Focke-Wulf Fw 190

1939 Focke-Wulf

O Focke-Wulf Fw 190 foi un caza alemán usado pola Luftwaffe durante a segunda guerra mundial. Realizou o seu primeiro voo o 1 de xuño de 1939 e exerceu multitude de tarefas durante a guerra. Foi probablemente o mellor caza alemán da contenda.

Focke-Wulf Fw 190
Fw 190 F.
Tipocaza
FabricanteFocke-Wulf
Deseñado porKurt Tank
Primeiro voo1 de xuño de 1939
Introducidoagosto de 1941
Retirado1945
Principais usuariosLuftwaffe
Produción1941 - 1945
Unidades construídassobre 20.000

Historia editar

Deseño editar

Na primavera de 1938 o Ministerio do Aire nazi propúxolle á compañía Focke-Wulf a construción dun caza, só tres anos despois do primeiro voo do Messerschmitt Bf 109. Durante ese tempo pensouse que ningún caza estranxeiro podía superar ao avión de Messerschmitt, pero debido ás excelencias do equipo de deseño de Focke-Wulf, dirixido polo enxeñeiro Kurt Tank, decidiuse ordenar a produción dun novo caza.

A compañía non tiña traballos de importancia coa Luftwaffe, e o novo proxecto comezou a cobrar máis forza, aínda que ninguén agardaba realmente que Focke-Wulf puidese deseñar un avión mellor que o Bf 109.

Elección do motor editar

O principal dilema á hora de comezar o deseño do novo caza foi o tipo de motor que levaría. A maioría das propostas presentadas por Tank estaban baseadas en motores refrixerados por líquido, pero tamén había un proxecto para un caza cun motor radial refrixerado por aire, o BMW 139. Este era un motor moi potente, pero na época case ninguén en Alemaña pensaba na posibilidade de deseñar un caza cun motor radial.

Existían moitos factores que facían pensar en que o motor máis axeitado para un caza de grande velocidade era un motor en "V" refrixerado por líquido, cos seus cilindros dispostos en filas lineais. Pensábase que estes motores eran máis aerodinámicos, e que os radiais refrixerados por aire, cos seus cilindros semellando radios dunha roda, semellaban demasiado voluminosos e causantes dunha alta resistencia. Reforzábase esta idea coas pobres prestacións da maioría dos cazas que usaban motores radiais na época. O tempo demostrou que esta crenza era equivocada.

Finalmente elixiuse equipar ao novo avión co motor de BMW por tres motivos: parecía menos propenso a sufrir danos en combate; ofrecía maior potencia que calquera outro refrixerado por líquido; e, sobre todo, para non sobrecargar a produción dos motores lineis DB 601 e Jumo 611, que se fabricaban en menor número que as células dos avións que equipaban.

Durante o proceso de deseño prestouse moito coidado en facilitar a súa produción en serie de minimizar os problemas de mantemento e revisión unha vez estivese en servizo. Tamén púxose énfase no seu pouco peso e compacidade. Outras características destacables do seu deseño foron a disposición do seu tren principal de aterraxe nas ás, o Bf 109 tíñao baixo a fuselaxe, ou a cúpula acristalada da cabina, que lle daba unha excelente visibilidade.

Redeseño editar

O motor instalouse directamente diante do longueiro principal do avión co obxectivo de reducir o seu tamaño e peso, e a cabina situouse xusto detrás del para preservar o equilibrio. O resultado foi un deseño moi compacto. Tank tiña en mente instalar todo o armamento do caza nas ás, pero o Technischen Amt, o departamento técnico do Ministerio do Aire alemán, apertou para que se instalasen armas na parte superior da fuselaxe. Debido a que a lonxitude non era suficiente para a instalación das mesmas debido ao compacto do deseño, tivo que redeseñarse o caza. Este feito unido á aparición do motor BMW 801 en 1936, máis longo e pesado que o BMW 139 que se tiña previsto para que equipase ao prototipo do Fw 190, aínda que bastante máis potente, fixeron que tivese que abandonarse a idea dun caza pequeno. Tivo que optarse entón por un caza máis grande, potencialmente superior e con máis capacidade de armamento.

Probas de voo editar

O primeiro prototipo, o V1, rematouse a mediados de maio de 1935 e inmediatamente comezou as probas estáticas e de carreteo. O día 1 de xullo fixo o seu primeiro voo. O V2 uniríase ao programa de probas no mes de outubro, pero estrelouse a comezos de 1940 por un fallo na cambota. Nesa época Focke-Wulf recibiría un pedido de 40 exemplares do Fw 190A-4 de preserie e decidiuse non rematar os prototipos V3 e V4, pasando directamente ao V5.

O prototipo V5 voaría en abril de 1940 e era un avión completamente redeseñado, moito máis pesado e robusto. Levaba instalado un motor BMW 801C. O aumento de peso esixía unha á maior, e despois da colisión do V5 cun tractor durante as probas decidiuse instalar apresuradamente unha á máis grande. O V5g (de gross, grande) tiña agora 10,5 metros de envergadura e maior superficie alar, sendo o resultado unha mellora considerable do goberno do avión reducíndose a velocidade en só 10 km/h.

Comezo da produción editar

A principios de 1941 a fabrica de Focke-Wulf en Bremen tiña xa avanzada a construción dos 40 A-4 de preserie, e o oitavo deles xa estaban voando, sendo este o primeiro coa xa normalizada á de maior lonxitude e superficie. Recibírase tamén un contrato para a fabricación de 100 exemplares do A-1 (xa de serie) e comezouse un programa para a produción do avión en fábricas dispersas, para que, no caso de seren bombardeadas, non tivese que pararse a produción. Este programa chegaría a involucrar a unhas 80 factorías distintas.

Esta organización de produción orixinouse cos bombardeos da RAF sobre Bremen os días 4 e 5 de xullo de 1940, que aínda que foron de baixa intensidade agardábanse nun futuro ataques maiores. Á parte da dispersión da produción déuselle licenzas de fabricación do Fw 190 a outras compañías alemás. Estas compañías serían AGO, Arado, Dornier e Fieseler.

Chegada ás unidades de combate editar

A finais de 1940 a produción na factoría de Bremen incrementárase de xeito significativo, e en febreiro de 1941 entregaríanse ás seis primeiras unidades de A-0. Estes primeiros exemplares foron entregados na base de probas de Rechlin-Roggennthin, a onde viaxara persoal da primeira unidade que recibiría o novo caza, o II/JG 26.

 
Fw 190A-3

En xuño de 1941 comezaría a produción do Fw 190A-1 e na fábrica de Focke-Wulf de Marienburg constriríanse os 100 A-1 pedidos. En agosto produciríase o A-2, co apoio de factorías das compañías AGO e Arado. Esta variante substituía as metralladoras das raíces alares por canóns Mauser MG 151 de 20 mm. Mentres tanto continuarían as probas en condicións operacionais por parte do II/JG 26, trasladado en maio ao aeroporto de Le Bourget, en París.

Na primavera de 1942 a produción centraríase na construción do A-3, equipado cun motor BMW 801D-2. Tanto o A-3 como o A-2 eran moi superiores ao Spitfire Mk V británico, que era o mellor caza aliado da época.

Variedade de armas editar

Unha das características que máis destacaron do Fw 190 e todas as súas variantes foi a gran cantidade de armas que chegou a usar. A pesar de ser un caza pequeno en comparación cos británicos e estadounidenses, este feito foi posible debido a varios factores: a forza estrutural do avión; á robustez e deseño do seu tren de aterraxe, que deixaba moito espazo entre o avión e o chan e permitía equipalo con armas grandes; e a enorme potencia do seu motor.

O Fw 190 chegou a usar torpedos navais e bombas de ata 1.800 kg. Foi tamén elixido como banco de probas de numerosas armas experimentais, como o canón SG 113A Forstersonde, probado no A-8 e que consistía en catro canóns de 77 mm que disparaban cara a abaixo cando o avión sobrevoaba o campo magnético dun tanque; ou o SG 116 Zellendusche. seis canóns que disparaban cara a arriba cando unha célula fotoeléctrica detectaba a sombra dun bombardeiro.

Nun principio pensouse lograr esa versatilidade creando versións especiais, pero lograríase máis eficazmente producindo en masa os modelos básicos e dotándoos con equipos de conversión Umrüst-Bausätze e Rüstsätze, que permitían a instalación de distintos tipos de armamento.

Estes equipos podían instalarse en case calquera tipo de Fw 190, pero tamén houbo módulos especiais de armas construídos en fábricas concretas. Este equipamento fixo do Fw 190 o avión que probablemente levou áis tipos distintos de armamento na historia.

Equipos Umrüst editar

Houbo gran variedade destes equipamentos dispoñibles, conseguindo grazas a eles a diversidade que se pretendía á hora de equipar ao Fw 190. Un dos primeiros en ser equipados con eles foi o Fw 190 A-3, ao instalárselle o U1 (equipo Umrüst-1). Outros tipos usados son os seguintes:

  • U1 - eliminaba as tapas do tren de aterraxe e no seu lugar levaba un soporte ventral para unha bomba de 250 ou 500 kg ou catro de 50.
  • U2 - equipo de Jabo (cazabombardeiro) nocturno con escudos antideslumbrantes, apagachamas e soportes para unha bomba de 250 kg e dous tanques de combustible.
  • U3 - un soporte ventral para unha bomba de 250 kg e enganches subalares para catro bombas de 50 kg.
  • U4 - dúas cámaras de recoñecemento Rb 12 na parte traseira da fuselaxe.
  • U8 - varias mesturas de bombas e tanques de combustible. Deseñado como cazabombardeiros de longo alcance Jabo-Rei.
  • U9 - dous canóns MG 131 de 13 mm na fuselaxe, dous MG 131 nas raíces alares e outros dous nas ás.
  • U11 - levaba dous canóns MG 103 de 30 mm en vez de MG FF.
  • U12 - tiña un equipo R1 debaixo de cada á, con dous canóns MG 151 cada un.
  • U13 - cun soporte ventral para unha bomba de 500 kg e enganches nas ás para tanques lanzables.
  • U14 - soporte para un torpedo LTF 5b, cunha deriva maior e tren máis alto.
  • U15 - como o U14 cun torpedo guiado LT 950.
  • U17 - soportes subalares para catro bombas de 50 kg.

O Fw 190A-4, que comezou a producirse na primavera de 1942, consolidaba as modificacións da serie e convertíase nun estándar. Podía levar bastantes dos equipos Unrüst e Rüstsätze dispoñibles. En abril de 1943 entraría en produción o A-5, cunha fuselaxe 150 mm máis longa debido á revisión da montura do motor. Esta variante xa foi deseñada dende un principio para poder levar a gama completa de equipos de conversión.

Novas series editar

Mentres se continuaba desenvolvendo a serie básica A e se incrementaba a produción considerablemente (de 1.278 avións en 1942 a 3.208 en 1943 e 11.411 en 1944), desenvolvéronse outras versións non tan importantes como a Serie F, de ataque, e a G, bombardeiro de longo alcance, así como a serie D remotorizada.

Versións editar

Prototipos

  • Fw 190 V1: voou por primeira vez o 1 de xuño de 1939.
  • Fw 190 V2: incorporaba armamento. Unha metralladora e dous canóns MG 131 de 13 mm.
  • Fw 190 V5: foi o terceiro en voar. Incorporaba un motor BMW 801 e á redeseñada.
    • Fw 190 V5g: V5 dotado con ás de maior envergadura. O "g" da denominación ven de gross, grande.
    • Fw 190 V5k: V5 coa á orixinal de curta envergadura. "K" de klein, pequeno.
 
Fw 190 A8/N

Preserie

  • Fw 190 A-0: os primeiros eran semellantes ao V5k, pero a maioría recibiron a á do V5g. Empregaron varios motores, todos dos subtipos BMW 801C e D.

Serie A

  • Fw 190 A-1: equipado co motor BMW 801C-1 foi entregado á Luftwaffe a mediados de 1941. Tiña 4 metralladoras MG 17 e dous canóns MG FF.
  • Fw 190 A-2: Introduciu canóns MG 151 nas raíces alares en vez de dúas das metralladoras MG 17.
  • Fw 190 A-3: equipado para misións de cazabombardeo, con soportes baixo as ás e a fuselaxe. Tiña un motor BMW 801D-2.
    • Fw 190 A-3/U3 e A-3/U4: equipados con cámaras para misións de recoñecemento.
  • Fw 190 A-4: tiña diferentes instalacións de armas. Apareceu en xullo de 1942.
  • Fw 190 A-5: debido ao aumento de peso modificouse a instalación do motor, facéndoa máis alongada para equilibrar a célula.
  • Fw 190 A-6: incorporaba unha á redeseñada.
  • Fw 190 A-7: tiña un novo sistema eléctrico.
  • Fw 190 A-8: foi a versión máis importante do Fw 190. Foi obxecto de multitude de modificacións, con gran cantidade de equipamentos distintos, moitos deles experimentais.

Serie B Serie C Foi un caza de alta cota cun motor DB 603.

 
Fw 190 D-9

Serie D

Serie F Versión de ataque. Realmente non representou un cambio moi radical con respecto á serie A senón que máis ben consistiu nunha redenominación da extensa gama desa serie. O F-1 estaba baseado no A-4 e o F-2 no A-5 e ambos incorporaban un armamento máis reducido, pero con máis capacidade de bombas. O F-3 era un A-6 coa á modificada. O F-8, a versión máis importante da serie, estaba baseado no A-8 e introducía canóns MG 131 e soporte subalares normalizados.

Serie G Foi unha versión para o bombardeo a longo alcance. O seu nome oficial foi Jagdbomber mit vergrösserter Reichweite e abreviado como Jabo-Rei. Os primeiros modelos foron modificacións da serie A, que se converterían nos G-1. Tiña só dous canóns MG 151 nas raíces alares pero podía levar bombas de grandes pesos e depósitos de combustible lanzables.

Serie S Foi un adestrador para converter pilotos do Ju 87 ao Fw 190. Estaban baseados en células de A-5 e A-8 ás que se lle instalou un segundo asento nunha cabina máis longa e uns rudimentarios controis para o instrutor.