Lingüística comparada
A lingüística comparada (ou gramática comparada) refírese propiamente a unha das técnicas principais da lingüística histórica, disciplina da Lingüística que estuda a historia e a evolución das linguas (tomadas individualmente) ou das familias de linguas. É unha disciplina eminentemente diacrónica. A Lingüística comparada procede da filoloxía, termo que, por veces, debe tomarse como sinónimo aínda que as dúas disciplinas sexan diferentes.
Metodoloxía
editarO principal método de traballo baséase na comparación entre os diferentes estados dunha mesma lingua ou entre linguas diferentes pero xurdidas dun mesmo devanceiro. Permite, ao sacar á luz as correspondencias regulares fonéticas, sintáctica e, máis raramente, semánticas, establecer parentescos entre as linguas. Ten, pois, como primeiro obxecto de estudo as semellanzas formais reveladas por estas comparacións. É a Lingüística comparada a que permite, xa que logo, establecer de maneira científica a existencia das familias lingüísticas das que se di, pois, que están ligadas por relacións xenéticas; a Lingüística comparada estuda tamén:
- como unha lingua nai dá nacemento ás súas linguas fillas;
- a natureza dos lazos entre a lingua nai (ás veces desaparecida) e as linguas fillas;
- as innovacións e as semellanzas que subsisten entre as linguas fillas etc.
Por exemplo, permite saber que malia seren en aparencia moi próximas (pola escritura e o léxico), dúas linguas como a árabe e o persa non teñen ningunha relación de parentesco, pero que esta última é da mesma gran familia có galego ou o islandés.
Interésase, pois, ante todo nas evolucións coñecidas por esas linguas no curso da súa historia, for semánticas, for fonéticas, for fonolóxicas, léxicas, ou sintácticas etc. A rama máis importante da Lingüística comparada é, con todo, a fonética histórica, a única disciplina que se dedica ás evolucións que se poden describir de maneira formal e obxectiva e tamén a única que permite afirmar que unha palabra B provén sen dúbida dunha palabra A ou que palabras B, C e D son todas derivadas dun étimo común A e están, polo tanto, ligadas historicamente. A etimoloxía é, así, o resultado dunha investigación comparativa. A reconstitución de etimoloxías na orixe de palabras tiradas de diferentes linguas irmáns demanda unha investigación comparativa aínda máis forte. Cómpre, en efecto, atopar o significado orixinal dun termo a partir dos seus resultados nas linguas en cuestión, significado orixinal que, ao se transmitir a linguas de evolución autónoma (e sábese que a evolución semántica non segue regra precisa ningunha), púidose modificar en proporcións importantes.
Entre as principais familias lingüísticas estudadas pola Lingüística comparada, pódense citar as linguas indoeuropeas, a semítica, a sino-tibetana, a Níxer-Congo ou as austronesias, que forman moi vastas familias. A Lingüística comparada das linguas indoeuropeas é, de lonxe, a máis desenvolvida.
Ademais do establecemento de familias de linguas, a Lingüística comparada permite sobre todo a reconstrución dunha lingua nai prehistórica (é dicir, non testemuñada directamente por medio da escritura) a través unicamente das pegadas que deixou nas súas linguas fillas históricas (pegadas que son os puntos de converxencia das diferentes similitudes). Autoriza a reconstituír (de maneira ás veces esvaída e con grandes doses de suposición, pero sempre seguindo métodos científicos) devanceiros afastados como o indoeuropeo ou o chinés arcaico (para este último, é conveniente dicir que malia ser unha lingua de época histórica, o seu sistema fonético e fonolóxico están disimulados pola escritura chinesa; así, a Fonética histórica enche estas lagoas). O postulado principal é o seguinte: se, nas linguas A, B, C, e D que se saben xeneticamente emparentadas, se descobre por comparación unha característica dada (léxica, morfolóxica, fonética etc.), é probable que esta característica proveña da lingua nai. É pola intersección de todas estas características polo que se pode obter unha imaxe afastada da lingua nai, o gran número de puntos comúns que permiten rexeitar a posibilidade dunha estrita coincidencia (como os falsos amigos).
Evidentemente, a reconstrución das linguas nais permite confirmar a existencia das familias de linguas e, a inversa. Os dous obxectos de estudo en cuestión están relacionados intrinsecamente.