Franz Boas
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Franz Boas, nado en Minden (Renania do Norte-Westfalia) o 9 de xullo de 1858 e finado en Nova York o 21 de decembro de 1942, foi un antropólogo estadounidense de orixe xudeu-alemá.
Traxectoria
editarFranz Boas cursou os seus estudos na Universidade de Heidelberg e na Universidade de Bonn. En 1881 conseguiu o seu doutoramento en física e xeografía pola Universidade de Kiel. Durante 1883-1884, realizou unha expedición científica da illa de Baffin, na zona ártica. En 1886 participou noutra expedición por Vancouver (Canadá), para estudar distintos mananciais de auga, e Estados Unidos, onde máis tarde se estableceu en 1887. Nos Estados Unidos traballou como conservador no Museo Smithsoniano, e en 1899 comezou como profesor na Universidade de Columbia, onde creou e dirixiu o departamento de Antropoloxía e onde permaneceu o resto da súa carreira. Tivo unha grande influencia entre os seus estudantes de antropoloxía (algúns dos seus estudantes máis importantes foron: Ruth Benedict, Zora Neale, Edward Sapir).
O plan de estudos da antropoloxía que se ensinou máis tarde nas academias estadounidenses foi resultado de catro subdisciplinas que Boas cultivou: antropoloxía física, arqueoloxía, etnoloxía, e lingüística.
Foi cofundador da American Anthropological Association e dende 1931, presidente da American Association for the Advancement of Science (AAAS).
Durante 40 anos, Boas estivo estudando aos indios Kwakiutl, xunto á antropóloga Julia Averkieva. Realizou varias películas e un amplo material etnográfico para estudar xestos, hábitos motores, movementos corporais e danzas dos Kwakiutl, xunto a súa filla Franziska Boas. Considérase que Boas foi un dos primeiros investigadores en desenvolver a Antropoloxía Visual.
Pensamento
editarNas contribucións de Boas ao pensamento antropolóxico destaca o relativismo cultural. Esta corrente baséase en que todos os sistemas culturais son iguais na súa valoración, non hai cultura máis ou menos correcta, mellor ou peor, e que todos os humanos observamos e xulgamos o mundo segundo a nosa cultura. E que as diferenzas entre distintas sociedades son resultado das condicións históricas, sociais e xeográficas. Para Boas, as culturas deben ser estudadas desde dentro, e non desde unha perspectiva etnocéntrica. Esta postura enfrontábase á corrente evolucionista enunciada por autores como Edward Tylor, que dicían que estas diferenzas son o resultado de idénticos niveis evolutivos progresivos que pasan todas as culturas. O pensamento de Boas e os seus discípulos cambiou a Antropoloxía Norteamericana.
Tamén foi un científico destacado pola súa loita contra o racismo, tanto na súa vida, como no seu traballo, co cal demostrou que a desigualdade racial non tiña unha orixe biolóxica, senón social. Foi o primeiro científico en afirmar que todas as persoas eran iguais. Boas cría que tratar temas sociais, como o racismo, é unha obriga dos antropólogos, e que estes non deberían ser estritamente obxectivos nos seus traballos, senón que tiñan que ter o seu propio punto de vista sobre a cultura.
Estableceu unha das máis influentes correntes antropóxicas: o Particularismo histórico. Esta corrente rexeitaba o modelo evolucionista da cultura, e dicía que cada cultura ten unha propia e única historia e polo tanto nega a posibilidade dunha perspectiva da ciencia dunha cultura xeneralizada. Non existe unha cultura global, cada cultura ten o seu camiño, e hai que estudalas por separado. Segundo Boas, para explicar as tradicións culturais necesitamos: as condicións medioambientais, factores psicolóxicos, e as conexións históricas, sendo esta última a máis importante. Rexeitou o determinismo xeográfico (interpretación xeográfica sobre os factores físicos para explicar os fenómenos sociais), tiña interese por mecanismos psicolóxicos e fisiolóxicos. Para estudar unha cultura Boas daba importancia ao punto de vista dos seus integrantes, pero sen deixarse influír (visión Emic). Fixo unha distinción analítica entre cultura, raza e linguaxe. Partindo do Particularismo non existe correspondencia entre entre a cultura, a raza e a linguaxe, o que cuestiona o pensamento racial da época que establecía unha correlación entre raza e cultura. Boas demostrou que os trazos raciais se transformaban ante novas influencias.
Tamén podemos destacar o seu uso do método indutivo, é dicir, centrarse no estudo dende o particular ao xeral, para non caer en xeneralizacións pouco rigurosas de moitos antropólogos da época.
Obras
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Franz Boas |
Bibliografía
editar- Valdés Gázquez, María (2006). El pensamiento antropológico de Franz Boas. Barcelona: Universitat Autònoma de Barcelona. ISBN 84-490-2443-9. (en castelán)