Gran Via de les Corts Catalanes


A Gran Via de les Corts Catalanes (en galego: Gran Vía das Cortes Catalás), coñecida popularmente como Gran Via, é unha das vías máis importantes da cidade de Barcelona, que a cruza lonxitudinalmente cun percorrido de máis de 13 quilómetros, sendo a rúa máis longa e con máis portais de España.[1] A numeración chega do 21 ata o 1.198.

Cruzamento da Gran Via coa Rambla de Catalunya.

Trazado

editar

A Gran Via arrinca do límite con L'Hospitalet de Llobregat, preto da praza de Ildefons Cerdà, e acaba ao outro extremo de Barcelona, no límite con Sant Adrià de Besòs.

No seu percorrido atravesa varias prazas: a Plaça d'Espanya, a Plaça de la Universitat, a Plaça de Tetuan e a Plaça de les Glòries Catalanes.

O tramo que segue ao norte cara a Sant Adrià de Besòs coincide co primeiro tramo da Autoestrada do Maresme, e por el circulan as vías da liña T5 do Trambesòs. A liña 1 do metro discorre polo seu subsolo entre as estacións de Espanya e Universitat e a liña 2 entre a anterior e o cruzamento con Marina.

Historia

editar

No plan Cerdà chamouse a esta vía Letra N, Número 11, pero en 1900 este nome foi substituído por Cortes, que permaneceu ata o 1931, ano en que pasa a denominarse Avinguda de les Corts Catalanes, aínda que durante a ditadura franquista foi oficialmente denominada Avenida de José Antonio Primo de Rivera.

No tramo que vai entre a rúa Balmes e a Rambla de Catalunya caeron varias bombas lanzadas pola aviación italiana en 1938 durante a guerra civil. No ano 2001 levantouse un monumento conmemorativo que se pode ver xusto diante do cine Coliseum.

En 2007 inaugurouse a reforma integral da Gran Via ao seu paso polo Distrito de Sant Martí, entre o termo municipal de Sant Adrià de Besòs e a praza de Glòries. Unha custosa obra na que se realizou a semicobertura da autoestrada ao seu paso por este distrito, que gañou en calidade de vida, diminuíndo considerablemente a contaminación acústica que sufría. Revisáronse ademais os usos das novas zonas en superficie, enlazando rúas en sentido mar-montaña que quedaban anteriormente cortadas pola autoestrada, incluíndo novas zonas verdes e permitindo o paso da nova liña de tranvía subterráneo.

  1. Clasificación de rúas máis longas de España Arquivado 17 de agosto de 2011 en Wayback Machine. El Periódico, 9/12/2009 (en castelán).

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar