O gravitón é un suposto bosón portador da gravidade na maioría dos sistemas teóricos de gravidade cuántica. As principais características que debería ter: ser sempre atractivo (a gravidade endexamais repele), ter efecto sen importar a distancia entre os corpos, e ademais habería unha cantidade ilimitada deles. Na teoría cuántica, isto define un bosón de spin par (2 neste caso) cunha masa en repouso de valor cero.

Postúlase a existencia dos gravitóns debido ao éxito da teoría cuántica noutras áreas. Por exemplo, a electrodinámica pódese explicar moi ben aplicándoselle a cuantificación ós fotóns. Neste caso, suponse que os fotóns son creados (e destruídos) continuamente por tódalas partículas con carga eléctrica, de xeito que as interaccións entre estes fotóns xeran as forzas macroscópicas ás que estamos afeitos, coma o magnetismo.

Considerando o amplo éxito da teoría cuántica ao describi-la maioría das forzas básicas do universo, semella axeitado asumir que os mesmos métodos haberán de servir para explica-la gravidade. Fixéronse moitas tentativas de introducir o ata o de agora invisible gravitón, que funcionaría máis ou menos coma o fotón. Isto levaría a unha teoría cuántica gravitatoria, aínda que o corpo matemático sería máis complexo.

Unha teoría como a descrita precisaría que o gravitón operase de xeito semellante ao fotón; mais, ao contrario que na electrodinámica, onde os fotóns interactúan directamente entre eles e as partículas con carga, a gravidade no traballa de xeito tan sinxelo. Os feitos experimentais mostran que a gravidade créase por calquera forma de enerxía (e a masa é unicamente unha forma condensada de enerxía, segundo a célebre ecuación de Einstein), o cal é difícil de describir nuns termos semellantes á carga eléctrica. Ata o de agora tódalas tentativas de crear unha teoría cuántica sinxela da gravidade fracasaron.

A detección do gravitón, se é que existe, é unha tarefa bastante problemática. Estas partículas portarían moi pouca enerxía, polo tanto a detección sería moi difícil. A única maneira de detectalss sería buscar os casos nos que o movemento ou a enerxía dun corpo mudase nunha forma distinta da prevista pola Teoría Xeral da Relatividade, pero un dos principios básicos da gravidade cuántica sería que deberían coincidir en maior un menor medida con estas predicións relativistas.

Partículas fundamentais en Física (lista, táboa)
Fermións Bosóns de Gauge
Quarks Leptóns Bosóns W e Z Fotón Gluón
Arriba Encantado Cume Electrón Muón Tau (tauón) Bosóns hipotéticos
Abaixo Estraño Fondo e-neutrino μ-neutrino τ-neutrino Gravitón    Bosón de Higgs
Outras clases, partículas compostas e outras
barión - gravitino - hadrón - kaón - mesón - neutrón - pión - positrón - protón
Termos relacionados
antimateria - partícula subatómica