Francisco González Rodríguez (garda civil)

garda civil

Francisco González Rodríguez, coñecido como "O Rabioso", nado en Madrid o 24 de xaneiro de 1883, foi un garda civil galego.

Infotaula de personaFrancisco González Rodríguez
Biografía
Nacemento24 de xaneiro de 1883 Editar o valor em Wikidata (141 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesRabioso Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióngarda civil Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Fillo de Carmen Rodríguez Rodríguez, galega de Ferreira de Pantón e José González Rodríguez, garda civil, incorporouse ao colexio de gardas mozos aos once anos. En 1901 obtivo o despacho de garda e foi destinado á comandancia de Pontevedra, primeiro ao posto de Ponte Caldelas e despois ao de Guillarei. En 1906 incorporouse ao posto de Vigo, cidade na que fixou a súa residencia, desenvolvendo a maior parte da súa carreira profesional pa provincia de Pontevedra, agás dúas estancias na República do Salvador e nas colonias españolas de Guinea. Sendo cabo, colaborou en 1916 na detención de Jesús Lago Barbeito, coñecido como “O Rabioso”. Mentres eran trasladados ao xulgado de Vigo para prestar declaración, Jesús conseguiu fuxir, perseguido, foi apresado por González Rodríguez nas augas de Bouzas. O sarxento decidiu facer co rebelde un escarmento, amarrouno polos pulsos á cauda do seu cabalo e doutro garda e ao trote lixeiro, levouno a rastras desde Bouzas a Vigo. Por este feito recibiu o alcume de "rabioso". Jesús Lago Barbeito, agochado desde o 18 de xullo pola súa militancia libertaria, foi asasinado en Vigo o 10 de setembro de 1936 tras ser detido outra vez por González Rodríguez cando tentaba visitar a súa parella en estado de gravidez.

Significouse en agosto de 1917 no combate á folga xeral revolucionaria declarada no conxunto do Estado, recibindo por ese motivo unha felicitación de Afonso XIII nunha real orde asinada en setembro. Destacouse en decembro de 1930 na persecución á revolta republicana que rematou cos fusilamentos de Jaca sendo outra vez obxecto de parabéns polo monarca. Sinalouse no período republicano na loita contra o movemento obreiro, cunha grande relevancia nas xornadas de outubro de 1934 pero particularmente nos conflitos do mar da cidade, sendo condecorado pola súa actuación coa Cruz de San Hermenexildo. Coñecidas as súas posicións ideolóxicas reaccionarias e as profundas conviccións monárquicas, foi trasladado á comandancia de Zamora en abril de 1936.[1] A finais dese mes quedou na situación de dispoñíbel forzoso.[2] O 8 de xuño concedéronlle unha comisión de servizos na cidade de Pontevedra.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 participou na organización e execución do operativo represivo en Vigo. Aparece á fronte das forzas fascistas que venceron a resistencia popular en Vigo e foi nomeado Delegado da orde publica en Vigo. O Rabioso dirixiu centos de investigacións, ordenou e levou a cabo detencións, implicouse directamente nas torturas, correspondéndose o seu mandato cos meses máis duros da represión na comarca de Vigo. Era quen daba lectura as listas cos nomes das persoas que ían ser paseadas no cárcere do frontón de Vigo, así como na recepción de movementos de presos que remataban coa súa morte.

Foi cesado no cargo de delegado da orde pública de Vigo a comezos de febreiro de 1937. O 8 de febreiro foi ascendido a capitán,[3] e destinado á comandancia de Córdoba, probabelmente pola súa ligazón coa trama mafiosa e criminal do xefe do campo de concentración de San Simón Fernando Lago Búa. O 16 de outubro de 1938 concedéronlle o retiro definitivo. Regresou a Vigo, onde residiu un tempo, para despois marchar posiblemente a Ferreira de Pantón, onde segundo algunhas fontes morreu.[4]

Vida persoal editar

Casou en Vigo con María Purificación Pérez en 1909, e foi pai de María Luisa e Carlos González Pérez.[5][6]

Notas editar

  1. El Progreso, 22-4-1936, p. 1.
  2. Pensamiento Alavés, 30-4-1936, p. 8.
  3. El Pueblo Gallego, 12-2-1937, p. 1.
  4. Giráldez Lomba, A. 1939. La guerra ha terminado.... hace sesenta años, en Vigo. Ed. Instituto de Estudios Vigueses, p. 367, Vigo, 1999.
  5. El Pueblo Gallego, 24-10-1937, p. 10.
  6. El Pueblo Gallego, 12-11-1937, p. 4.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar