, a partir do seu catálogo, que a luminosidade das variables Cefeidas era proporcional ao seu período de variación de luminosidade, e que esa relación era bastante precisa.[6]

A súa descuberta coñécese como "relación período-luminosidade": o logaritmo do período é directamente proporcional á luminosidade intrínseca media da estrela. En palabras de Leavitt: "pódese trazar unha liña recta entre as dúas series de puntos correspondentes aos máximos e mínimos, o que amosa que hai unha relación simple entre os brillos das variables e os seus períodos".

Influencia editar

A relación período-luminosidade para as Cefeidas fixo delas as primeiras "candeas estándar" en astronomía, permitindo a determinación das distancias de galaxias. Esas distancias son moi grandes, de xeito que non é posible aplicar o método da paralaxe, usado para medir distancias de estrelas próximas. Só un ano despois de que Leavitt publicase os seus resultados, Ejnar Hertzsprung determinou as distancias de varias estrelas cefeidas na Vía Láctea, e con esa calibración a distancia de calquera cefeida podería ser determinada con bastante precisión.

Axiña se detectaron outras cefeidas noutras galaxias, como por exemplo na de Andrómeda (principalmente por Edwin Hubble en 1923 e 1924), o que constituíu unha parte importante das evidencias de que as "nebulosas espirais" son na realidade outras galaxias, moi distantes da nosa propia Vía Láctea. Xa que logo, o descubrimento de Leavitt mudaría para sempre a nosa visión do universo.

As conquistas do astrónomo americano Edwin Hubble, que estabeleceu que o Universo se está expandindo, só foron posibles logo dos traballos de Leavitt. "Se Henrietta Leavitt proporcionou a chave para determinar o tamaño do Cosmos, foi Edwin Hubble quen a colocou na fechadura e produciu as observacións que permitiron que a chave se puidese xirar", escribiron David H. e Matthew D. H. Clark no seu libro Measuring the Cosmos.[7] O propio Hubble dicía frecuentemente que Henrietta Leavitt merecía gañar o premio Nobel polo seu traballo sobre as estrelas variables.

Doenza e morte editar

O traballo de Henrietta Leavitt en Harvard non gozou moita de continuidade, ao estar moi condicionado polos seus problemas de saúde e polas súas obrigas familiares. Leavit morreu de cancro o 12 de decembro de 1921, ano en que fora nomeada xefa de fotometría estelar. Foi enterrada no cemiterio de Cambridge, en Massachusetts.

 
Henrietta Swan Leavitt traballando na súa oficina no observatorio do Harvard College.

Leavitt foi membro da Phi Beta Kappa, da American Association of University Women, da American Astronomical and Astrophysical Society e da American Association for the Advancement of Science, e membro honorario da American Association of Variable Star Observers. A súa morte prematura foi vista como tráxica polos seus amigos, por motivos que transcenden as súas conquistas científicas. Nun obituario, o seu amigo Solon I. Bailey escribiu: "ela tiña a feliz capacidade de apreciar todo que fose proveitoso e amable nos demais, e tiña unha natureza tan chea de vida que, para ela, todo era bonito e cheo de significado".

Premios e honras editar

Na cultura popular editar

Lauren Gunderson conta a súa vida na obra de teatro Silent Sky.[8]

Notas editar

  1. Jacob Darwin Hamblin. Science in the Early Twentieth Century: An Encyclopedia. ABC Clio. 2005. Páxina 181. [ISBN 1-85109-665-5 GB]
  2. Gregory M. Lamb. Before omputers, there were these humans... En Christian Science Monitor. Xullo de 2005.
  3. Liza Gross. Pioneers of the Past: Henrietta Swan Lavitt. En Women in Astronomy.
  4. Bernstein, J. Review: George Johnson's Miss Leavit's Stars. En Los Angeles Times. 17 de xullo de 2005.
  5. Leavitt, H. & Pickering, E. Periods of 25 Variable Stars in the Small Magellanic Cloud. En Harvard Observatory Curcular. 1912. Volume 173. Páxinas 1 a 3.
  6. Leavitt, H. 1777 Variables in the Magellanic Clouds. En Annals of Harvard College Observatory. LX(IV), 1908. Páxinas 87 a 110.
  7. David H. Clark; Matthew D. H. Clark. Measuring the Cosmos: How Scientists Discovered the Dimensions of the Universe. Rutgers University Press. [ISBN 0-8135-3404-6]
  8. Queizán, María Xosé (2021-02-19). "Saudade cósmica". Praza Pública. Consultado o 2021-02-22. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Johnson, George. Miss Leavitt's Stars: The Untold Story of the Woman Who Discovered How To Measure the Universe. Norton. Nova York. 2005. [ISBN 0-393-05128-5]
  • Marilyn Bailey Ogilvie. Women in Science: Antiquity Trought the Nineteenth Century. MIT. 1986. [ISBN 0-262-15031-XGB]
  • Lorenzen, M. Henrietta Swan Leavitt. En Notable Women in the Physical Sciences: A Biographical Dictionary. Sherer. Westport. Greenwood Press. 1997. Páxinas 233 a 237. [ISBN 0-313-29303-1]
  • Daniel Roberto Altschuler e Fernando J. Ballesteros (2016). Las mujeres de la Luna. Historias de amor, dolor y valor. Editorial: Next Door Publishers e Jot Down Books (Colección El café Cajal). ISBN: 978-84-944435-4-1
  • Cívico, Irene; Parra, Sergio (2018). Las chicas son de ciencias. 25 científicas que cambiaron el mundo. Barcelona: Penguin Random House. pp. 88-91. ISBN 978-84-9043-882-4. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar