Filemón e Baucis
Filemón e Baucis foron dúas personaxes mitolóxicas, os habitantes máis compasivos do seu pobo. O poeta latino Ovidio cóntanos a historia da parella no libro VIII[1] das súas Metamorfoses. Eles acolleron a Zeus e a Hermes disfrazados con farrapos e déronlles acubillo. Por iso Zeus permitiulles traballar para el e, no momento de morrer, fixérono os dous ao mesmo tempo para que ningún sufrise polo outro, transformados en árbores.
Mito
editarFilemón e Baucis foron unha parella moi pobre que vivían na zona de Frixia. Zeus observaba que por aqueles territorios existía un gran número de familias que vivían en humildes chozas, pero eran pouco hospitalarios cos visitantes que por alí pasaban. Anoxado pola falta de amabilidade destes, decidiu investigar un pouco. Disfrazouse, xunto co seu axudante Hermes, cuns horribles farrapos vellos para dar un aspecto o máis pobre posible, e así foron visitando todas as casas, obtendo sempre un trato desagradable, excepto nunha das chozas, a de Filemón e Baucis.
Eles acolleron o máis amablemente posible a estes farrapentos que chamaron á súa porta. Déronlles auga para lavarse e o banquete máis suntuoso que podían ofrecerlles. Mentres transcorría a comida, os esposos observaron con admiración como os alimentos nunca se esgotaban. Entón a parella deduciu que os seus hóspedes eran, en realidade deuses inmortais. Despois do ágape, Zeus e Hermes mostráronse co seu auténtico aspecto e conduciron ao matrimonio ao máis alto dun outeiro, desde o que se enxergaba toda a rexión. Dende alí puideron ver como a súa choza se transformaba nun grande pazo, que serviría de templo para os deuses. Ademais, en agradecemento, Zeus díxolles a Filemón e á súa muller que lles concedía todo canto quixeran, e estes pediron converterse en sacerdotes do templo. Por outra parte, Zeus enviou un gran diluvio á rexión, cuxos habitantes pereceron totalmente, salvo a parella.
Zeus cumpriulles os seus desexos, viviron ao coidado do templo moito tempo e, á hora de morrer, transformáronse en árbores á vez: a Filemón en carballo e a Baucis en pexego. Dende entón, ambos permaneceron xuntos para sempre coas pólas entrelazadas.