Os glareólidos[1] (Glareolidae) constitúen unha familia de aves limícolas da suborde Charadrii. Comprende os corredores[2] (dos que en Galicia vive o Cursorius cursor) e as anduriñas do mar[3][4] (en Galicia vive Glareola pratincola). O atípico Pluvianus aegyptius, tradicionalmente situado nesta familia, sábese agora que só está distantemente relacionado con ela e clasifícase na súa propia familia, Pluvianidae.

A familia consta de 15 especies distribuídas en 5 xéneros.

Descrición editar

A característica que distingue a familia das demais da orde é o seu peteiro, que está arqueado e ten os orificios nasais na base. Os glareolinos teñen patas curtas, ás bicudas longas e colas bifurcadas longas. Teñen un voo moi flotante que lles permite realizar a técnica de caza pouco usual (para a orde) de capturar os insectos en voo como fan as anduriñas. Estas ás tamén posibilitan as longas migracións dalgunhas das especies. Os cursorinos teñen patas longas, que son utilizadas para correr (por iso se lles chama corredores ou corredeiras[5]). As ás son máis curtas e teñen un voo máis sostido que o dos glareolinos.

Distribución e hábitat editar

Os glareólidos están distribuídos polo Vello Mundo, e atópanse no sur de Europa, en Asia, África (incluíndo Madagascar) e Australia. Pénsase que a familia evolucionou en África, que é onde presenta a súa maior diversidade, aínda que se coñecen fósiles do xénero Glareola pertencentes a unha especie extinta, Glareola neogena, do Mioceno medio de Europa, mentres que de idade similar é a tamén extinta e europea Mioglareola gregaria. Os fósiles máis antigos de glareólidos son os do xénero Paractiornis do Mioceno inferior de Norteamérica.[6]

Os xéneros e especies fósiles son:

  • Boutersemia belgica G. Mayr e R. Smith, 2001 Oligoceno temperán de Bélxica.
  • Boutersemia parvula G. Mayr e R. Smith, 2001 Oligoceno temperán de Bélxica.
  • Paractiornis perpusillus Wetmore, 1930 Mioceno temperán de Nebrasca.
  • Mioglareola dolnicensis (Švec, 1980) Mioceno temperán da República Checa.
  • Mioglareola gregaria Ballmann, 1979 Mioceno temperán da República Checa e Mioceno medio de Alemaña.
  • Glareola neogena Ballmann, 1979 Mioceno medio de Alemaña.
  • "Gallinago" veterior Jánossy, 1979 Plioceno temperán de Hungría.

Os corredores atópanse normalmente en ambientes áridos abertos como os desertos e matos. O Rhinoptilus cinctus e o Rhinoptilus chalcopterus son excepcións, xa que se encontran en bosques e xeralmente lonxe das terras abertas. Esta subfamilia xeralmente está tamén asociada con áreas de terras baixas, aínda que o Cursorius rufus encóntrase nas áreas afroalpinas de África. As anduriñas (ou perdices) do mar[7] están asociadas con zonas húmidas, ríos, estuarios e outras correntes de auga continentais interiores. Igual que pasaba cos corredores hai excepcións, particularmente a Glareola nordmanni, que se reproduce e alimenta en estepas abertas.

Algunhas especies de glareolinos son migradores de longa distancia. Entre os migradores de curta distancia está a Glareola ocularis, que migra desde os seus terreos de reprodución en Madagascar ata o leste África continental; en contraste a Glareola nordmanni migra desde as estepas do leste de Europa e Asia central ao oeste e sur de África. A migración, que pode cubrir unha distancia de 10 000 km, adoita facerse nun só voo sen parar e a elevada altitude. Os cursoninos non son moi migratorios, aínda que o Cursorius cursor migra desde o extremo norte da súa área de distribución en inverno. Os corredores son bastante nómades, pero non realizan migracións de longa distancia.[6]

Comportamento editar

Os corredores son de hábitos crepusculares e nocturnos, e xeralmente déixanse ver pouco, especialmente as especies de bosque. Non son sociais como as moi gregarias e ruidosas anduriñas do mar, algunhas das cales están tamén activas ao mencer e no solpor.

Alimentación editar

A maior parte da dieta dos glareólidos son os insectos. As anduriñas do mar capturan o alimento en voo, pero poden cazar presas no chan igualmente. Son oportunistas e observáronse acompañando os rabaños de antílopes para apañar os insectos que se espantan polo seu movemento ou mesmo os insectos atraídos polas luces de farolas. Os insectos enxamiados, como as lagostas e térmites, son especialmente atacados. Os corredores son exclusivamente terrestres, e aliméntanse de maneira parecida ás píllaras, correndo, parando para buscar presas e volvendo a moverse. Algunhas especies poden escaravellar buscando insectos en solos brandos cos seus peteiros. Ademais de insectos, os corredores poden tamén capturar moluscos e algunhas sementes.[6]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para glareólidos.
  2. Dicionario Digalego corredor Arquivado 06 de marzo de 2019 en Wayback Machine.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anduriña. Ver Frases e expresións con anduriña
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  5. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
  6. 6,0 6,1 6,2 Piersma, Theunis (2008). "Family Glareolidae (Coursers and Pratincoles)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 3, Hoatzins to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 364–375. 
  7. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para perdiz. Frases e expresións con perdiz