Festa do Monte

festa tradicional na Guarda
(Redirección desde «Festas do Monte, A Guarda»)

Coordenadas: 41°53′32″N 8°52′15″O / 41.8921208, -8.8708071

A Festa do Monte de Santa Trega, coñecida coloquialmente como Festa do Monte, é unha festa popular galega que se celebra a segunda fin de semana de cada mes de agosto no Monte de Santa Trega, na localidade pontevedresa da Guarda. Está declarada como festa de interese turístico galego desde o ano 2009.[1]

A Festa do Monte.

Orixe editar

Antigamente cada 15 de agosto, na comarca do Baixo Miño, era costume que as treboadas, conxuntos musicais nos que predominaban bombos e tambores, saísen cos seus instrumentos a percorrer as rúas das parroquias. Estes desfiles remataban cunha xuntanza no cumio do monte Tegra onde se organizaban unha ruidosa reunión co protagonismo dos instrumentos de percusión. Descoñécese cal foi inicialmente a función destes "trebóns musicais", aínda que se especula coa posibilidade de que servisen para o esconxuro das tormentas de agosto.[2]A festa como hoxe se coñece iniciouse no ano 1912, coa creación na Guarda da Sociedade Pro-Monte de Santa Trega, entre cuxos fins estaban os de revitalizar as celebracións relixiosas da ermida, reforestar as abas do monte, embelecer a contorna e construír unha nova estrada de acceso ao mesmo.[3]

No 1913 a sociedade Pro-Monte organizou a primeira Festa do Monte de Santa Trega, que aínda que nas súas primeiras edicións tiña un carácter familiar, e contaba só coa participación dos membros de devandita sociedade. No ano seguinte, durante a construción da estrada de acceso á ermida, descubríronse os importantes restos do Castro de Santa Trega. Nos anos posteriores a romaría acadou unha gran sona no baixo miño, pasando a se converter nunha celebración anual, cuxos festexos populares -non así os relixiosos- só se interromperían entre o ano 1936 e 1938, por mor da Guerra Civil.[4]

A festa hoxe editar

 
Treboada marchando polas rúas da Guarda.

As Festas do Monte teñen unha duración de sete días, durante a segunda semana do mes de agosto e o luns seguinte do «Domingo do Monte». De luns a venres hai unha serie de verbenas que animan as noites e polas tardes unha serie de actos culturais e deportivos nos que a xente pode participar.

Os días con maior interese son o sábado e o domingo. O sábado é cando se celebra o tradicional desfile polo centro da Guarda. Nel, pódese observar grupos con diferentes traxes rexionais, grupos de gaitas e folclóricos, pero o que máis destaca neste percorrido son as bandas mariñeiras cos seus toques dos bombos, das caixas e das gaitas.

O domingo é o día máis esperado de todos, o chamado «Domingo do Monte». Desde a mañá, as bandas mariñeiras, familias e visitantes soben ata ó Monte Santa Tegra para celebrar a romaría. Unha vez todos arriba, cada banda ten un lugar asignado onde tocan, comen e beben todos xuntos. Despois de comer cada unha delas fai o seu toque cos bombos, as caixas, as gaitas ata o momento da xura, no que cada unha xura con viño que o ano seguinte volverán acudir. A xura é unha declaración de fidelidade á banda, sobre todo os mariñeiros, xa que xuran por poder volver o ano seguinte. É unha protección, non perderon a vida na mar e así pode xurar cada ano. Arredor das sete da tarde as bandas comezan a baixar cara ao Montiño. Alí xúntanse todas xuntas o fin dunhas festas. O luns despois do «Domingo do Monte» pola noite bótanse fogos artificiais para pechar o remate destas festas.

As bandas mariñeiras editar

As bandas da Festa do Monte son mariñeiras, familiares, de diferentes número de integrantes. Cada unha delas é representada cunha cor e un toque diferente para distinguilas. As diferentes bandas que integran estas festas son[5]:

  • Banda Negra
  • Mau Mau
  • Banda Roja
  • Os Perdidos
  • O Ceu Oscuro
  • A Troulada
  • Os Despistados
  • A Desfeita
  • A Chicadoira
  • Os da Corea
  • Os do Rancho
  • A Carallada
  • A Foliada
  • A Beira do Río
  • Ribadela
  • Os da Alba
  • O Pé do Tegra
  • Fervenza Tinta
  • Os do Outro Lado do Monte
  • Nova semente

Notas editar

  1. "RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2009 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2009 polo que se declara festa de Galicia de interese turístico na provincia de Pontevedra a Festa do Monte que se celebra no concello da Guarda". Consellería de Cultura e Turismo. Xunta de Galicia. 15/07/2009. Consultado o 15 de febreiro de 2017. 
  2. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada". Consultado o 2021-08-24. 
  3. Villa Álvarez (2012-10-18). "Los indianos en la sociedad Pro-monte". centenariofiestasdelmonte.blogspot.com. Consultado o 2021-08-24. 
  4. "Historia de las Fiestas del monte". www.aguarda.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2021. Consultado o 2021-08-24. 
  5. "A Guarda celebró su tradicional desfile de bandas". Telemariñas (en castelán). 2016-08-13. Consultado o 2021-08-24. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar