Genesis

Sonda espacial dos Estados Unidos.

Genesis foi unha nave espacial estadounidense lanzada cara o punto de Lagrange L1 para recoller, analizar e traer de volta á Terra mostras do vento solar. Foi lanzada mediante un Delta 7326 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral o 8 de agosto de 2001 ás 16:13:40,324 UTC.[2][4][5]

Genesis
Representación da sonda Genesis cos recolectores estendidos.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualCápsula reentrada na atmosfera, nave en órbita heliocéntrica.[1]
Data de lanzamento8 de agosto de 2001, 16:13:40,324 UTC[1][2][3]
Foguete portadorDelta 7326[2][4]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, complexo de lanzamento 17A[2]
Obxectivo da misiónEstudo e análise do vento solar.[2]
Decaemento8 de setembro de 2004[2]
NSSDC ID2001-034A
Masa494,0 kg sen propelente, 636 kg con propelente[2][5]
DimensiónsCorpo de 2,3 x 2,0 metros, envergadura total de 7,9 metros.[2]
Potencia254 vatios[2]

Características editar

A misión da sonda Genesis foi recoller mostras do vento solar e devolvelas á Terra para ser analizadas e determinar con precisión as abundancias isotópicas do Sol, e máis concretamente dos elementos osíxeno, nitróxeno e outros, para contrastar as teorías de formación e evolución do sistema solar e a composición orixinal da nebulosa primixenia.[2][4][5]

Genesis tiña unha masa de 636 kg, dos cales 142 kg eran propelente. O corpo da sonda medía 2,3 x 2,0 metros, con dous paneis solares que producían 254 vatios de potencia (alimentando unhas baterías de níquel-hidróxeno) e que lle daban unha envergadura total de 7,9 metros. Levaba unha cápsula de retorno de mostras nun dos extremos do corpo da nave. O satélite estabilizábase mediante xiro a 0,625 r.p.m. O sistema de propulsión estaba alimentado por hidracina e presurizado mediante helio. As comunicacións tiñan lugar en banda S mediante unha antena fixa. O control térmico tiña lugar mediante quentadores e medios pasivos. A nave levaba instrumentos para monitorizar o réxime de vento solar en cada momento e seleccionar así a voltaxe adecuada nos colectores.[2]

A cápsula colectora de mostras tiña forma de disco de 1,5 m de diámetro con extremos en forma de cono truncado e 1,31 m de altura e unha masa total de 225 kg. No seu interior atopábase o compartimento científico, onde se aloxaban un concentrador e tres matrices colectoras. As matrices consistían en discos planos compostos de obleas de silicio ultrapuro, carburo de silicio, xermanio, zafiro, diamante depositado quimicamente, ouro, aluminio e vidro metálico expostos ó vento solar. Os isótopos de helio, osíxeno, nitróxeno, neon, radon e outros elementos quedaban implantados nos primeiros 100 nanómetros do disco. O concentrador era un espello electrostático que concentraba os elementos por enriba do neon por un factor de aproximadamente 20.[2]

Desenvolvemento da misión editar

 
A cápsula de Genesis estrelada.

Genesis foi lanzada cara o punto de Lagrange L1, a 0,01 UA, nunha viaxe que durou tres meses desde o lanzamento e ao final dos cales, o 16 de novembro de 2001, entrou nunha órbita de halo arredor de L1, que foi elixido por ser unha zona libre de influencias do campo magnético terrestre e as partículas atrapadas nel. O 3 de decembro Genesis estendeu os colectores e comezou a recoller vento solar. A nave completou cinco órbitas de halo nos 30 meses que estivo cerca do punto L1. En abril de 2004 a nave recolleu os colectores dentro da cápsula e selouna antes de comezar a viaxe de retorno, de cinco meses de duración, ao final dos cales a sonda sobrevoou a Terra para regresar a ela manobrando para soltar a cápsula no lado diúrno do noso planeta o día 8 de setembro de 2004. A cápsula reentrou na atmosfera terrestre ás 15:52:47 UTC dese mesmo día. A secuencia de reentrada implicaba o desplegue dun paracaídas de guiado aos 2 minutos e 7 segundos e a 33 km de altura, desplegue que nunca ocorreu debido á instalación do revés dos acelerómetros encargados do desplegue, tal como se soupo pola investigación posterior. A cápsula terminou impactando contra o solo a 311 km/h, danándose e contaminando parcialmente a carga, que foi recollida inmediatamente polo equipo de terra e levada a unha sala limpa. As mostras dos recolectores foron enviados ó Centro Espacial Johnson, onde se atopou que gran parte aínda eran útiles para os científicos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GENESIS" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 NASA (14 de maio de 2012). "Genesis" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2013. 
  3. Claude Lafleur (2010). "Genesis" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2013. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Genesis (Discovery 5)" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Mark Wade (2011). "Genesis" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2013. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar