Flandres zelandés
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O Flandres zelandés ou Flandres celandés (en neerlandés Zeeuws-Vlaanderen) é a parte da provincia de Zelandia (Países Baixos) que se encontra na beira meridional do río Escalda.
Esta rexión está culturalmente moi vinculada cara ao Flandres belga, e o dialecto do neerlandés que falan os seus habitantes é máis semellante ao de Gante (gantés) que aos outros dialectos falados nos Países Baixos.
A rexión, cunha actividade económica ben desenvolvida, aséntase sobre chairas fluviais, e conta cunha agricultura intensiva, algunhas zonas industriais e unha actividade turística na súa costa do mar do Norte e nas súas cidades históricas.
Está formada por tres municipios: Sluis (ou Esclusa), ao oeste; Terneuzen, no centro e Hulst, ao leste. O centro urbano principal é Terneuzen, cidade portuaria e con importantes instalacións industriais.
O territorio estivo até o 14 de marzo de 2003 unido ao resto dos Países Baixos unicamente, por vía fluvial, mediante os servizos dos transbordadores do Provinciale Stoombootdiensten in Zeeland (Servizo provincial de barcos de vapor de Zelandia) ou, por vía terrestre, mediante un rodeo vía Bélxica. Nesa data inaugurouse o Túnel do Escalda occidental (Westerscheldetunnel), que une Terneuse con Ellewoutsdijk (Zuid-Beveland), e que constitúe actualmente a unión principal entre o Flandres zelandés e o resto da provincia. Así, a día de hoxe suprimiuse o servizo de transbordador Perkpolder-Kruiningen, mentres que o servizo Breskens-Flessingue foi substituído por un transbordador reservado unicamente a peóns e ciclistsas.
Xeografía
editarPódese dividir o Flandres zelandés nunha parte oriental e outra occidental, separadas antigamente polo Braakman, un vello brazo de mar en gran parte polderizado, e a día de hoxe polo canal Gan Terneuzen. Ao longo deste canal encóntranse zonas industriais como as de Terneuzen ou a de Sas van Gent.
Nos dous extremos do territorio existen importantes reservas naturais: no oeste, a de Zwin, na fronteira con Bélxica, e, ao leste, a Verdronken Land van Saeftinghe (a Terra inundada de Saeftinghe).
Despois da fusión de concellos do 1 de xaneiro de 2003, no territorio do Flandres zeladés non quedan máis que tres: A Esclusa, Terneuzen e Hulst.
- No oeste, o concello da Esclusa, bordeado polo mar do Norte, ocupado principalmente en atraer os turistas para que pasen as súas vacacións na costa. Cadzand é a estación balnearia máis coñecida. A antiga vila fortificada da Esclusa, coa súa torre de asedio (a única conservada nos Países Baixos), e Aardenburg son tamén moi estimadas polos turistas.
- O concello de Terneuzen encóntrase no centro do Flandres zelandés e bordea o industrializado canal Gan Terneuzen. Terneuzen é esencialmente unha cidade obreira. A vila mitilícola de Philippine é tamén unha atracción turística.
- O concello de Hulst, ao leste, perfílase como a vila máis flamenga dos Países Baixos. É sobre todo o estilo de vida borgoñón da vila fortificada o que atrae a numerosos turistas belgas.
O Flandres zelandés é, cunha densidade de poboación de 147 habitantes par km², unha rexión debilmente poboada en comparación coa media neerlandesa, e tamén ten unha densidade de poboación que as provincias flamengas belgas (Flandres occidental e Flandres oriental), ao sur.
Cómpre resaltar que a fronteira entre o Flandres zelandés e Bélxica está practicamente en harmonía coas diferenzas da xeografía física do subsolo: o solo no Flandres zelandés é arxiloso, mentres que os terreos do lado belga son máis ben areosos.
Historia
editarA xeografía da rexión cambiou considerabelmente ao longo da historia. Aínda que o territorio forma agora parte do continente europeo, non foi sempre así. Por exemplo, Terneuzen, Zaamslag e Axel eran orixinariamente unha illa que foi poboada por xentes da beira oposta (Walcheren). A poboación desta parte da rexión ten conviccións fortemente calvinistas. En Zaamslagveer, na parte oriental, comeza o verdadeiro continente: é o país de Hulst, que sempre tivo un carácter firmemente católico; foi conquistada tardiamente pola República das Provincias Unidas. Toda a rexión estivo na liña da fronte durante a guerra dos Oitenta Anos e cando, finalmente, foi conquistada, converteuse nunha Terra da Xeneralidade.[1] Hoxe, católicos e protestantes conviven sen problemas, aínda que poden observarse algunhas diferenzas culturais entre eles.
Ao oeste de Terneuzen, había orixinariamente moita auga: o Braakman, un brazo de mar que só se embalsou na década de 1950, é un vestixio. A rexión occidental tamén ten unha historia turbulenta. Breskens non se chama por casualidade de Bresjes (en flamengo occidental: na zona había moitos illotes). Zwin, que actualmente é un funil de marea que constitúe a fronteira vadeábel do estado, foi unha vez un gran brazo de mar que enlazaba Bruxas vía Damme co mar do Norte. A Esclusa encóntrase hoxe nunha fermosa zona do interior, pero a batalla da Esclusa en 1344 foi realmente unha batalla naval.
Despois de que Bélxica conquistara a súa independencia en 1830, a rexión converteuse esencialmente nun paraíso para o tráfico de, entre outros artigos, manteiga e cigarros, aínda que tamén ten instalacións militares. Terneuzen sempre tivo un arsenal, e na fronteira, cerca de Knokke encóntrase a vila de Retranchement e as ruínas das fortificacións, moitas aínda por descubrir. Durante a primeira guerra mundial, preparáronse plans de anexión de Bélxica en compensación polos danos sufridos. Entre outras reaccións, compúxose a canción patriótica do Flandres zelandés.
Unha especie de conciencia nacionalista renovada apareceu na rexión en 1958 durante accións de protesta para defender os Vrije Veren (os "transbordadores gratuítos") levadas a cabo polo comerciante de gando Honoré Colsen, orixinario de Sluiskil.
Notas
editar- ↑ As Terras da Xeneralidade (Generaliteitslanden en neerlandés) eran territorios da República dos Sete Países Baixos Unidos baixo administración directa dos Estados Xerais. En contraste coas Sete Provincias que constituían a República (Groninga, Frisia, Overijssel, Güeldres, Utrecht, Holanda e Zelandia), as Terras da Xeneralidade non dispoñían de voto no goberno do país. Eran antigas rexións católicas que no curso da guerra dos Oitenta Anos pasaron da soberanía españolas á holandesa. Funcionaban como «territorios ocupados» e servían de zona de contención entre a República e os Países Baixos españois.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Flandres zelandés |