Francisco Vidal de Olivares

avogado e político galego

Francisco Vidal de Olivares, nado en Valeixe (A Cañiza) no século XIX, foi un avogado[1] e político galego, alcalde da Cañiza dende 1874, sendo o primeiro alcalde do que se conserva unha imaxe no salón de plenos do concello.

Francisco Vidal de Olivares
Lugar de nacementoA Cañiza
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónavogado e político
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

A pesar da súa condición acomodada, Francisco foi un home bondadoso e doou parte do seu patrimonio e herdanza á construción de obras municipais para contribuír á mellora da aldea, como foi a construción da igrexa parroquial que demorou 28 anos en ser finalizada debido á falta de presuposto.[2]

Entre as construcións máis destacadas atópase a Parada de Postas, que hoxe en día se coñece co nome de Fonte dos dous Canos. Esta parada é o elemento arquitectónico máis antigo que se conserva no casco urbano, pois data do século XIX. Esta fonte foi construída por motivo no novo trazado que, dende a Meseta, atravesaba A Cañiza en dirección ao porto de Vigo[3] (estrada Villacastín-Vigo, actual estrada N-120). Francisco viu necesaria a súa construción tanto para que puidesen beber os viaxeiros como os animais nos que viaxaban. Pero esta obra presentou problemas dende o comezo, pois naquela época existía unha loita constante pola auga. Os veciños da zona alta da Cañiza chamada A Calzada, negábanse a que empregasen parte da auga do seu rego. O alcalde tivo que discutir durante moito tempo con estes veciños sen posibilidade algunha de que cedesen.

Finalmente a fonte puido ser construída pero non sen antes ter lugar un acontecemento desagradable. Despois de certo tempo sen falar do tema da auga os veciños obsequiaron ao alcalde con cinco lampreas sen ningún motivo aparente (tratábase dun regalo típico da época, xa que o pobo veciño era Arbo, polo que pasa o Río Miño e é famoso pola pesca deste peixe). Francisco non era un home de carácter desconfiado pero tanta amabilidade despois da disputa non lle inspiraba demasiada seguridade, polo que as lampreas foron parar entre a comida dos seus cans. Horas máis tarde os cans apareceron mortos, polo que finalmente as augas foron requisadas sen posibilidade de negociación e levouse a cabo a construción da fonte.

Último reo en Galicia editar

Un veciño da zona de Deva fora asasinado por outro dun disparo por motivos sentimentais. Dándose o feito de que o asasino xa estaba agardando unha condena do cárcere do distrito dende había máis de tres anos. Finalmente, o veciño da parroquia foi condenado ao garrote. Tratándose do último reo morto en acto público polo sistema do garrote en Galicia.

Finalmente un 24 de decembro[cando?] este veciño foi agarrotado publicamente na Carballeira do Cacharado por un verdugo chegado de Valladolid. Este verdugo chegou ao concello o día anterior e ningún veciño da Cañiza foi quen de acéptalo e prestarlle teito da súa casa para pasar a noite. Por este motivo, foi o alcalde, Francisco Vidal, quen seguindo ordes superiores tivo que cederlle un despacho do concello para que puidese pasar a noite. Francisco, era un home liberal e non estaba moi de acordo co que ía acontecer ao día seguinte, polo que ante a imposibilidade de negociación para evitar a execución decidiu deixar o seu cargo como alcalde.

Notas editar

  1. "Fiesta en Honor al Stmº. Cristo de la Agonía - Concello de A Cañiza". www.caniza.org. Consultado o 29/4/2019. 
  2. "Santa Teresa de Jesús, patrona de A Cañiza - Concello de A Cañiza". www.caniza.org (en castelán). Consultado o 29/4/2019. 
  3. "Historia - Concello de A Cañiza". www.caniza.org. Consultado o 2019-04-29.